18:30 Xoves, 14 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-02-2010

Sen imaxe e sen memoria

Galiza secuestrada

Valorar (48)

MARCOS MACEIRA EIRAS


No caso galego, esta imaxe non sae de nós mesmos, como consecuencia dun reiterado fracaso colectivo ao longo do tempo que nos impede accedermos a calquera outro camiño que o que semella predestinado para nós. Non é froito da acumulación de limitacións e incapacidades. É, polo contrario, consecuencia dos séculos de desprezo, xenreira e arrogancia,  dos vencedores sobre os vencidos, convertidas na nosa condición lóxica, normal e natural de seu, en parte do noso ADN colectivo.

Para a demostración que Galiza non tivo nunca capacidade de se valer por si mesma,  a amnesia foi  inoculada para nos faceren esquecer até as cousas máis simples e aparentemente sen importancia. Se non temos consciencia de existirmos no pasado, non é posíbel tela no presente. Négasenos, xa que logo, o dereito de sabermos quen somos e mesmo a nos facer preguntas sobre o pasado que podan contribuír a unha explicación do noso estado actual.

É a letanía constante e repetida sobre a que se quer construír a falsa realidade de Galiza, como dixera Novoneyra, recóllote da historia    estás borrosa.

Para demostrar isto non é necesario irmos aos grandes acontecementos da nosa historia. Non é necesario que nos preocupemos por desvelar grandes misterios, nin que elaboremos grandes hipóteses co obxectivo de contruirmos unha teoría da nosa existencia como nación.

Podemos ir simplesmente ás explicacións que se nos dan aos cidadáns normais sobre cuestións relacionadas coa actualidade máis que nos remiten necesariamente ao pasado.

Collamos por caso o Camiño de Santiago, tan promocionado e sinalado. Calquera observador actual pensaría no mellor dos casos, cos datos que se ofrecen por parte das institucións, que foi a primeira grande corredoira de Europa, pola que practicaban sendeirismo un señores disfrazados de San Roque. Como Galiza nunca tivo un pasado normal, é de loucos pensar que puido ser unha das grandes vías de comunicación terrestre cara un dos centros de decisión do occidente medieval.

Un outro exemplo. Utilizando hai pouco tempo unha guía de castelos e torres de Galiza, coa intención de sabermos algo máis nunha visita a unha destas numerosas construcións tan abundantes como ocultadas e descoñecidas no noso país, puidemos comprobar na lectura que a diferenza dos famosos castelos escoceses habitados por pantasmas e ánimas en pena, os castelos galegos están deshabitados, mais os mouros, pantasmas, santos e santas están na súa orixe, e son promotores directos da súa construción. Quen, por que e cando se levantaron estas fortalezas e símbolos de poder? Ficamos sen resposta. Habendo unha boa meiga, desas que tanto abondan nestas terras, que se quite unha explicación rigorosa.

Non é só que a historia a escriban os vencedores edulcorando ou manipulando os feitos para a súa maior gloria, é que ademais os vencedores como norma xeral ocúpanse de eliminar calquera vestixio, mostra ou lembranza que poda ficar do vencido. Non chega con gañar hai que arrasar con todo. Esta é desde logo a mellor maneira de eliminar o contrario, borrar a súa memoria, perigosa por ser parte da súa conciencia. No mellor dos casos á memoria permíteselle ficar como residuo anecdótico e pintoresco sen máis interese, mais por tras agóchase a intención demostrar a natureza inferior do vencido.

Así nos explicamos o pouco interese que hai nunha recuperación efectiva do patrimonio que permita achegar ao público un coñecemento sobre a nosa historia, por pequeno que for.

Cómpre rescatar Galiza do secuestro da súa historia. Recuperarmos a lembranza e a memoria é condición necesaria para que a nosa imaxe, a que temos  sobre nós, mais tamén a que teñen outros, sexa a real e non a creada tras séculos de submisión.

Aparentemente hoxe no mundo hai máis acceso á información, á opinión e ao debate que nunca, grazas aos medios que proporcionan as novas tecnoloxías. Até onte Galiza ficaba fóra desa posibilidade. Desde onte Galiza dá un paso máis na súa historia e ten unha ferramenta para opinar, falar, debater desde esta Terra e desde este Tempo.


[26-02-2010 ] Diego comentou:

Bo artigo... pero agora terasnos que falar do Camiño como vía de Comunicación, da orixe dos castelos... ou vasnos deixar así...

[25-02-2010 ] José González Vicente comentou:

Grazas agora entendo a pregunta que me facia o meu mesmo de pequeno cando estudabamos historia sempre aparecían os reis de castella; os 700 anos dos árabes na península (que é de todos os pobos que a conformamos) e pouco máis; coma se os outros pobos nacésemos da nada.

O que mais me chamaba a atención éra que de galicia se mencionaba que o rei alfonso X "o sabio", escribía en galego e mencionábase ao camiño de santiago.

Na miña opinión o espírito dos romanos sobrevive e inténtanos aniquilar, reducirnos a meros serventes do poder, pero cando se decatarán que o único poder que existe é o da razón e a tolerancia!. Dende logo “Están locos estos romanos” (en francés “Ils sont fous ces romains”)

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña