22:54 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-08-2010

A importancia, nestes séculos, da muller redúcese tan só ao valor da dote que a acompaña

O papel da muller galega na nosa alta idade media

Valorar (21)

XOÁN RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS


"Doña Urraca"


O rol da muller no século XI era moito máis importante do que ocupará en épocas posteriores, de peza clave familiar será obrigada a pasar  a ser un elemento moi secundario dentro da estrutura social masculina.

Como  xa vimos no artigo "Como ser muller e non morrer no intento" o papel que a igrexa católica reservaba ás mulleres era totalmente secundario, poden consagrarse a Deus e ingresar nun convento, coma os homes, pero non poden predicala Palabra, non poden tampouco dar sacramentos, tal vez unha auga de socorro para bautizar a un bebé en perigo de morte, que debería ser rebautizado polo cura párroco en caso de superalo intervalo perigoso. Aparte desta marxinalización, a muller era retirada á parte de atrás dos recintos relixiosos, non debemos esquecer nunca que as igrexas galegas, de igual maneira que as do territorio peninsular, posuían unha liña pintada á metade do recinto ( a raia) que era a fronteira que separaba aos homes das mulleres, estas estaban condenadas a situarse detrás, por promiscuas, dadas a falar, enredar, excitar ao home e conseguir que se perdese toda a atención e todo o respecto que se debe de ter cando se está na casa de Deus.

Máis a igrexa é só un reflexo da sociedade na que vive e así no mundo civil vemos como tamén se lle reserva á muller un papel secundario. Que algunhas aceptan e desempeñan á  perfección pero que outras se negan a desempeñar, loitando para situarse onde elas coidan que deben estar, ao carón do home, mirando a este, como o que é, un igual.

Na documentación dos séculos XVII e XVIII podemos ver abundantes exemplos, dentro dos protocolos notariais, de vodas, nos que á muller se lle outorga unha función irrelevante, convertendo ao matrimonio nun mero trato comercial entre pais, ou o que é o mesmo, entre varóns que negocian sen ter en conta os desexos das mulleres cas que comercian. A importancia, nestes séculos, da muller redúcese tan só ao valor da dote que a acompaña.

Pode pensar o/a lector/a que a situación da muller era moito peor a medida que retrocedemos na historia, se pensamos así non imos mal encamiñados, ¿ou si?. Na historiografía oficial, esa que sempre falou de reconquista e para a cal Galiza era unha parte, pacificada e sometida, do reino asturiano, sempre se nos presentou á muller na Alta Idade Media como un elemento carente de valor social e cuxa actividade se circunscribía a ser reprodutora e moeda de cambio entre familias poderosas. Como case sempre acontece a historiografía oficial, neste caso, está errada.

Certamente a función da muller era moito máis importante que o ser simplemente moeda de cambio entre familias nobres. Para entender o papel da muller na Alta Idade Media Galega, que non acontece o mesmo no resto do territorio peninsular, hai que entender a sociedade galega. Esta está baseada en familias, un individuo non se entende por si só, senón como parte dunha familia. Hoxe en día aínda podemos ver en Galiza pervivencias desta situación social, e así, se algún día ides ver o camposanto de Espasande (Castroverde-Lugo) veredes que nos nichos non hai nomes escritos senón Casa de Sal, Casa da Ponte, Casa de Ribeiro ou Casa de Raposo, aludindo  o termo Casa non á construción senón á familia a que se pertence.

Na Alta Idade Media Galega as casas, tanto labregas como nobres, buscan fusionarse con outras  máis poderosas empregando para iso os matrimonios. Nesta época da que estamos a falar, a muller casada actúa como embaixadora da súa familia natal dentro do seo da familia de acollida.

Algo sorprendente nestes matrimonios, e que só acontece en Galiza, é que o home é quen dota á muller, a diferenza do que acontecerá noutras épocas. O home aporta ao matrimonio a dote, que poden ser animais de labranza, terras, cartos, serventes ou casas, que pasarán a pertencer á muller. Outra cousa que  pode chamar a atención  é que os matrimonios son contratos civís, redactados, nos que asinan varias testemuñas, validando así esta unión. Non se necesita cerimonia eclesiástica.

O matrimonio civil consistía na entrega do documento de dote, por parte do varón, da entrega de aneis que simbolizaban a unión temporal e do bico en público, que significaba a unión física da parella. A cerimonia relixiosa podía ter lugar ao día seguinte ou varios meses despois, xa que dende que se bicaron publicamente eran tidos coma un matrimonio.

Existen varios casos na documentación altomedieval nos que vemos como despois desta unión civil a muller soia cambiar de nome, adoptando un pseudónimo (cognomen) para evitar a repetición de nomes e para remarcar o seu papel dentro da nova familia, tales cognome podían ser Matre, Domna, Matrebona, Bellida ou Maior.

Como o matrimonio é unha relación comercial que responde a intereses familiares, cando estes varían ou se alteran o matrimonio pode romperse. O marido pode optar  por repudiar a muller para casar con outra. Ata agora a documentación non aportou exemplos onde a muller, ou a familia dela, repudiasen ao varón. O repudio non significaba un menosprezo para a muller repudiada, xa que iso podía provocar vinganzas por parte da familia dela. O marido, antes de separarse, deixa á muller repudiada ca dote do matrimonio, con novas terras ou rendas, e mantendo sempre o estatus social que mantivera mentres estivera casada.

Son máis coñecidos os casos de repudio entre familias reais ou nobres que entre  labregas, xa que nestas últimas non soen cambiar os intereses familiares que deron lugar á unión marital. Non acontece así nos matrimonios de nobres ou da Familia Real, onde a variación de intereses é algo constante. Como exemplo de repudio podemos falar do rei

Ramiro II. Cando era un príncipe con poucas expectativas de gobernar casou ca filla do Conde de Lourenzá, Adosinda Gutiérrez, sobriña de San Rosendo. Con ela terá un fillo, o futuro Ordoño III, e xunto a ela verase coroado rei. Pero as razóns de Estado levan a Ramiro a casarse ca filla do conde castelán Fernán González. A primeira muller será repudiada e remitida a un convento como confesa (monxa que non toma tódolos hábitos e que polo tanto pode abandonar a condición de relixiosa). Xunto a seu sobriño fundará Celanova e no documento fundacional ela firmará da seguinte maneira: "Eu Adosinda, que noutro tempo fun raíña". Como vemos o repudio da primeira muller do rei Ramiro II non foi obstáculo para que o fillo deste matrimonio chegase a ser rei.

Non é un caso illado, no que o fillo dunha muller repudiada chegase a ser rei, sen ir máis lonxe a nai de Ramiro II, Aragonta González, oriúnda de Val Miñor, fora repudiada polo rei Ordoño II.

Aproveito este dato para facer fincapé na pouca ou nula importancia que a historiografía oficial da ao papel que as mulleres nobres galegas tiveron como nais de reis, tal vez esta ausencia se deba a que falar do papel da muller galega na realeza asturiana signifique falar do reino de Galiza e iso é algo que doe.


[13-08-2010 12:33] Medios comentou:

Case é preferible non afondar máis na dureza da nosa situación atraverso da historia, a situación do convidado de pedra ata fai ben pouco. O papel que fixo a muller como nais de REIS para que estudalo... Séculos e séculos tiranizadas polos maridos, a igrexa e pola opresora estructura patriarcal.
E agora que os tempos son chegados unha ten a sensación que segue sen valorarse a nosa labor con imparcialidade, parece sempre pesar sobre nós o estigma de ser mulleres. Semella que haxa unha certa misoxinia no ar que trascendese ao tempo e as idades.
Fai pouco tempo tiven que soportar como un señor Licenciado, educado na universidade pública galega, vomitaba unha serie de rasgos que segundo él supuñan o ideal feminino, quedei petrificada.
Pasao o tempo, coñecín á súa nai, muller dobregada por anos e anos de traballo e sacrificios, coa beleza que otorga nos rostros a profesionalidade e a conciencia da honradeza e do traballo ben feito, cunhos rasgos tan alongados de ese miserable canon de ideal feminino que o seu fillo tiña.
¡¡¡POR FAVOR NINGUEN INVESTIGUE O PAPEL DE NAIS DE FILLOS POLO XERAL INGRATOS!!!!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña