00:54 Mércores, 21 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-08-2010

Nova oferta e demanda, novo mercadeo, especializado na venta e no aluguer de traxes, armamento e complementos do pasado xunto con todas as artesanías tradicionais

Festas de Historia, Historia de festas

Valorar (9)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ


Festa da Istoria (Ribadavia)


Vivir do conto sempre foi e seguirá sendo un recurso de vida, dentro e fóra de calquer outro parlamento. E veña a esfiañar historias, entre viño, pan, empanada, caldeiradas, churrascadas, folións, pirotécnica, música, aturuxos, barbarie, botellón e bendicións. O asunto é provocar aos sentidos que iso é do que se trata, con tal de virar o rumbo da rutina cotián.  Festas para todos os gustos: as  dedicadas a santos patróns na súa onomástica,  enchendo petos de santuarios; as celebradas arredor dalgún desafío desigual entre o home e os irracionais, vertendo toda a biles e realizándose sobre os animaliños, Rapa das bestas, solta dun boi, defenestración dun galo, poxa dun porco... E pensando ben -pese a antiquísimas tradicións galegas, celtas ou galaicos romanas do "taurobolio", ou sacrifico do touro, as hecatombes  en función do agoiro, que  constatan os cronistas grecolatinos e a arqueoloxía- aínda seguimos a limar o instinto primitivo de forza e sangue que tanto maleduca na relación do home cos animais, ou competindo en pelexas entre nós. Desde os anos sesenta  púxose de moda  como argumento e recurso festivo algo esencial á festa mesma, a exaltación universal da gastronomía local. Sempre pretextos para dinamizar a lei da oferta e da demanda. E sobre a tradición a sombra interesadamente degradadora do "botellón".

E " item" máis: como se do rodaxe dunha película se tratara, coa ansia de ser actores, tamén se argallan festas que reconstrúen algún fito do pasado histórico. Así é que  alí onde asome a silueta dun castro, a torre ou a espadana medieval, a solemnidade dun pazo... pode ser o escenario baril, complementado co cartón-pedra,  para a celebración. Os cronistas e animadores locais baten o siso, aburridos das liturxas confesionais, furan e métense nos argumentos laicos -os que agora se prefiren e axustan ás bases de convocatoria de subvencións- recuperan historias, mitos, contos locais e poñen en marcha ós milmañas para a realización do programa festivo.

Algunha destas festas, por certo, son ben antigas e tradicionais, precursoras das de nova fritura, rememorando razzias e  batallas , como as de  mouros e cristiáns, sempre aqueles perdedores, e  que agora con iso da igualdade, haberíalle que dar algunha oportunidade de vitoria aos da bandeira da media lúa. Cómo a da Saínza, o desembarcos vikingo en Catoira, a  "Festa da  Istoria" de Ribadavia, ao redor dos xudeus;  a da Arribada dos Pinzón a Baiona, o asalto irmandiño do Castelo de Moeche,  a festa medieval de Monterrei,  o paso do río do Esquecemento polos romanos en Xinzo de Limia, o "Arde Lucus", o "Oenach" céltico de Narón, o Folión Castrexo de Celanova , a Festa Castrexa de Xunqueira de Ambía, a batalla de Elviña  na Coruña, a Reconquista de Vigo, a Feira Franca de Pontevedra... Ou franquicias encargadas pola propaganda e por catálogo, sen esforzo e a golpe de talón, polos concelleiros de cultura para encher as rúas de  exóticas artesanías e aromas marroquíes. Nova cabalgata de Reis, novo Entroido, nova Santa Compaña, nova arquitectura festiva para altisonantes pregóns, entre tambor e trompeta, e toda unha secuencia de eventos: batallas, asaltos, xustas, axustizamentos, autos sacramentais, desfile de xerarquias vestidas de terciopelo, purpurinas e bisutería... Nova oferta e demanda, novo mercadeo, especializado na venta e no aluguer de traxes, armamento e complementos do pasado xunto con todas as artesanías tradicionais. Proba de que o enxeño move montañas, mobilización de costureiras, dos milmañas: corozas,  túnicas, satumbes, saias,  cascos, gorros e sombreiros, espadas, lanzas...

Os máis refinados na busca do rigor acoden ás enciclopedias, a "google" e a todo canto atopan para darlle maior realismo ao encontro co pasado nas rúas da contemporaneidade. Festa histórica  con  moitas outras dimensións, relense ós antigos tratados de gastronomía, para  reproducir vellos receitarios de potaxes, uso das especias e asados ao espeto, filloas, rosquillas e melindres de postre... argállanse e artéllanse estariveis, tinglados, escanos e mesas de madeira, tronos e gradas para  presidir contendas, xuízos, para comer coa man e co puñal , para golear o viño e os licores por cálices, xerras ou cuncas,  entre simulados acentos estranos e toda escatoloxía. A festa está en marcha, ponse a proba o enxeño histórico e a cultura. E sen puritanismos convívese en mestizaxe, asoma  entre a ledicia o mellor do ser o humano, a inxenuidade e todos os cazapos históricos  na comunión  entre clases e xerarquías: druídas e bardos con lexionarios romanos, cruzados e mouros, cabaleiros,  bispos e verdugos, adiviñadores,  esmolantes, peregrinos, leprosos, eivados e frades, emperadores i exóticos viaxeiros orientais... E volta a saír do entullo e a ter algunha aplicación o vello e sobrevivente  carro de vacas, o escano e a gramalleira, a coroza, o mantelo e un vello medallón  que foron dos devanceiros. 

E "a segundo" cada un así é tamén o disfrazo, máis coidado ou descoidado. Pero tamén no colectivo está acicalar os escenarios urbanos, axustalos ó pasado... e veña saco e palla... pendurar pendóns, bandeiras e estandartes, patíbulos, tribunas... E aqueceralle moi ben ao Pepiño, o fontaneiro, facer de Décimo Xunio Bruto atravesando as augas do Limia; a don Manuel, o mestre, arremedar a Xelmírez e asomar baixo as arquivoltas da ermida, a María, do supermercado, facer de etaira oriental movendo como unha serpe os cadrís e o embigo  no medio dun corro... ao Toñito, o boticario, facer de Pedro Madruga, a cabalo e a brandir no ar a espada... e ao señor Alcalde sempre xenio e figura, sobre todas as cousas, empoleirado no balcón da torre, coroado, enmedallado, ensortixado, co cetro, a súa banda o mitrado cardeal  e princesas, arrodeados de aduladores lacaios, namentres os plebeos aclaman  e cospen ó ceo. O caso é facer festa e feira... e nelas tamén reproducimos o estado anómico, si: ANÓMICO da cuestión.


[25-08-2010 13:39] Xan comentou:

Coido que se fai un remexido demasiado amplo e diverso de cousas non asimilábeis entre si. Hai unha crítica demasiado extensíbel a toda canta festa, conmemoración ou recreación haxa, padeza ou non desa criticábel falla de rigor histórico, da mercantilización agobiante ou da paifocada evidente. Porén, o problema fundamental q vexo non é q Pepiño o fontaneiro faga de Décimo Xunio Bruto ou de que alguén poida gañar diñeiro confeccionando traxes tradicionais galegos. O peor é que case sempre se cae en aculturacións bestiais que nos educan na mentira, non nos permiten identificarnos como povo e nos colonizan. E é chocante ver como os mercados "medievais" galegos están ateigados de postos de queixos estremeños (moi bos por certo), alfaiataría universalista -sen denominación de orixe- e cecina de Salamanca. Os contidos históricos e culturais galegos están moitas veces relegados, e os nosos produtos artesanais son ampla minoría. Doutro xeito, as nosas festas serían un bo xeito de socializarse e tomar conciencia como povo diferenciado

[25-08-2010 08:49] nelidalogic@mundo-r.com comentou:

Teño un colega, arqueólogo, que bota pestes en contra de todas as festas medievais, nas que prevalece a ÁNOMIA e o espíritu festeiro, por riba de rigor histórico algún. Andaba todo escandalizado porque na do noso pobo, a organización pretendía, e ó final o fixo, xulgar a un Señor do Medioevo, por un acto de estupro contra unha vasala, condealo e aforcalo. Facendo unha especie de reinvención da historia.
Como dícia á miña aboa "se a casa arde, quéntate ós cangos", en plena crise económica e o único que se nos ocurre e organizar mercadillos para que a cidadanía esprima máis os seus xa valeiros petos. Nada de utilizar as sinerxias en proxectos colectivos productivos, en festas é no que o facemos. Se os nosos levantaran a cabeza, voltaban a caer de cú ante tanta falla de sentido común.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña