11:26 Luns, 01 de Marzo de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-08-2010

Competición electoral e identidade organizativa

Sobre a competición electoral e a lóxica da representación

Valorar (19)

MANUEL ANXO FERNÁNDEZ BAZ



Unha organización política como o BNG, dotada dunha idiosincrasia non homologábel no plano organizativo, afrontou desde a súa fundación importantes disxuntivas que resolveu procurando, por imperativo vital, acadar, e manter, o equilibrio entre a denominada lóxica da competición electoral e a lóxica da representación no complexo contexto sociopolítico galego.

Estas dúas lóxicas da actuación política foron utilizadas, e popularizadas na Academia, polo profesor Herbert Kitschelt para analizar a formación e o desenvolvemento dos partidos ecoloxistas en Bélxica e Alemania. Dúas organizacións definidas, por certo, pola súa fortaleza ideolóxica.

A premisa fundamental da que partimos é que todas as organizacións políticas teñen como obxectivo acadar o poder, a utilización que se poida facer deste é outra cousa. Por outra parte, podemos establecer un continuum entre dous extremos acoutados por dous "tipos ideais": partidos nos que domina a lóxica da representación e partidos nos que prevalece absolutamente a lóxica da competición electoral. Na práctica a diferenza fundamental entre ambos os dous reside en que o primeiro, o partido maximizador de ideoloxía, vai procurar atraer aos electores desde o convencemento do acaido do seu proxecto político; mentras que o segundo, partido maximizador de votos, adaptarase o máximo posíbel ao electorado modificando, sen limites, as súas posicións políticas. Deste xeito, un partido de representación será aquel que, mantendo o seu proxecto orixinario, tratará de conseguir atraer ao maior número de apoios á súa causa; mentras que un partido de competición electoral será aquel que non ten problemas en adaptar a súa organización e o seu programa para conseguir o maior número de votos posíbel. Xa que logo, o obxectivo é conseguir o maior número de apoios a través dun mesmo mecanismo: a competición electoral.

Como dixemos son dous "tipos ideais" e cada organización vaise situar, ou mover, ao longo do continuum aproximándose a un ou outro dos extremos. A combinación das características do contexto sociopolítico e da organización van ser determinantes nos movementos que se producen e na súa intensidade.

A lóxica da competición electoral leva a, por exemplo, utilizar as enquisas como se fosen guieiros ou fiestras que nos amosaran a "realidade" (o "mundo real" como se soe dicir), e entón temos que "facer" ou "non facer" algo para aproximarnos o máximo posíbel á posición ideolóxica media do electorado e así conseguir o seu apoio. No mundo da demoscopia todo está sometido a mudanzas, incluso a xiros. Desde as persoas até as ideas, desde os logos e símbolos até os discursos e os seus significantes e significados. En certo modo as estratexias e as políticas do partido teñen un carácter esencialmente esóxeno.

A lóxica da representación, pola contra, céntrase inevitabelmente nos principios ideolóxicos, na representación das bases que van desempeñar un papel fundamental nas organizacións nas que domina esta lóxica. Neste caso as estratexias e as políticas son claramente de produción endóxena.

En ambos os dous casos a organización configúrase como un medio para conseguir o mesmo fin: apoio social. Nun caso para implementar un proxecto político claramente definido e noutro para conseguir o poder e logo resolver o sempre complexo dilema de como contentar a un electorado heteroxéneo.

Estas dúas lóxicas xeneran importantes disxuntivas organizativas, nomeadamente nun contexto sociopolítico no que a maximización da ideoloxía só conduce á marxinalidade, pero tamén no que a existencia da organización só ten sentido se mantén os principios sobre os que se constrúe a súa identidade, e polo tanto a súa razón de ser nun escenario dinámico de competición electoral. Deste xeito a cuestión reside no complexo mantemento do equilibrio entre as dúas lóxicas.

Sen votos non hai capacidade para transformar a realidade, para levar adiante os programas políticos elaborados desde unha concepción estratéxica da acción política, pero tamén é certo que sen principios, e sen actuacións consecuentes, non hai identidade e sen esta non se sobrevive nun contexto dominado pola poderosa mediática ao servizo do pensamento único.

Dito todo isto, constatamos que a historia organizativa e estratéxica do BNG defínese pola adaptación programática e discursiva a un contexto hostil pero mantendo sempre os principios e a súa posición como forza nacionalista e de esquerdas. A identidade organizativa é claramente a clave para non rematar absorbidos polo sistema.

En fin, é preciso ter un coñecemento permanente e actualizado da realidade, do mundo que se quere transformar, e actuar en consecuencia, pero tamén é necesario ter moi presente o que somos e o que pretendemos, pois só así se pode conseguir que a máxima "suma e segue" sexa unha realidade.


[12-08-2010 11:33] triunfo comentou:

un artigo interesante e clarificador.Non estaría mal que se distribuise e discutise nas Asembleas Locais do BNG.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña