12:49 Domingo, 15 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-02-2010

No 2009 xa Baltar impediu que o candidato oficalista de Santiago, Luís Carrera Pásaro, encabezase a lista en Ourense

O Caborco entre Ourense e Santiago do PP

Valorar (5)

XOSÉ MANUEL FÍRVIDA PLAZA


O proceso vivido dentro do PP de Ourense durante os meses anteriores á designación do novo presidente provincial do partido vai provocar que as listas electorais nos próximos procesos nas restantes provincias de Galiza vanse ver inzadas de ourensáns que non teñen cabida nas de Ourense.  

Este non é un fenómeno novo no PP de Ourense. Baltar senior foi quen de enfrontarse ao poder do PP galego, representado por Feijoo, como xa o fixera no pasado con Fraga.A pesar do desembarco de representantes "autonómicos" na lista competidora con José Manuel Baltar e do traballo realizado desde as dependencias das delegacións provinciais, controladas agora polo Delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, non foron quen de facer mudar de opinión aos compromisarios provinciais. 

Cómpre lembrar que xa Feijoo tivo que buscar asento nas listas electorais de Pontevedra ante a negativa de Baltar de acollelo nas de Ourense nas eleccións autonómicas do 2005, anticipándolle quen decide e manda na confección e elaboración das listas na provincia de Ourense. 

Agora son moitos os que deberán buscar acovillo nas listas en outras provincias se queren manter o seu estatus de deputados ou deputadas. Jesús Vázquez, Rodríguez Miranda, Poly Nóvoa ou Carmen Pardo están chamados a non repetir candidaturas do PP por Ourense nos próximos comicios electorais.  

Como sucedeu en varios dos últimos procesos electorais na provincia de Ourense o candidato ou candidata número 1 non representa un aspecto fulcral na elaboración das listas. Así aconteceu nas últimas eleccións ao Parlamento Galego, onde encabezaron a lista persoas até aquel momento neófitas na actividade política como Inmaculada Rodríguez primeiro e Amparo González despois. Por certo, ambas as dúas desapareceron da actualidade política coa mesma rapidez con que foran introducidas a mans do seu avalista.  

Xa nas eleccións á Xunta do ano 2009 Baltar impedíu a última hora que fose o candidato oficialista de Santiago, Luís Carrera Pásaro, quen encabezase a lista en Ourense, substituíndoo por Carmen Pardo, unha aposta persoal, e que agora, como aconteceu coas súas antecesoras nas candidaturas anteriores, en posición pouco propicia para repetir tras o seu apoio ao candidato opositor ao seu fillo para presidente provincial. 

A política de persoal que se vén desenvolvendo na Deputación de Ourense constitúe o seu principal capital político, e isto é algo que debería saber moi ben Núñez Feijoo. En Compostela creron que o novo poder na Xunta, co control canto á distribución dos fondos encamiñados a través das diferentes consellarías para os concellos íalles permitir ter o favor dos alcaldes.  

No entanto a interpretación persoal da lealdade propia da xente da nosa terra (que reflicte un aceno da idiosincrasia do noso pobo, que fai actuar con fidelidade eterna a quen nalgunha altura nos ten feito un "favor", e na provincia de Ourense, todos os cargos políticos do PP lle deben a Baltar dunha ou doutra maneira algún favor persoal) e a petición "personalísima" por parte de José Luis Baltar lles fixo imposíbel negarlle o apoio ao seu fillo.  

Causa perturbación que sexa precisamente agora, despois dun proceso electoral interno do PP cando os medios de comunicación se escandalicen pola instrumentalización que se está a facer das institucións públicas en beneficio dun dos candidatos. Desde logo, non hai nada novo no horizonte na política provincial do PP en Ourense. Son os mesmos feitos, as mesmas mecánicas, os mesmos recursos que os utilizados en todos e cada un dos procesos electorias desde hai moitos anos.  

A única diferencia que se percebe é que mentres foi todo o PP o beneficiado desta maneira de entender e exercer a política ninguén alzou a voz. Ou acaso alguén lembra que Feijoo cuestionara a forma de obter resultados electorais por Baltar e que, entre outras cuestións, permite que hoxe sexa o presidente de Galiza? Por que denuncian agora a aqueles que durante tantos anos se serviron e os serviron para manterse no poder, e en moitos casos nas alcaldías da provincia?   

Cando foi o BNG quen denuncio sistematicamente a existencia dunha política caciquil e clientelar exercida desde a Deputación de Ourense tivemos en moitos casos o silencio e a calada como resposta. Agora, cando as denuncias veñen de dentro do PP fanse eco das mesmas, amplificando a súa denuncia como se estivesen a descubrir unhas prácticas tan asentadas no territorio que, como dicia García Márquez no seu romance "Noticia dun secuestro" referíndose ao narcotráfico, convirte en cotián o que se debería considerar dexeneración do sistema democrático.  

Mais Baltar non perdoa a traidores, e todos aqueles que levou persoalmente á actualidade e á fronte da política dentro do PP provincial e que ve como mudan o seu apoio face postulados "feijonianos" non terán un futuro cómodo na provincia. Baltar sabe, ademais, que o "exterminio" de persoas que lle son incómodas é o único camiño que lle fica ao seu fillo para manterse como novo presidente do PP en Ourense.  

Xa nos adiantou José Manuel Baltar, recen rematado o congreso provincial do PP, que José Luis Baltar podería continuar na Deputación todo o tempo que quixese. Ambos saben que a permanencia do pai ao fronte da Deputación é a única garantía que ten de manter o apoio dos alcaldes e militantes. Unha retirada do pai significaría a perda dos apoios dos que hoxe se manifestan publicamente próximos a el.  

Outra consideración aínda desde a posición de observadores externos ao proceso: Baltar abrazou a bandeira do galeguismo para diferenciar a súa campaña da realizada polo seu oponente, o alcalde de Verín, Jiménez Morán. A campaña deixounos imaxes tan surrealistas como observar que o candidato oficialista do goberno máis antegaleguista da historia da Xunta de Galiza falaba en galego, mentres o candidato que se autoproclamaba galeguista, e que non dubidou en criticar a compañeiros do goberno como ao Conselleiro de Educación, o tamén ourensán Jesús Vázquez como antigalego, facía practicamente toda a campaña en español.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña