11:48 Domingo, 25 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-08-2010

A verdadeira historia da illa de Rapa Nui: As Orixes

O embigo do mundo (1ª parte)

Valorar (2)

MARTIÑO FIZ LÓPEZ LINDOSO


Mapa Rapa Nui


O embigo do mundo é como denominaban os seus primitivos habitantes a unha remota illa nos confíns do Océano Pacifico que polo seu illamento extremo deu lugar a unha sociedade peculiar que transformou o seu medio ambiente radicalmente.

Sen embargo convencionalmente atribúese de xeito erróneo a extinción de especies na illa como froito dunha civilización entolecida que deu en autodestruirse. Nada máis lonxe da realidade así que procedamos a examinar as probas. 

A illa coñecida como Pascua en español ou Easter Island en inglés, tamén se denomina Rapa Nui que significa Rapa Grande, nome presumiblemente dado por habitantes de Tahiti, polo seu parecido coa illa de Rapa Iti (Rapa Pequena) durante as incursións esclavistas da década de 1860.

Temos pois que tanto os nomes dados polos europeos como o de Rapa Nui que usan os seus habitantes para autodenominarse actualmente son en realidade nomes estranxeiros. O nome orixinal de Rapa Nui dado polos seus propios habitantes é "Te Pito o Te Henua" que significa indistintamente "O embigo do mundo" ou "A Fin do mundo" en lingua Rapa Nui. Este idioma é semellante en gran medida a outros polinesios do oriente do Pacífico como o Hawaiiano, Marquesense, Tahitiano, ou aos idiomas propios das illas de Rarotonga, Mangareva ou Tuamotu cos que ten unha similaridade superior ao 60% según www.ethnologue.com . Actualmente fálano unhas 3.400 persoas.

Rapa Nui é unha illa volcánica, de clima subtropical con precipitacións repartidas ao longo do ano e 136 Km2 de superficie. Isto convírtea na illa de maior tamaño ao leste de Tahiti, e isto foi o que posibilitou a pervivencia dunha civilización complexa a pesar do seu illamento. Albergou tamén unha selva subtropical con algunhas especies endémicas e relaccionadas coa vexetación de outras illas do Pacifico pero completamente distintas ás de Sudamérica.

Dende o Pacífico occidental a illa máis próxima a Rapa Nui é Pitcairn, situada 2.075 Km  cara o oeste, e orixinalmente poboada tamén por polinesios. Estes desapareceron antes da chegada dos europeos, no século XV,  probablemente despois dalgún tipo de desastre ambiental en Mangareva, que lles produciu o seu illamento comercial e posteriormente a súa desaparición.

Cara o leste, cara América, a illa chamada Salas y Gómez (Motu Motiro Hiva en idioma Rapa Nui), está a 415 Km pero unicamente é unha pequena rocha no medio do océano sen abrigo, auga potable nin vexetación destacable. Máis cara o leste as illas Desventuradas e as illas Juán Fernández sitúanse aproximadamente a 3.000 Km de Rapa Nui. Finalmente o continente americano está situado a 3.635 Km de Rapa Nui. As illas Desventuradas son volcánicas con vexetación formada por matogueira e algunhas árbores pero sen fontes de auga doce. Juán Fernández tamén son illas volcánicas, sen embargo son boscosas e con auga potable. Nos dous casos estes pequenos arquipélagos estaban despoboados á chegada dos españois no século XVI e non se atoparon restos arqueolóxicos anteriores. A vexetación destes arquipélagos é completamente distinta á de Rapa Nui e está relaccionada coa do máis próximo Chile continental.

Os pobos polinesios proceden da "Cultura Lapita" que tivo a súa orixe en Taiwán ou Filipinas e emprenderon a colonización das illas do Pacífico dende as illas Bismarck mediante embarcacións tipo catamarán, ou canoa de dobre casco, dende o 3.500 A.C.. A colonización Lapita chegaría ao centro do Pacífico, a Samoa no 2.000-1.500 A.C. Durante esa migración apenas se produciu mestura cos habitantes de Melanesia, xa presentes nesas illas e emparentados con aborixes australianos e papúes de pel negra e pelo crecho. Os lapita son de orixe mongoloide (asiática) cunha pel máis clara e o pelo liso.

Despois de aproximadamente 500 anos sen que aparentemente se detectaran asentamentos Lapita ao leste de Samoa, comeza unha segunda oleada migratoria desta volta protagonizada por pobos claramente polinesios evolucionados dos lapita. Deste xeito vanse colonizando os distintos arquipélagos que hoxe forman o chamado Triángulo Polinesio (área entre Tonga, Hawaii e Rapa Nui) zona principal de asentamento destes pobos. Chegando aos extremos de Hawaii e Rapa Nui aproximadamente nas mesmas datas en torno ao 300-400 D.C.

Os habitantes de Rapa Nui teñen relatos lendarios que describen a súa orixe ancestral polinesia dende Hiva (quizais algunha das illas Marquesas a 3.500 Km) capitaneados polo Ariki (rei) Hotu Matu'a, e presentan evidentes trazos culturais, lingüísticos e xenéticos que corroboran esta hipótese sen dúbida.

Especulouse coa posible existencia de contactos puntuais entre o continente americano e Rapa Nui popularizados polo biólogo mariño Thor Heyerdahl na súa expedición en 1947 chamada Kon-Tiki na que navegou, nunha embarcación tradicional do lago Titicaca, entre Perú e Raroia, nas illas Tuamotu. Hoxe esta teoría está totalmente descartada polas evidencias lingüísticas e xenéticas que incluso descartan unha pequena aportación xenética dos amerindios. Sen embargo está aceptada a introducción pre-europea en Rapa Nui da Batata ou pataca doce que ten unha clara orixe sudamericana co que non se pode descartar a existencia dalgún contacto pre-europeo entre a illa e o continente, aínda que non existe ningunha evidencia a maiores.

Dende a primeira colonización ate a extensión da agricultura, detectada mediante análises paleo polínicos, no 700-800 D.C., descorren 400 anos nos que apenas existe información do ocorrido. De seguro que a migración ocorreu varias veces distintas despois do 300 D.C. . Neste século VIII da nosa era, e cando en Europa descorre a Alta Idade Media, Rapa Nui comeza un proceso de deforestación para agricultura do que existe cumprida constancia.

Por informacións dos europeos que posteriormente contactaron cos Rapa Nui sabemos que no momento do contacto xa existían na illa plantas introducidas cultivadas polos polinesios como a Cana de Azucre, o Taro, o Bananeiro ou, a Moreira do Papel (Broussonetia papyrifera) que se utiliza para fabricar este obxecto. Tamén se introduciron as Galiñas e involuntariamente a Rata Polinesia (Rattus exulans) que tivo un papel importante na decadencia dalgunhas plantas e animais nativos, e un papel determinante na extinción da Palmeira de Pascua (Paschalococcus disperta) da que consumía as súas noces e tallos novos en gran cantidade o que reduciu as súas posibilidades de desenvolvemento de novas árbores.

As análises polínicas da vexetación de Rapa Nui antes da chegada dos seres humanos á illa estaba constituída por un bosque subtropical húmido composto por diversas especies de árbores e arbustos das que alomenos se extinguiron 11 árbores e plantas endémicas e outras moitas especies presentes tamén noutras illas de Oceanía. Entre elas hai que destacar a presenza moi abundante no ecosistema da extinta Palmeira de Pascua (Paschalococcus disperta) emparentada coa Palmeira de Chile (Jubaea chilensis).

Hoxe a paisaxe está desprovista case totalmente de especies arbóreas nativas, dándolle un aspecto de pradaría herbácea salpicada de árbores dispersas e repoboación forestais de especies foráneas. Actualmente e según Zizka, 1991,  están listadas 212 especies de plantas que na súa inmensa maioría, 166,  son de introducción recente (post-europea) e unicamente 46 son nativas, das que soamente 8 especies son endémicas da illa, 7 propias de pradarias abertas sendo 3 Fentos e 4 gramíneas. Só unha árbore endémica sobreviviu nesta illa, o Toromiro (Sophora toromiro). Estes números significan unha cantidade de especies vexetais moi baixa e así mesmo un nivel de endemismo vexetal tamén moi baixo en comparación con outras illas da mesma zona e de tamaño moi inferior.

Que é o qué sucedeu para chegar a esta desolada paisaxe actual?

CONTINUARÁ...


Zizka, G (1991) Flowering plants of Easter Island. Palmarum Hortus Francofurtensis 3: 1-108. Scientific Report PHF N°3.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña