15:04 Mércores, 08 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-08-2010

A súa bandeira era a de Galiza, branca e azul, se ben lle engadían unha estrela branca, que xunto a vermella, como afirmaban na propaganda autonomista, representaban a liberdade

Irmáns, morra a porca. Sobre a mocidade nacionalista do 36

Valorar (59)

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN


“Guieiro”, a revista da Federación de Mocidades Galeguistas do Partido Galeguista


A homenaxe, que coincidindo co Dia da Galiza Mártir, se lle ven de tributar a aqueles mozos que coa súa loita fixeron posíbel que Galiza plebiscitase o seu estatuto o 28 de Xuño de 1936, debe servir para recuperar a memoria, tamén o corpo doutrinal e o universo simbólico, daquela fornada do movemento xuvenil nacionalista, por ser esta quen máis esforzos dedicou a loita estatutaria. Certo é que nesta labor non partimos de cero, posto que as organizacións actuais da mocidade patriótica abriron camiños para restaurar esa parte tan esencial do noso pasado; a UMG tomou como nome o seu voceiro o vello cabezallo do xornal das Mocidades, Galiza Nova trouxo aos tempos presentes os nomes e a palabra esquecida de patriotas dunha soa peza e mesmo o Consello Da Xuventude, dirixido polo nacionalismo, fixo a edición facsimilar do "Guieiro". Aínda así moito fica por facer, nus casos desmontando visións interesadas para xustificar posteriores evolucións persoais ou colectivas, noutros evidenciando a distorsión que se ten feito daquela realidade en determinados estudos e publicacións baixo a escusa de supostas análises científicas,pero fundamentalmente para transmitirlle ao nacionalismo de hoxe o patrimonio ideolóxico e a experiencia política daquela xeración.

Poderíamos falar da súa definición ideolóxica, sempre se definiron como nacionalistas, ao igual que os membros do partido, até o punto de que na súa derradeira asemblea celebrada en Maio do 36 mudaron de nome para pasar a autodenominarse Federación de Mocidades Nacionalistas; sabían, xa o decretara Antón Vilar Ponte en 1920, que o galeguismo desde asemblea de Lugo era unha verba morta que só daba acubillo aos enemigos de Galiza. Ao mellor, sería bo lembrar que lles tocou vivir momentos convulsos no interior dun nacionalismo enfrontado a un escisión;mozos de corazón quente e cabeza fría, mantivéronse á marxe de operacións fraccionais convencidos de que a unidade era un valor en si mesmo, ou como afirmaba Velo Mosqueira "nacionalistas só nacionalistas". Se cadra, cumpriría referir a súa vontade de converter ao nacionalismo nun movemento de masas, algo que pasaba por autoorganizar ao pobo galego, e así participaron de sindicatos de clase, fundamentalmente da CNT, das organización agrarias ou potenciaron asociacións estudantís, clubs deportivos, grupos deportivos, chegando a estruturarse mesmo en células. Non hai dúbida de que estamos diante dun tema aberto, nada máis parecido a un monte a bravo que urxe comezar a rozar, xa que logo imos limitar estas liñas a recuperar aquel imaxinario simbólico onde recriaron o ideal patriótico e a lembrar aos mozos e mozas nacionalistas vítimas da represión franquista.

E así aparecen diante nosa, primeiramente, os asasinados. Pedro Galán Calvete, estudante de comercio, fundador e Secretario de Organización da Mocidade Coruñesa, dirixida por Marinhas del Valhe.Antes de morrer, nun mitin da campaña do Estatuto, deixounos por escrito o seu autoretrato:"Como galego son nacionalista,como home son marxista, para que me entendades son un separatista". Xaquín Domínguez, Secretario de Organización das Mocidades en Vigo, fusilado no Monte do Castro. Na súa causa militar reza propaganda derrotista, tiña afirmado que coa entrada da Unión Soviética na Guerra Franco sería derrotado e as nacións ibéricas acadarían a súa liberdade. Xoán Antón Suárez Picallo, mestre, estudante de Filosofía e Letras, dirixente da Mocidade de Sada e Secretario Local da CNT. Tiña 24 anos cando apareceu morto nun monte ao pé da súa casa, xunto a 5 veciños máis, tamén mozos. Deixaba un pai, que segundo o seu irmán Ramón morreu de pena aos poucos día, e unha nai que non tardou en seguilo para o alén tras tolear. Antón Moure, secretario da mesa na derradeira Asemblea da Federación, militante do grupo de Ourense e dirixente do ATEO. No seu testamento, ditado ao Pleno da Asemblea e recollido nas páxinas do Guieiro, advertía que tras o discurso anticomunista agochábase a coartada para desertar da causa patriótica. Non viviu para velo. E teríamos que seguir, e seguiremos, porque a lista e longa, falando de Segundo García, de Valdeorras, asasinado en Setembro do 36 e do seu veciño, Antón Arias, de alcume "Clavel", morto xa na Guerrilla, e dos irmáns Castelao, de Rianxo, morte tráxica en Vigo, e así ate completar a nosa Santa Compaña xuvenil.

Chegan tamén novas dos que sufriron desterro, os exiliados que pousaron pola galeguidade errante, e paramos en México, porque nalgún sitio hai que parar e porque hoxe iniciamos camiño, e claro que camiñaremos por arxentina, Chile ou Venezuela, e veremos mocidade nacionalista, exiliada, en todas partes. Xosé Caridad Mateos, Arquitecto, militante da agrupación coruñesa, fillo do xeneral Caridad Pita, asasinado. Colaborador de Loita,Saudade e Vieiros, activista da Alianza Nazonal Galega, dirixente do Padroado de Cultura Galega, militante da UPG. Morreu en México, na súa universidade daba aulas, a súa obra estudase nas escolas de arquitectura de todo o mundo, nunca volveu a Galiza. Roxelio Rodríguez de Bretaña, militante en Ourense,fuxiu da morte segura en Galiza alistándose como voluntario nunha columna de Requetes, de ai o alias. Participou da actividade cultural e política en México e acudiu en representación dos nacionalistas alí exiliados ao Congreso Galego da Emigración. A última vez que se lle veu polo País foi no Congreso do Partido Galeguista en Poio. Chorou coma un neno tras escoitar a Piñeiro. Aínda si tivo os folgos de chamar traidor ao de Láncara tras rematar a súa intervención.Ramón Cabanillas Álvarez, fillo do poeta de Cambados, fillo a Guerra primeiro nas "Milicias Galegas" e despois no V Rexemento. Comisario político, estampou a estrela vermella do seu cargo sobre a banda azul da nosa bandeira branca. No medio da Batalla do Ebro estampou no seu diario de campaña: "Avanzamos 50 metros en dirección a Galiza". E como non, tamén están aquí os Elixio Rodríguez, os Uxío Souto, os Xoán García,os Carlos Tobío os Celso Vila...

Os que morreron, os que marcharon, os que soportaron toda a vaga de terror franquista na Galiza, fixéronse, naquela escola patriótica que foron a Federación de Mocidades Nacionalistas, a quen Gil Robles no seu mitin en Compostela en 1936 definiu como a expresión máis nítida da Anti-España en Galiza. O seu anti-españolismo tíñano a gala, até o punto de que nas páxinas do Guieiro parabenizabanse de que o seu director, Celso Emilio Ferreiro,fora condenado en 1935 por inxurias ao Estado. Tratábanse de irmáns,como os socialistas de compañeiros e os comunistas de camaradas. Si os da XSU gastaban garabata vermella, estes marchaban con camisa verde. Tomaran como propio o Himno de Galiza con letra de Brañas e musica de Vitoriano Taibo, se ben alteraron uns últimos versos para afirmar "pero nos non somos españois".A súa bandeira era a de Galiza, branca e azul, se ben lle engadían unha estrela branca, que xunto a vermella, como afirmaban na propaganda autonomista, representaban a liberdade.Nos anos 40 e 50, canto todos eran sospeitosos, as agochadas sinalábanos como aqueles que antes da guerra berraban "morra a porca", claro está que o animal, aquí si na súa versión máis desgraciada, era unha referencia a España.E lémbrome agora de Vicente Bóveda, o desgraciado irmán de Alexandre, o Vitín das últimas horas do protomártir, de González Gándara de Celanova, de Pepe Velo o do Santa María, e quero berrar con eles, Irmáns, Morra a Porca.

1 2 seguinte

[24-08-2010 10:27] semente comentou:

Galiza Nova leva anos reivindicando as mocidades nacionalistas. Rescatou a Antón Moreda na Arenga da Mocidade e a Homenaxe a Rosalía e Castelao do 24 de xullo,homenaxeou ao Corcheiro nas Xornadas de Verán do Carballiño, recuperou a Pedro Galán Calvete e púxo unha placa na Coruña, no cemiterio, no ano 2007, participou da Homenaxe do Colectivo Ollomao a Antón Moreda e da que se lle fixo a Elixio Rodríguez, entregándolle o carné de honra da Organización, editou colantes, caderno de formación e participou todos os anos dos actos a Alexandre Bóveda o día da Galiza Mártir, organizando ademais outros tantos a Anxel Casal, en Arzúa, Xohan Carballeira, no Morrazo, ... Aínda é moito o que fica por facer, pero Galiza Nova con maior ou menor suceso xa leva percorrido moito e é xusto recoñecelo...

[23-08-2010 22:59] xusticeiro comentou:

parabens camarada Moncho un artigo dos cales merece a pena ler

[23-08-2010 11:15] luases comentou:

Saúde e Terra!

[22-08-2010 15:29] Fumador comentou:

De sumo interese, fundamental.

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña