14:47 Venres, 22 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-02-2010

Os plans aniquiladores da lingua e cultura galegas non lle están saíndo ao PP como podían pensar o pasado 1 de Marzo

A cultura ensimesmada

Valorar (12)

ANA BELÉN PONTÓN MONDELO


Gran circo Feijoo

O último Pleno do Parlamento de Galiza debateu unha iniciativa do BNG na que solicitabamos a reprobación do Conselleiro de Cultura, por insultar e menosprezar a cultura propia do país. Non é que tiveramos grandes esperanzas na capacidade de rectificar do PP, mais estamos ante un tema grave sobre o que non se pode pasar páxina sen máis. As declaracións do Conselleiro de Cultura, agora apoiadas polo PP, evidencian o mantemento dun vello prexuízo, que case podía definirse como racista, que menospreza e minusvalora todo o que contén o adxectivo galego.  

Na súa descarga diremos que non iniciou el esta senda. Vai polo camiño que xa encetara hai uns meses o propio Feijoó, no acto que pechaba a celebración dos 25 anos de existencia do Consello da Cultura Galega. Alí solemnemente, ante os representantes da cultura galega, o recen investido Presidente, convidaba aos presentes a saír do ensimesmamento. A receita: abandonar o galego como lingua de expresión.  

Neste idea leva insistindo o Conselleiro Varela desde a súa aterraxe no País. Non só con palabras senón con feitos. Toda actuación destinada a ensinar, valorizar e estender a cultura galega é anulada ou reducida á mínima expresión. Suprimen os Premios Nacionais da Cultura Galega, suprimen o Culturgal, reducen significativamente todo o apoio á cultura de base e as expresións xenuínas da nosa cultura. Aducen á necesidade de internacionalizar a nosa cultura, mais esa partida recórtase drasticamente nos orzamentos de 2010 e día a día chegan noticias de eventos de carácter internacional, onde os nosos creadores e creadoras son recoñecidas, mais non contan con ningún apoio da actual Xunta. 

Afortunadamente, os plans aniquiladores da lingua e cultura galegas non lle están saíndo ao PP como podían pensar o pasado 1 de Marzo. No terreo da lingua, hai un forte rexeitamento social a política involucionista do PP. No terreo da cultura, os "acomplexados" e "ensimesmadas" non aceptan tanto desprezo e esixen a rectificación e dimisión do Conselleiro. Xesto que debemos agradecer, non só polo que din, senón polo que significa para a nosa autoestima colectiva.  

Estamos ante prexuízos que esconden posicións ideolóxicas. A existencia de lingua e cultura propias é a proba máis evidente de que a unidade da nación española non é máis que un invento. E para xustificar a súa ideoloxía invítannos a que deixemos de ser galegas e galegos. Xa o dicía Castelao "Os imperialistas, cando topan a resistencia espiritual dun pobo sometido, confunden a "dureza para deixarse asimilar" coa "dureza para asimilar".



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña