15:15 Xoves, 01 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

21-08-2010

A falta de encaixe na oficialidade deste intelectual e patriota non é por “reintegracionista” ou “lusista”. Esta é a tona dunha posición inadmisíbel para o piñeirismo-postpiñeirismo

Carvalho Calero, onte e hoxe

Valorar (16)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



Lin,  co interese máximo que me suscita todo o relativo a D. Ricardo Carvalho Calero, os artigos dos compañeiros Manuel Foxo e mais Manuel Rei Romeu a respeito do noso ilustre compatriota. Igualmente, o artigo de El Progreso en que Marica Campo bota en falta un máis que merecido Día das Letras para o ilustre profesor e escritor. Houbo, non se me escapa, outros pronunciamentos no mesmo sentido e coa mesma intención. Penso, se os autores-as mo permitiren, que todos eles se afilian a unha común vontade: a de recordarmos que procedemos dunha historia intelectual excelsa, que contou con elementos tan valiosos como o que resultou do traballo pioneiro e competente dun xovencísimo Ricardo, que, nada máis se incorporar, con dezaseis anos, aos estudos universitarios en Compostela, adhérese afervorado ao nacionalismo galego e a el dedica todos os seus esforzos académicos e políticos. Non vou, nen aquí nen agora, trazar nen sequer esquematicamente a silueta do que considero a maior personalidade galega, como polígrafo, do século XX. Tempo haberá. Simplesmente vou pór en valor a dedicación de moitos anos  -de toda a vida-  á CONSTRUCIÓN DA HISTORIA DA GALIZA. Si, nen máis nen menos. A través dun dos seus signos principais: a literatura, cun compromiso, rigor e erudición até agora non igualados.

E é aquí, aí, onde discrepo  -levemente-  dalgún dos comentaristas citados. Na derradeira década da súa vida (1980-1990), que coincide co inicio da súa xubilación como Catedrático de Lingua e Literatura Galegas da Universidade de Santiago de Compostela, Ricardo Carvalho Calero non foi remiso, en absoluto, ás intervencións públicas. Máis ben, todo o contrario. Son da opinión  -e falo con coñecemento de causa-  de que foi nesta década cando el se reencontrou con  el proprio, isto é, co xoven nacionalista que, entusiasticamente, secundou os afáns dun Castelao, dun Otero Pedraio... e de tantos máis, naquel esperanzador canto fanado quinquenio do 1931-1936, frustrado para el e para tantos máis co desenlace da guerra civil española. Nesa década, non se negou nunca a cantas peticións lle fixemos para contarmos co seu prestixio e coa súa voz autorizada, desde a Asociación Socio_Pedagóxica Galega, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Mesa pola Normalización Lingüística (cuxa fundación el selou, coa conferencia final, en Abril de 1986), a Agrupación Cultural da Coruña "Alexandre Bóveda", a Asociación "Medulio", de Ferrol, que lle dedicou un caderno monográfico, a Asociación "O Facho", da Coruña a Associaçom Galega da Língua, o Instituto "Eusebio da Guarda", da Coruña... Desde logo, sempre arredor, e con todo o calor, do nacionalismo político, sindical, asociativo e cultural.

 A derradeira vez que con el falei, por teléfono, foi para o felicitar polo nomeamento como "Fillo Predilecto" de Ferrol, por moito que o acto de o facer efectivo  (con Paloma Lago de compañeira de galardón!) non respondese á dignidade esperada. El, por súa volta (6 de Xaneiro de 1990) felicitoume efusivamente pola consecución, por vez primeira, de Grupo Parlamentar por parte do Bloque Nacionalista Galego, no Parlamento Galego, e por eu, súa antiga alumna e discípula, formar parte del. Poucas semanas despois (25 de Marzo), falecía en Compostela. Non se me vai do recordo o que a súa muller, María Ignacia Ramos, me contou. Na estadía hospitalar, para o animar, ela referíalle os nomes dos amigos ou coñecidos que chamaran para se interesar polo seu estado de saúde. El retrucáballe: "-Ti recítasme os que chamaron e eu pergúntoche polos que non chamaron". Ben sabía que para todos os encaixados, asimilados, traidores, advenedizos... el era figura sobrante, incómoda, recordación viva do nacionalismo de pre-guerra sepultado ou negado. Non así para nós, seus discípulos e descendentes.

Portanto, amigo Rei Romeu, o nome e a persoa de Carvalho Calero non pasaron inadvertidos en absoluto para as e os nacionalistas do BNG na década 1980-1990, por non falarmos das atencións debidas ao seu legado, xa postumamente. Aproveito igualmente para dicer, ben claro, e en adianto de futuras aproximacións, que a falta de encaixe na oficialidade deste intelectual e patriota non é por "reintegracionista" ou "lusista". Esta é a tona dunha posición inadmisíbel para o piñeirismo-postpiñeirismo reinante no "holding"  -como D. Ricardo o denominaba-  ou consorcio cultural dominante, que xustamente vivía  -e vive-   de "vaporizar"  a historia da Galiza con soberanía estética e política de seu, isto é, o nacionalismo de pre-guerra, de que Carvalho Calero endexamais desertou, como si o fixeron e demostraron os acaparadores do galeguismo de dublé, que, chegada a hora da verdade, serviron a consolidación do que politicamente importaba: un partido español, o PSOE, chamado a facer a política-verité, porque o universo galego bastante tiña con se ocupar da súa (elitista) produción cultural e mais de impedir que medrase calquer revival do nacionalismo de pre-guerra.

En fin, todo o que acabo de referir non ten máis motivación que a seguinte. Láiome do fragmentada que nós, nacionalistas galegos, temos a nosa propria historia: nen sequer  sabemos o que nós fixemos, na historia contemporánea. Segundamente, como diría o noso añorado Manuel María: moito ben nos iría se pudésemos imitar  -aínda que minimamente-  o labor patriótico e intelectual de antepasados nosos como o que aquí homenaxeamos. Ora, para o ben facer, teríamos que lle dar a importancia debida a lermos (o que os nosos antepasados escreberon), a sabermos que eles-elas xa tiveron de resolver dúbidas que hoxe a nós nos asaltan, a informármonos, en fin, algo sobre a nosa historia e sobre todo o valor que encerra. Para este cometido,  RICARDO CARVALHO CALERO segue a ser, efectivamente, un auténtico tesouro.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña