04:56 Domingo, 15 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-02-2010

As preferencias e os gostos dos galegos telediríxense mediaticamente e logo fáiselle consultas

A mellor credencial dos galegos: a defensa do seu idioma

Valorar (12)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ



Os gostos e as preferencias da xente son aquelas que se nos meten en vea cada día e durante os séculos de Historia. E conforme a esa boa ou malaeducación construimos ou destruimos a democracia, a convivencia, o futuro.... Para eso están e xa se encargan as políticas de goberno, de conducir conforme a comenencias que van polos camiños dos negocios e da politiquería. Crean i estenden  redes mediáticas para pescar. Os malévolos principios propagandísticos de Goebbels somellan estar vixentes  para quen queira sentilos: sincronizar a propaganda, reiterar, etiquetar persoas, feitos... erexir mensaxes sobre sofismas, repetir mentiras para convertilas en verdade,  esperpentizar, ridiculizar ós que non conveñan e arroupar e divinizar ós que interesa. Todo a fin de moldear a mentalidade dos votantes para "gañar conversos". Velaí un xeito de colonización mediantes os "novos fetiches" da comunicación. E conseguintemente o emponzoñamento: dividir, desorganizar, meter na lei da xungla, para neutralizar ó pobo.... E despois desa endiañada domesticación, "democraticamente" daráselle a palabra á "maioría silenciosa" .

 As preferencias e os gostos dos galegos telediríxense mediaticamente e logo fáiselle consultas.  Xa chegan degradados en "feismos", condicionados por moitos anos de Historia, de negacións, de represións, dende as Reales Audiencias, Gobernos Civís e Militares, dende os púlpitos e os despachos.... Todo eso do "asoballamento" non é cousa de hoxe, nen duns cantos.  De algo ten que valer - máis alá de celebralos nas bibliotecas i en liturxas anquilosadas en "días" -  canto teñen dito o Padre Sarmiento, Murguía, Rosalía,  Castelao.... e todo creador, humanista  e persoa cos sentidos ben postos, respecto a este xeito  de "inxuria e rudo encono". Sumamos ó dito  todas as teorías dos psicopedagogos respecto  ó oprimido, Paulo Freire, Célestin Freinet... o sociólogo Durkheim, e tantos estudos daquí e dacolá. País noso no brete, pese a ter artellados polos catro puntos cardinais gabanciosos "órganos consultivos" que non se usan para os fins que campan nos regulamentos e  as constitucións, a Real Academia, o Consello da Cultura, colexios profesionais, universidades...   
 
E pese a esa  teimuda e interesada persecución secular, agravada hoxe por sistemas máis "democraticamente" sofisticados, o idioma resiste, bule vivo,  velaí a proba da súa solidez:  ainda negándoselle o espazo de seu , sen respiro, sen capacidade de seducción,  acientificamente dándolle ás costas o seu tronco orixinario e natural, ó mundo lusitano. O idioma, como enseña fundamental da cultura - que quere dicir canto cultivamos para ser no tempo e no mundo - resiste,  esfarrapado, ferido, atoutiñando... e si non póñanse os sentidos nas aldeas, nos barrios das cidades, nos hospitaes, no traballo duro das obras. 

 E aínda pregoan que a lingua non ten tanta importancia , que é cousa de románticos, escritores, intelectuais, que "a cultura non vende, nen da votos,"  que "o que  importa e o diñeiro e os postos de traballo", " deixarse da cultureta e atender a economía que é o que nos da de comer ". Pois entón  somella que a alternativa é fomentar a ignorancia, a irresponsabilidade e a incultura, ate chegar a confundir a cultura con suma de coñecementos inalcanzables, por privársenos de voz, de pensamento, de creatividade, xa que  as palabras que nos meten non nos pertencen, para ser logo alienados, marxinados ou cómodos  impulsivos consumidores e servidores atoutiñantes polo mundo global. 

  ¿Qué conservan os "conservadores" galegos?, nen tan sequera a marca da súa identidade para vendela. O ordeno e mando céntrase nos cartos, na inercia global, desprézase un poder político económico con acento galego,  un "lobbie" galego que tome sitio punteiro no mundo de hoxe.  E  xa o dicia Jordi Pujol " Galiza é unha nación, como Catalunya...o asunto e que os galegos crean nelo". 

E nesa provocada confusión ate perdemos a capacidade de percibir que os pobos máis ricos da peninsula (Euskadi e Catalunya)  fan da súa cultura e lingua unha prioridade e unha marca, a identidade. Proba de que a economía vai unida á cohesión social e á dignidade dun pobo.  Nunha sociedade normal, o seu idioma nunca está en entredito. ¿Cómo é tratada una persoa que non se coida, que non ten respeito por si mesma, que non ten dignidade, que non ten orgullo de seu ? Pois se non é tratada con burla ou con desprecio , no mellor dos casos, serao con compasión  ¿Pero  quén vai ter respeito a un país que non defende os seus valores, a súa dignidade, que máis ben contribue a ridiculizalos  ou negalos? ¿cal é  o seu futuro? . Todos abusarán, así como xa foi acontecendo nesta longa Historia : doma e castra, emigración, marxinación, esperpentización. 

Non é que a cultura e a lingua vaia por unha banda e a economía pola outra.  Non defender a nosa língua, quere dicir que non entendemos a nosa cultura, noso aporte universal, conseguintemente estamos desartellados,eivados, sen dignidade como pobo... e iso vai ter repercusión en canto fagamos e moi fondamente na economía.  Teremos pois vocación de pandeiro. 

Calquera grande monumento feito polos seres humanos, torres, catedrais, pontes pode virse abaixo por un raio, un tremor, un incendio, o abandono... pero tamén pode reconstruirse e incluso mellorarse....Mais se estraga o idioma, esa grande obra da Historia, da colectividade, feita para expresarse, endexamáis podería ser refeito. Podemos ser de diferentes ideoloxías, de diferentes partidos , de distintas sensibilidades, pero, se somos normales,  o idioma non pode ser cuestionado . 

Proba da madurez democrática sería  un pacto entre todas as forzas políticas galegas, a fin de transmitir á sociedade que a nosa lingua propia é incuestionável, que é o noso gran legado cultural, polo que compre comenzar a abrise ó mundo e mellorar. Se chegamos a isto estamos artellando non somentes o país, senón tamén a democracia, o que, como consecuencia, traerá outros resultados económicos, sociaes e culturais.A mellor credencial no mundo que podemos presentar os galegos é a unión ao redor da nosa maior ceación colectiva, o idioma galego. E nesas andamos.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña