00:54 Sabado, 11 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-07-2010

Os medios de comunicación ao servizo do aparello estatal e reaccionario, teiman en centrar a cuestión nunha aparente cruzada identitaria dos partidos nacionalistas

É importante o estatuto de nación

Valorar (10)

LOIS SÁNCHEZ MEIZOSO



- (...) a realidade é que a xente anda preocupada doutras cousas: crise económica, desemprego, acceso por parte dos autónomos e empresarios ao crédito,...

Isto, tristemente, foime comentado hai uns días por unha persoa bastante próxima, ao se enterar de que o meu nome figuraba na lista do BNG para as vindeiras eleccións municipais e de que, como non podía ser doutra maneira, vía necesario un cambio estatutario e constitucional.

A tristura e inquedanza viume por varias vías. Esta persoa, como moitas outras, posúe un nivel cultural elevado e, por outra banda, os referentes individuais que alimentan a opinión desta xente, son vasalos sen escrúpulos dos seus patróns mediáticos. Recoñecidos persoeiros tanto nos eidos cultural como político que, por seren senlleiros en cadansúa área, tanto dano fan coas súas opinións.

Pois ben, nunca antes tal morea de artigos de opinión, incluíron tal cantidade de argumentacións falsas e maquiavélicas que en moitos casos, nin sequer comparten aqueles mesmos que as asinan. Efectivamente podería coincidir en que, a día de hoxe, unha polémica circunscrita única e exclusivamente á cuestión identitaria e sobor da verba nación, podería non ser ollada como un debate importante no contexto de crise económica, por unha persoa non nacionalista. Aquí radica, precisamente o engano; os medios de comunicación ao servizo do aparello estatal e reaccionario, teiman en centrar a cuestión nunha aparente cruzada identitaria dos partidos nacionalistas.

- Pois non querido amigo (díxenlle ao rapaz), fíxate se é relevante a aprobación dun Estatuto de nación que recolla as competencias necesarias para poder facer fronte a eses problemas que si convés que son fundamentais. É necesario asumir competencias plenas en materia de emprego e seguridade social para adaptalas ás necesidades tan peculiares do noso mercado de traballo; é necesario asumir o reto de crear un sistema financeiro público e galego que financie o investimento do tecido produtivo galego, de novo tan peculiar e caracterizado por unha presenza maioritaria de PEME´s; é necesario ter competencias plenas en industria e economía para, dunha vez por todas, desenvolver aqueles sectores produtivos cos que, ademais de contar con claras vantaxes competitivas, poden vencellarse claramente con grande número de empregos de calidade que vencellen, ademais, a súa utilidade coas das políticas de emprego e seguridade social. E é necesario facelo de forma autónoma, porque o Estado é ineficaz ou inexistente á hora de facelo.

Unha última reflexión: debemos ter coidado con todos estes articulistas que, xogando a ser deuses, permítense trivializar e minusvalorar todo aceno de disconformidade coas realidades impostas.

Co gallo da manifestación celebrada en Barcelona en contra da sentencia do Constitucional a respecto do Estatut, un coñecido articulista de "La voz de Galicia", coñecedor do dato que cifrou o número de asistentes á manifestación por riba do millón douscentos mil, escrebia máis ou menos que (..) os catalanistas queren que creamos que a cuestión estatutaria importa á sociedade (...) Sobran comentarios.

Hai que ter moito coidado coa fe cega e o respecto incuestionábel á "autoridade", sobre todo cando nos queren tratar de imbéciles. Lémbrame algo que lin o outro día nun libro de comedia:

- Oes fulano, pero ti non estabas morto?
- Non, non ves que estou falando contigo?
- Hai non sei, e que a persoa que me dixo que estabas morto é de moita confianza...


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña