12:15 Mércores, 26 de Xaneiro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-08-2010

Que Cristo morrese por nós nunha cruz non implica que agora todos nós teñamos que morrer desesperados só para darlle o gusto a quen cren nel

O dereito a ter unha boa morte

Valorar (9)

XOSÉ MAGARIÑOS MACEIRAS



¿Por qué, Dios piadoso, por qué chaman crime


 ir en busca da morte que tarda,

 cando a ún esta vida

 lle cansa e lle afrixe?


Escollín este poema para dar pé ao meu artigo porque penso que a súa temática (ou polo menos unha delas) é o dereito a escoller o final da nosa vida, o dereito a ter unha boa morte; como dixo alguén que non lembro: "unha das funcións máis nobres da razón é a de saber cando chegou o momento de abandonar este mundo".

Non obstante, o dereito ao que nos estamos a referir non está contemplado na actual lexislación xa que os múltiples defensores da "libertad" que forman o noso espectro gobernamental empéñanse en negarllo á cidadanía pola simple razón de non entrar dentro do seu sistema de valores e crenzas (que é, como todos sabemos, o único posible, o máis racional, o dereito "natural"...).

Lendo o parágrafo anterior poderíase pensar que estamos a falar da dereita, pero non, moitos dos "progresistas" españois tamén comparten os seus mesmos principios ideolóxicos, tanto no aspecto económico como no moral; esta coincidencia explica que, tras anos de goberno socialista (supostamente), só se teñan tomado unha serie de medidas "progres" de cara á galería pero seguimos sen dar pasos claros cara a laicidade real e á ruptura coa concepción católica da sociedade. A este respecto non deixa de ser aclaratorio o feito de que, cando se toma unha medida que poderiamos considerar progresista, de seguida saltan dous ou tres ministros/as e algún que outro deputado/a dicindo que eles non comparten a medida, pero que, como son moi demócratas, aceptan a decisión (podemos citar aquí multitude de exemplos: como a recente decisión do parlamento catalán de prohibir as corridas de touros, a separación dos actos relixiosos e militares -que, curiosamente, seguen presididos por unha cruz- ou a presenza de crucifixos en certos hospitais públicos -concretamente na área de coidados paliativos- aínda despois de pasar socialistas pola consellería de sanidade). En definitiva, a realidade dinos que a esquerda española segue a ser, no fondo, unha organización política cristiano-española, ao igual que a dereita, só que nesta última podemos atopar colectivos unicamente cristiáns, sen o adxectivo españolista e aos que hai que recoñecerlle un mérito evidente: o de recoñecer abertamente quen son e non tratar de enganar a ninguén.

Volvendo ao tema que nos ocupa, creo que é necesario comentar que a actual lexislación está negándolle á cidadanía un dereito que debemos inscribir no contexto dunha sociedade secularizada, unha sociedade que non cre no sufrimento innecesario (que Cristo morrese por nós nunha cruz non implica que agora todos nós teñamos que morrer desesperados só para darlle o gusto a quen cren nel e recoméndolle a quen non estea de acordo con isto que pase algún tempo ao pé da cama dun moribundo, soe ser unha experiencia moi ilustrativa). É un escándalo que, en pleno século XXI, se lles siga negando aos individuos, á sociedade, os medios para evitar estados de indignidade ou a tortura psicolóxica que supón enfrontarse á certeza dunha morte inminente. O dereito a unha morte digna é parte do dereito á autodeterminación das persoas, por iso debemos seguir loitando para acadar un estado laico real que non discrimine por razóns de credo, e, no estado español, por razóns culturais e lingüísticas.


[04-08-2010 23:51] Rocio G. comentou:

Ola

Precisamente estes días tiven unha conversa co meu abó sobre a eutanasia, el atopase enfermo e non se quere ver postrado nunha cama entón eu explicaballe que eu non ia permitir que fixesen experimentos con el nin moito menos atalo a vida mecánicamente, el so me dixo:
A eutanasia non é legal pero ti fai todo o que teñas que facer por min e decide sen medo xa que eu non poderei nin falar nin moverme.

Esto o dí unha persoa de 83 anos que sempre foi moi activo e non se quere ver morto en vida.

un saúdo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña