11:15 Martes, 07 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-08-2010

Un século xusto separa dúas etapas perfectamente semellantes protagonizadas por militares, reis Borbóns e dous partidos que defenden o statu quo

100 anos despois "restauramos" a Restauración

Valorar (8)

FRANCISCO CALO LOURIDO


Antonio Cánovas del Castillo


No ano 1868, unha revolución expulsou de España á Raíña Isabel II de Borbón. O 29 de decembro de 1874, os xenerais Martínez Campos e Jovellar pronunciáronse en Sagunto a favor da monarquía e, dous días despois, proclamouse rei a Afonso XII, fillo da anterior. O 14 de xaneiro de 1875, entrou en Madrid o novo monarca, principiando así a Restauración Borbónica. Cóntase que un flegmático inglés, que presenciou a grande celebración popular da entronización, preguntou a un madrileño a razón de tanta festa sen coñecer sequera como sería o novo rei. Marabillouse coa resposta: "Chama vostede festa a isto? Como se ve que non estivo aquí o día que expulsamos a súa nai".

Elaborouse unha constitución, restableceuse o concordato co Vaticano, garantindo á Igrexa aportes económicos, imitouse o sistema británico do bicameralismo e do bipartidismo alternante no poder, permitiuse a existencia de partidos minoritarios, ben controlados para non atrancar as maiorías de goberno, e procurouse que os militares volvesen aos cuarteis. Por riba de todo estaba a defensa, a protección e a recuperación do prestixio da, uns anos antes, expulsada monarquía. O novo rei, Afonso XII, foi considerado e actuou como un rei-soldado, pois non en van se formara na prestixiosa academia británica de Sandhurst e, como tal, conseguiu a obediencia dos militares.

Morre o rei en 1885, quedando a raíña preñada, e os líderes dos partidos hexemónicos, Cánovas polo conservador e Sagasta polo liberal, fan un acordo de cabaleiros, coñecido como Pacto do Pardo, para continuar exercendo a mesma política, tornándose no poder e, por riba de todo, protexendo a monarquía, neste caso na figura da raíña rexente e na conservación do trono para o futuro Afonso XIII, que subirá a el, en 1902, principiando aí a crise deste réxime, crise que culminaría co inicio da Ditadura de Primo de Rivera, en 1923, ou, se queremos, coa II república e simultánea fuxida de España do monarca Borbón.

A quenda de partidos no goberno foise cumprindo, impedindo o acceso aos minoritarios republicanos, socialistas, anarquistas, carlistas..., imposibilitados polo sistema para deixar de selo; os triunfos electorais baseábanse nos pucheirazos, nos votos de mortos e desaparecidos, no caciquismo e nas redes clientelares, practicando, ao chegar ao poder, a política de cesantes, é dicir, a cesión dos postos funcionariais aos novos gobernantes, coa táctica do quítate ti que me poño eu, etc.

En 1936, outros militares enfrontan e dividen España nunha guerra civil, odiosa variante bélica que, como dixo o historiador greco-romano Polibio, ten como única finalidade o cambio de fortunas. O xeneral vitorioso, Francisco Franco, despois de decidir non meterse en política e gobernarnos a todos como recrutas dun inmenso cuartel, pensou, o mesmo que Martínez Campos, que estaría ben que volvesen os Borbóns, e decidiu traer ao futuro Xoán Carlos I. Moi pronto reaparecen os partidos conservador e liberal, transmutados agora en Partido Popular e Partido Socialista Obreiro Español, que deciden facer, agás matices máis marcados pola cronoloxía que pola ideoloxía, o mesmiño que facían os de Cánovas e Sagasta. Elaborarase unha constitución, manterase e aumentarase a dotación económica á Igrexa, conservarase o sistema inglés bicameral e a quenda de partidos no goberno, procurando que os máis modestos nunca poidan chegar ao poder, e defenderase, por riba de todo, a monarquía como institución inherente á democracia. Despois dun longo paréntese de 44 anos, o actual rei principia o seu goberno en 1975, xusto 100 anos despois de facelo Afonso XII, co que coincidía na formación militar, despois de ter pasado polas diversas academias españolas, polo que, igualmente, os militares o acatarán, volvendo aos cuarteis tralo golpe de Tejero.

Entrementres, os dous partidos hexemónicos acceden sucesivamente ao poder, obrigándonos a presenciar como uns políticos anódinos que, por mor duns votos alleos, pasaron do anonimato das súas vulgares vidas aos postos máis altos do poder, acaparan os tempos dos debates, mentres os restantes grupos sofren o desprezo de ter que falar nun auditorio baldeiro. Non chegan ás cesantías de Cánovas e Sagasta; pero multiplican os postos de libre designación, que ocuparán sempre os seus afiliados, saltando por riba de currículos e titulacións administrativas e académicas, acaparando inspeccións, titorías na UNED, prazas de profesores no estranxeiro e recunchos en tódalas escalas administrativas como subalternos fieis. Tamén con eles se repetirán as cacicadas e os pucheirazos electorais, negándose ámbolos dous a facilitar aos emigrantes o voto en urna, persoal e secreto, o único voto democrático. Cómpre ter un bo colchón de vivos e mortos sempre preparado para pagar merendas e esmolas cuns votos que aseguren o goberno; pero é moi triste para un fillo ver como un descoñecido vota en nome de seu pai defunto.

Sabemos que a Historia non se repite, pero os paralelismos entre a situación actual e a chamada Restauración Borbónica son tantos que admira que nunca se faga referencia aos mesmos. Eu, cando menos, nunca tal cousa vin. Será que teñen todo tan ben amarrado que en España xa nin os pensadores pensan? Teremos aínda que agardar moito para que esta etapa alcanforada e gris remate igualmente en República?

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña