12:12 Martes, 09 de Marzo de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

30-07-2010

As próximas eleccións van estar enmarcadas nunha situación de crise económica que pode provocar desmoralización social se os cidadáns non perciben alternativas

Eleccións municipais e crise económica

Valorar (9)

FRANCISCO XABIER ALONSO PÉREZ


Concellos de Galiza


Coa ratificación polo Consello Nacional das cabeceiras das listas elixidas pola militancia  das sete cidades e dos concellos, que polas súas circunstancias especiais os Consellos Comarcais decidiron adiantar, dáse por rematada unha fase de eleccións internas. A necesidade agora é entregarse de forma unitaria o esforzo de todo o nacionalismo para garantir a presenza do BNG en todos os concellos. Unha oportunidade máis para dar a coñecer á sociedade as nosas alternativas nun momento de crise económica. Non debemos perder máis tempo véndenos o embigo.

Este proceso, exemplo de democracia ao seren a militancia quen decide, foi descalificado por algúns medios de comunicación mentres aplauden o xeito de elección do PP e do PSOE onde as cúpulas de Madrid elixen aos seus candidatos a dedo, como foi o caso do actual  Alcalde de Vigo.

Rematada esta fase interna, é o momento de incrementar e reforzar a nosa participación na sociedade, de tomar iniciativas políticas con perspectiva de país en todos os ámbitos onde o BNG estea presente. Polo tanto é fundamental coordinar a presenza de todos os nosos activos políticos: institucionais ( Parlamento Galego, Parlamento Español, Concellos), responsábeis organizativos, cadros políticos no noso diálogo coa xente dos barrios, do eido sindical, cultura, social, etc... co fin de aumentar a base organizada do nacionalismo e combater o desánimo e o individualismo.

As próximas eleccións van estar enmarcadas nunha situación de crise económica que pode provocar desmoralización social se os cidadáns non perciben alternativas. Non podemos consentir que o PP, defensor das políticas de dereitas que nos levaron a crise, sexa agora quen se aproveite electoralmente por estar na oposición no parlamento de Madrid. A Xunta ten competencias en materia económica e de emprego, pois o goberno de Feixóo que asuma a súa responsabilidade, se cre que as competencias son insuficientes o que debe facer un presidente da Xunta é reclamar máis e non pregarse á estratexia do seu partido, situando a Galiza na segunda división, facendo frontes con Castela e León, Valencia e A Rioxa. O que debe facer é reclamar máis autogoberno, reclamar un estatuto de Nación que teña competencias para saír da crise.

A militancia nacionalista ten o 29 de setembro a oportunidade de implicarnos na folga convocada pola central nacionalista CIG para esixir solucións ao maior problema social: o desemprego. Non valen as receitas das reformas laborais do goberno central apoiados polo PP de abaratar o despedimento, e que unha vez máis sexa a clase traballadora a que pague a crise.

As medidas que o goberno español ten proposto non son as axeitadas para saír da crise como o demostra a situación actual. Na Galiza, tamén o goberno de Feixóo é responsábel, polo que non pode seguir desaparecido e vendo para outro lado.

Non sairemos da crise aplicando as mesmas políticas que a crearon, nin indo da man do PSOE e do PP, que non foron quen de dar alternativas, só o nacionalismo coas súas propostas é garante para remontar esta difícil situación. Son as eleccións municipais a oportunidade para explicar ao pobo o modelo social que defende o nacionalismo, o único capaz de rematar coa crise.


[30-07-2010 10:52] A Bouza de Coia, Vigo. comentou:

Ideas claras. O principal fronte á confusión ideolóxica que pretende conquerir, polo sistema, resignación e máis desmoralización. Moita autoorganización do nacionalismo galego, para pararlle os pés ao binomio letal PSOE-PP.

[30-07-2010 09:46] eu comentou:

Estou totalmente de acordo. Agora ben, o nacionalismo ten que definir nidiamente cal é o modelo social que defende e, despois, espallalo con claridade e cun discurso único.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña