09:05 Sabado, 23 de Outubro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-08-2010

Mentres os preadolescentes son mestres informáticos na súa casa, na escola a organización educacional fai que o sistema de adquisición de competências evolucione dun xeito moito mais lento do desexábel

Utilidades das tecnoloxías e sociedade

Valorar (5)

LILA RODRÍGUEZ OUTEIRO



Neste mes de agosto no que moita xente conta con tempo de descanso e vacacións non hai mais que botar unha ollada ao redor para ver que a maioría da xente xa non vive sen  as chamadas "novas tecnoloxías" malia levar anos vivindo inmersos nelas : ipods cos que ouvimos música en calquer sitio que esteamos, telefones de última xeración nos que xestionamos o correo electrónico  ou entramos en internet...xa non é necesario estar baixo teito e colado a unha mesa de escritorio para traballar ou estar "conectado".  Por pura utilidade (na miña semana laboral utilizo o transporte público unhas duas horas e media ao dia, e non era cousa de ir cargada con libros e papeis todo o dia)  merquei hai mais de dous anos un e-book no que a maiores duns 100 romances e 200 libros/ensaios de temática profesional, vou metendo artigos varios para ler ou de traballo para refacer.  Neste tempo veño observando un cambio considerábel nos meus veciños de Bus;  mentres antes miraban de esguello preguntándose qué seria aquela espécie de ordenador sen teclado que eu levaba nas mans, nos últimos meses teñenseme acercado abondo a preguntar polo resultado do tal aparello; eu contéstolles sempre o mesmo, se tes moitas horas de transporte público, é unha delicia non ter que cargar co Best-seller de 500 páxinas todo o dia nin temer que remates a novela a media viaxe e quedes a mirar pasar o tempo a outra media...pero de non ser ese o caso ¿cal seria a utilidade do cacharro? (Do tema do aforro de papel dos libros electrónicos poderemos falar doutra volta). 

As tecnoloxías, como todo nesta vida, teñen utilidades e momentos para os que nos son boas e outros nos que non nos merecen atención. Algúns achéganse a elas por pura necesidade, o analfabetismo informático e fonte de desemprego en moitos sectores, e outros por moitas outras razóns que van do snobismo por "estar á última" aínda que non lle saibamos a utilidade ao aparello (cantos telefones 3G e con vídeo chamada acaban no lixo sen ter sido usados ao cento por cento)  á comprensión de que o mundo avanza e esas máquinas son xa indispensábeis. 

Se eu tivese esas 2 ½ horas  libres para non facer nada seguramente non iria no bus revisando informes de Word, presupostos en PDF, ou repasando as facturas escaneadas, pero o certo é que canto mais avanzan as tecnoloxías mais se difumina a fronteira entre o tempo de traballo e o de lecer e, malia térmonos fixado nas vantaxes de ter o mundo todo a un clic ou de poder falar con calquera desde calquer punto do planeta que esteamos, tamén é certo que permiten ás empresas ter moito mais "atados" aos traballadores/as. ¿Quen non sabe de algunha persoa de baixa na casa cunha perna quebrada que, como ten ADSL e pode entrar no correo da empresa...pois pasa o dia traballando coma se estivese no seu escritorio. 

Internet está cada dia mais presente nas nosas vidas e iso implica polo menos dúas cousas: que lle dedicamos tempo que temos que quitar de outras actividades, e que temos que desenvolver novas capacidades para actuarmos na rede.  

No tocante ao tempo a rede social facebook conta com mais de 10 millóns de usuarios/as no estado español e pasa dos 500 no mundo;  tuenti  é a rede mais utilizada en España pólos adolescentes e ten un 35% de tráfico máis que Google.  En xeral, o 80 % dos internautas pertencen (mos) a unha rede social, e  o 60 % a consulta a diario; a media de estancia díaria en facebook supera os 55 minutos e no tuenti os 80.  

Tamén é certo que non todo é tan cor de rosa, coa orografía galega o internet móbil non é tan doado e ainda que moitos concellos fan esforzos suplementarios  instalando antenas wifi hai moitas zoas de sombra nas que a conexión sen fios non é posíbel. A inversión das operadoras céntrase nas grandes vilas e cidades, e así as diferenzas fanse meirandes entre os espaczos con todo tipo de infraestructuras tecnolóxicas (as cidades nas que se agolpa a maioría da poboación) e os lugares que se van baleirando de xente e de inversións. O diñeiro manda! por moito que as operadoras falen do ¡dereito a internet!  

No canto das capacidades e competencias  a cousa é outra:  Mentras antes do ano 2000 os usuarios/as potenciais dos computadores facían cursos de iniciación á informática para coñecer o medio, cada vez mais a alfabetización informática prodúcese por simples achegamento ao aparello por parte do neno/a. A  presenza da máquina na casa favorece que se supere a fenda tecnolóxica e facilita o achegamento e a perda do medo que se da sobre todo nas persoas maiores. Os menores de 25 anos son internautas practicamente no seu 100% ( un estudo feito pola Universidade privada Camilo José Cela fala dunha incidencia que supera o 94%), mentras que nos maiores de 65 só son o 10 % os utentes da rede. 

Así, mentres os preadolescentes son mestres informáticos na súa casa, na escola a  organización  educacional fai que o sistema de adquisición de competências evolucione dun xeito  moito mais lento do desexábel pois a tradición da aprendizaxe clásica pesa ainda moito. Na verdade, en moitos casos, dende as mais altas estructuras políticas, trátase mais de cambios na linguaxe que de cambios efectivos na escola, e, ao tempo, os rapaces e rapazas van perdendo interese pólos cursos e van perdendo e abandonando os estudos.


No estado español 3 de cada 10 alumnos non se gradúan no ensino obrigatorio, pero, por outra banda, as empresas están cheas de persoas con sobre-formación. Hai milleiros de diplomados/as universitarios traballando en postos que non precisan de tan alta cualificación formativa. O sistema educativo tal como está artellado non consegue avanzar ao ritmo desaforado dos avances tecnolóxicos nin conciliar cos intereses e necesidades do mundo laboral. As innovacións continuas no tecnolóxico fan prever dificultades nos axustes dos sistemas, pois a profundidade das transformacións é grande. Os historiadores din que estamos vivindo un cambio de época, que a chamada idade contemporánea está dando paso a unha nova era, e debe ser certo, porque ben mirado con óculos de lonxe, cando aínda non temos ben asumido o avance que supuxo a luz eléctrica, estamos xa a anos luz do mundo que existía cando ela naceu.

[25-08-2010 10:16] Portenázera comentou:

O feito tecnolóxico é consustancial á especie humán, agora estamos noutra etapa mais, a diferencia é que a nosas xeracións ollan un vértigo de poucas décadas no que as nosas aboas case centenarias testemuñan o paso das das vacas, fame e guerras á fascinación da evolución que non cesa...Isto xa o preveían algúns romances de ficción científica desde os anos 60, unha xeira de psico-drama colectivo no que tamén hai atonía, valeiro, crise, tecnofobia, etc. todo se mistura...hai unha desfase entre a evolución tecnolóxica e a organización social-cultural que integre os avanzos de xeito sostible, ou sexa a velocidade das innovacións son de tal celeridade que non hai tempo cultural para metabolizar isto.

Unha opinión moi modesta, penso que os que temos sobre 40-50 anos o levamos mellor, aínda de nenos xugamos en bandas con paos ou pedras nas ruas e aldeas, aínda só había 2 canais de tv, algúns como emigrantes vimos outras sociedades, os últimos trolebuses, vimos as antigas radios, os televisores de válvulas, o stereo, tamén daprendimos a facer raizes cadradas a mao, usar taboas de logaritmos ou razóns trgonométricas, mais usamos as primeiras calculadoras, os primeiros computadores persoais, etc, etc,

E sobre todo comprender que o sistema social de acumulación segue como tal desde hai moitos anos, a mediados do S XIX na Inglaterra xa había tun sistema de correo postal e camiños de ferro que lle daba unha posibilidade de contacto case semellante á actual co e-mail, o noso cerebro é evolutivamente o mesmo que desde mais de 40.000 anos cando nen se enxergaban os trebellos ditos, un debate que no Terra e
Tempo apenas inciado, esperamos mais...

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña