15:52 Martes, 29 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-02-2010

A necesidade da ordenación do territorio

Cada un na súa casa?

Valorar (18)

ROI GARCÍA CAMBA



Fai uns días atopei no portal da miña casa unha voandeira do Partido Popular sobre a revisión do PXOM da cidade da Coruña, cun lema dirixido ao alcalde da cidade: "Losada: en mi casa mando yo", remedando de xeito parcial aquilo de "cada un na súa casa e Deus na de todos". Pero parece que o señor Negreira, portavoz local do PP, que debe desprezar a cultura popular do mesmo xeito que a lingua galega, esqueceu de forma deliberada a segunda parte do refrán. Porque resulta que, como se dunha versión laica deste refrán se tratase, son as administracións públicas quen teñen a responsabilidade da ordenación en función do interese colectivo. 

Mais esta anécdota,que pode parecer insignificante, caracteriza moi ben dúas formas contrapostas de entender o urbanismo e a ordenación territorial: a planificación e intervención decidida en función do Ben Público ou a visión liberal que defende a desregulación, deixándolle ao mercado todo o protagonismo. Ao PP, entusiasta defensor desta visión, pódelle ás veces o subconsciente, parecendo insinuar que aquí do que se trata é dunha cuestión de liberdade individual (con evidente paralelismo ao caso da lingua), cando do que falamos é de que os intereses individuais deben someterse aos direitos colectivos á vivenda e a disfrutar de máis espazo público e de máis cualidade. 

O problema alcanza, non só o ámbito municipal, senón tamén na inhibición total na planificación supramunicipal e territorial que ten caracterizado os sucesivos gobernos galegos do PP, que xa desde os tempos de Xosé Cuiña, evidenciaron a falla do máis mínimo interese na ordenación e planificación do noso territorio. Isto fai que a día de hoxe, cuestións como a estrutura territorial (comarcas, áreas urbanas...) a mobilidade ou a protección dos espazos de valor ambiental sexan cuestións aínda pendentes. Por iso nós, como nacionalistas, debemos ter claro que, ao igual que a nosa lingua, cultura, economía ou idiosincrasia, o territorio é un dos elementos que está na base material da nación, que constitúen o noso ADN colectivo como galegas e galegos e definen a Galiza como realidade diferenciada. Daí a importancia da ordenación e planificación do noso territorio para un desenvolvemento social e económico autocentrado, respeituoso co medio natural e que teña como obxetivo fundamental a defensa dos intereses das maiorías sociais.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña