14:42 Mércores, 08 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-08-2010

Agosto é especialmente o mes da memoria. Non só polo agosto do 36 senón polo do 75 no que caeu Moncho Reboiras

En agosto... cita coa memoria

Valorar (5)

XOÁN CARLOS GARRIDO COUCEIRO



Este 18 de xullo, como sempre desde que se aprobara a declaración polo parlamento galego do 2006 como "ano da memoria", a illa de San Simón acolleu un acto de lembranza e homenaxe ás vítimas da represión franquista. Nesta ocasión ademais asistimos a consolidación dun lugar de encontro entre as diversas asociacións e persoas que participan na chamada Iniciativa Galega pola Memoria e que presentaba un manifesto conxunto e unha táboa reivindicativa común no marco dos actos de homenaxe ás vítimas, desta volta especialmente ás súas familias.

ABC 14 de agosto de 1976

A Iniciativa Galega pola Memoria xa fora o instrumento que servira en ocasións anteriores para facerlle fronte a obxectivos comúns nos que confluíron as múltiples e plurais persoas e colectivos que están a traballar na recuperación da memoria histórica e a dignificación das vítimas do franquismo. As outras dúas ocasións foran a elaboración da chamada lei da memoria e o procesamento contra investigadores por suposto atentado contra a honra dos represores. Mais desta volta semella que a IGM terá que ser un canle permanente e estrutural de acción conxunta porque as circunstancias así o esixen. Hai que lembrar que no seu día existiu un Consello da Memoria elixido polos colectivos e investigadores, e promovido pola Consellaría de Cultura. Alí podíase debater e propoñer liñas de actuación e comunicación que rachara a dispersión na que se traballa. É obvio que a actual administración non aposta por políticas da memoria e mesmo proxectos tan interesantes como "As Vítimas, os nomes, as voces e os lugares" no que se coordinaban as tres universidades para investigar o acontecido, agora vén reducida o seu financiamento desde a Xunta.

Por iso é preciso aglutinar esforzos e vencer receos a colaborar entre todos por enriba das diferencias lexítimas que se poidan ter por cuestións ideolóxicas, epistemolóxicas, locais ou sectoriais.

ABC 14 de agosto de 1976

Agosto é especialmente o mes da memoria. Non só polo agosto do 36 senón polo do 75 no que caeu Moncho Reboiras. Hai quen cre que isto da recuperación da memoria histórica é unha moda recente máis houbo quen nunca perdeu a memoria para ter que recuperala, xa que por diversas circunstancias políticas acordaron manter vivo o recordo daqueles que viñan de ser asasinados. É evidente que, a medida que se botou máis luz sobre o acontecido e se sumaron máis esforzos, a chamada "memoria histórica" cobrou maior protagonismo mediático e político, sobre todo desde hai 10 anos cos desenterramentos das foxas comúns, a lei da memoria, etc... Mais aínda que rectificaron quen en tempos consideraron que non conviña "remover" certos temas porque opinaban que mellor iría a cousa ("a transición") se non se encirraban os ánimos, outros non pararon nunca de lembrar aos seus mortos. Sen ter que remontarse até a instauración do día da Galiza Mártir en Bos Aires nos anos 40, compre ter presente que na Galiza no 1976 eran detidas sete persoas da UPG en Padrón por tratar de participar nunha homenaxe a Moncho, ao cumprirse o ano do seu asasinato; e que en Pontevedra a homenaxe a Bóveda levouse a cabo a pesares das prohibicións e presión da policía. E ano tras ano así foi até hoxe que xa son outras as circunstancias, tan diferentes que mesmo o ano pasado parte da homenaxe a Reboiras se celebrou na sé da Delegación do Goberno no que se recoñecía a este como vítima do franquismo.

ABC 14 de agosto de 1976

Mais o caso é que a memoria é fundamental para avanzar, e sobre todo, para non retroceder, tal como nestas páxinas xa ten exposto Dionisio Pereira. Polo que subscribindo o que el deixou dito a este respecto, réstame lembrar algunhas citas que convén ter presente e que quizais queden incompletas.

- 7 de agosto, en Imo, homenaxe popular organizado pola Comisión 35 aniversario de Moncho Reboiras.

- 12 de agosto, en Ferrol, homenaxe a Moncho Reboiras organizado pola UPG.

- 13 de agosto, en Cerdedo, homenaxe aos paseados da Ponte do Barco. Organizado pola Asociación Verbo Xido.

- 17 de agosto, en Pontevedra, Día da Galiza Martir, homenaxe a Alexandre Bóveda, V premio día da Galiza Martir á recuperación da memoria histórica ás mocidades do Estatuto do 36.

- 19 de agosto, en Teo, homenaxe a Anxel Casal, Pepiño Areosa e todas as vítimas da barbarie, na Estivada de Arribeira, Cacheiras. Organizado polo Consello de Teo, a Asociación "A Oliveira" e a Fundación Castelao.

- 19 de agosto, en Vicedo, Galiza Mártir na praia de Abrela, homenaxe aos represaliados do Vicedo, organiza o BNG da Mariña.

Actos de diferente tipo e dimensión, todos teñen en común a memoria, e neles deberamos atoparnos.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña