12:23 Martes, 09 de Marzo de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-08-2010

O Parlament de Catalunya pechou o seu período de sesións aprobando a prohibición de touradas no seu territorio a partir do ano 2012

Prohibir as touradas, restaurar a normalidade

Valorar (12)

ANA BELÉN PONTÓN MONDELO



O Parlament de Catalunya pechou o seu período de sesións aprobando a prohibición de touradas no seu territorio a partir do ano 2012. Prodúcese este feito após un intenso debate na sociedade catalá, canalizado a través dunha iniciativa lexislativa popular que recadou o apoio de 180.000 cidadáns. Como era de agardar, os círculos máis españolistas arderon en cólera e despregan toda unha campaña de difamación e exhibición de anticatalanismo. Mais unha vez, presentan o asunto como un ataque a España froito dos excesos nacionalistas e o seu gusto por prohibir. Resulta obsceno ver a determina prensa e articulistas, facendo alarde da defensa da liberdade -acoutada iso si, cando se trata de defender símbolos e tradicións españolas-, cando dous días antes, negaban esa liberdade ao pobo catalán e cualificaban a sentenza do Tribunal Constitucional de demasiado branda. Non hai liberdade para o pobo catalán determinar o seu autogoberno. É unha vella táctica que lamentabelmente ten o seu público e quere vítimizar a quen son verdugos. Mais efectivamente, delátanse eles mesmos coas súas saídas de ton.

Recoñezo o meu pequeno coñecemento sobre o mundo taurino. Isto non evita que calquera pode saber que as touradas non forma parte das tradicións das nacións sen estado que existen -queiran ou non- no Estado Español. Hai evidencias históricas que demostran o intento por parte do poder central de espallar esta costume, mellor dito, impoñela nestes territorios como un elemento de uniformización cultural. Polo tanto, o que fai o Parlament é un acto de normalidade, de defensa fronte a unha imposición. De existir tradición real, enraizamento cultural, seguramente o resultado da votación producida non sería a mesma.

Non se poden menosprezar os argumentos que teñen que ver co respecto dos dereitos dos animais. A "festa nacional" non deixa de ser un espectáculo sádico, abrupto; baseado no sufrimento dun animal que se desangra lentamente. Non é para min un  concepto asimilábel a espectáculo e cultura, mais ben recorda un circo romano no que os escravos son cambiados por touros de lidia. Tampouco semella moi acorde cuns tempos nos que, civilizadamente, creamos marcos normativos para evitar sufrimentos e maltrato aos animais, se permitan tais excepcións en nome da tradición.

Nas últimas semanas os defensores dos touros agarráronse a un argumento ben feble: a prohibición non é gratis, o goberno catalán vai ter que indemnizar aos promotores destes eventos. Calculan o custe en 300 millóns de euros. Mais deámoslle a volta ao argumento: canto custa manter esta tradición?. Resulta difícil atopar datos oficiais, curiosamente as institucións públicas non publican estes datos. Segundo estudos feitos por algunhas organizacións no Estado, diferentes administracións destinan 564 millóns de euros ao ano a pagar corridas, encerros ou escolas taurinas. Todo un negocio para uns cantos sufragado a costa dos nosos impostos.

Galiza pasa por ser o territorio do Estado Español con menor afección ás touradas. Seguramente, non só por ser allea á nosa idiosincrasia, senón por unha consideración psicolóxica que tan ben retratou Castelao no Album Nós. A coñecida estampa na que un labrego mira un cartel que anuncia unha corrida e di "Que lástima de bois". Mais existe un empeño por facer presente no noso país esta práctica. Neste caso dá igual o escaso respaldo social, dá igual que se destinen fondos públicos para un espectáculo cruento que deixa indiferente á inmensa maioría do noso pobo. Hai representantes institucionais que cos cartos de todas e todos queren introducir -con pouco éxito, hai que dicilo- esta "afección". Agardo que os galegos e galegas sigamos con esta resistencia activa, non só por insubmisión á crueldade desta mal chamada festa nacional, senón como antídoto necesario ante tanta españolización.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña