11:48 Martes, 09 de Marzo de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

31-07-2010

Que acontecería se un policía demandase a identificación dunha persoa por falar en castelán? E se a ameazase con pegarlle por utilizar un nome de lugar en castelán?

Contra a criminalización dos nosos símbolos

Valorar (13)

CARLOS MANUEL CALLÓN TORRES



Esta fin de semana en Compostela houbo varias actuacións graves e abusivas por parte dalgúns axentes da policía nacional. A diferenza doutras  nas que o Ministerio do Interior simplemente negou o acontecido, desta vez teno máis difícil. Algúns destes comportamentos improcedentes e (digámolo claro) antidemocráticos padecéronos profesionais da información que estaban a pasear pola cidade.

"Primeiro, sóubose dunha "xornalista andaluza que foi reprendida e ameazada por preguntar polo nome dun lugar como ese lugar se chama de forma xenuína e oficial: en galego. Trascendeu tamén despois o que lle aconteceu a "outra xornalista, que aínda que está a ser menos coñecido non é menos grave en absoluto:

Non foi o único caso de ameazas que saíron de boca dun axente da Policía  Nacional. O sábado pola tarde, mentres camiñaban pola praza de  Cervantes, un grupo de cinco mozas -galegas desta volta e unha delas  tamén xornalista- convertéronse no obxectivo dos improperios dun  antidisturbios. Dous furgóns policiais pretendían aparcar no lugar, e  varios axentes impedían o tránsito aos viandantes. As rapazas pararon  tamén.

Acto seguido, un policía que, segundo el mesmo informou ás mozas en ton  ameazante, pesaba "más de cien kilos", preguntoulles se tiñan algún  problema con que el non falase galego -lingua que estaban a utilizar  para comunicarse entre elas-. A continuación espetoulles que "yo corro  más rápido que vosotras, seguro", e dirixíndose a unha das mozas, a que  tiña máis cerca, díxolle: "Tú, con lo gorda que estás, debes de andar  cerca de los noventa kilos", mentres ría en complicidade con outro dos  axentes alí presentes.

Mentres unha das mozas advertía á súa amiga de que se non se apartaba  poderían pisala, o antidisturbios virouse de novo: "Si te piso, ¡te  jodes!". E ao permitir de novo a circulación aos peóns, a modo de  despedida, berroulles: "A ver si camináis tan lento cuando vaya detrás  de vosotras". Todo iso ante a mirada atónita do resto de viandantes,  turistas na súa maioría, que se atopaban na praza compostelá no momento  dos feitos. Ademais, a varias mulleres e homes que portaban unha bandeira de Galiza esta fin de semana prohibiúselles o paso a determinadas prazas da capital. Por exemplo, así lle aconteceu a quen chegou tarde ao acto que o BNG organiza na Praza da Quintana. Tentaron acceder a través da praza de Pratarías, mais non se lles permitiu o paso por levaren unha bandeira cunha estrela... (Se levasen unha bandeira española con aguilucho, que acontecería, por certo?)

Iso foi así e pódeno constatar todas as persoas que padeceron esta situación tan grave. E iso foi así por moito que faga "chanza impropiaco tema o delegado do Goberno, Antón Louro (cito o impedimento de acceso de bandeiras  nacionalistas nos actos do domingo, Louro atribuíuno a unha 'información  equivocada' e indicou que durante a súa presenza nos mesmos viu 'bandeiras con todas as cores, galegas e de todo tipo', sinalou).

Dicir que el viu bandeiras galegas por Santiago para negar a denuncia das persoas que padeceron esta situación é unha frivolidade pola que debería pedir desculpas. Non pode ser que haxa tantas denuncias de criminalización da lingua galega e dos símbolos do país e que o Delegado do Goberno, un dos responsábeis últimos desta situación, lance balóns fóra, afirme que non pasa nada, que non ten constancia de nada e faga brincadeiras.

Que acontecería se un policía demandase a identificación dunha persoa por falar en castelán? E se a ameazase con pegarlle por utilizar un nome de lugar en castelán? E se lle prohibise o paso a unha rúa por levar unha bandeira española? Pois nós, igual. Non queremos ser inmunda escoria. Queremos un tratamento igualitario. Con todos os deberes e con todos os dereitos. Queremos, en fin, poder falar o noso idioma e poder exhibir os nosos  símbolos nacionais sen que nolo dificulten os poderes públicos. Non debería ser tanto pedir!


[01-08-2010 11:39] xoxua comentou:

a min non me deixaron pasar polo obradoiro segundo a policia pola miña bolsa e polas bandeiras (enroladas) que levaba. mentres o policia mo dicia, varias persoas ian e viñan diante miña coas mochilas e bolsas... na tua propia terra non podes circular coa bandeira. pois eu ben que respetei os que penduraban a española polas ruas.

[31-07-2010 20:34] txema comentou:

Por certo, a faciana da foto, é a mesma que me puxeron cando quixen cruzar a Quintana dos vivos, " tal cual ", cuspidiña

[31-07-2010 20:30] txema comentou:

Teño que dicir que o día da Patria , cando íamos cara a Alameda , tivemos que pasar pola Quintana dos vivos, e cando entramos na devandita praza, estaba ateigada de xente pra cuñar a cartilla do xacobeo, e ollar para pantalla grande á chegada do “ bombóm “ , cando decido cruzar pido por favor que me deixaran pasar e díme un vello , " por aquí no pasa ", eu quedéi de pedra , volto a insistir á xente, " ¿ por favor déixanme pasar ? " , entón unha parella de rapaces que tamén ían pra mani do BNG, chantaron cara e con axuda do meu bombo ( instrumento ), metímonos por meio déles ao que eu dirixínme ao vello e díxenlle , " a rúa é de todos , e vostedes o que están a facer é , cortar o acceso á praza " ¿ vale ?, entón o vello e o resto que estaba arredor del, calaron e deixaronos pasar, ou sexa , ísta xente a que veñen ¿ a provocar ?, teño que dicir que a todo ísto, primeiro quedaronse a mirar a nosa bandeira coa estrela , ¿ foi ísa a razón ? , ben ísto foi o que me aconteceu o día da Patria , !! na miña propria TERRA !! coa xente de fora , agora comprendo aquila frase do tal Fraga que dicia así , " la calle es mía " , quedou alto e craro , que están anunciar algo, que por certo, non che é nada bó , o feixismo está a rebulir , e íso é mao , pero que moi mao , que por certo , dá pé a o título do teu Libro , " En castellano no hay problema " , pois nada , nen feito a medida

grazas polo comentario e pola adicatoria do teu libro , unha aperta

[31-07-2010 11:38] Eu comentou:

Era bo ir recompilando todos os casos que se produciron ultimamente, "en democracia": fulano humillado nunha entrevista de traballo por falar en galego, mengana ameazada por un policía, zutano burlado nun servizo de atención telefónico... E dar roldas de prensa ou publicar algo, non sei, algún folleto recopilatorio...

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña