13:44 Mércores, 08 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-07-2010

Ensino "popular" e "privado": conceptos irreconciliábeis. Ensino "universal" e "público": demandas irrenunciábeis

O galego na escola

Valorar (53)

ROBERT NEAL BAXTER



Por desgraza, após unha serie de tímidos logros, tócanos vivir -nós e sobre todo a xeración que representan os nosos fillos e as nosas fillas- un retroceso que anuncia o principio dunha nova época de escuridade -por non dicir escurantismo- en todo o referido á defensa da patria galega e dos seus sinais de identidade. E entre estes sinais destaca, por encima de calquera outra, a lingua que nos distingue e define como pobo. O papel fundamental que desempeña a lingua na cohesión nacional do pobo galego é a razón que motiva a virulenta política lingüicida deseñada para arrincar o galego como lingua normal do pobo, como paso previo para o obxectivo final que non é outro que a aniquilación da Galiza como nación.

E non é casual que o punto de partida deste xenocidio cultural sexa o ensino obrigatorio na forma do denominado 'Decretazo', procurando así reforzar a  idea de que o galego é unha lingua de segunda categoría fronte ao español (e mesmo, ao inglés) no seu propio país e, sobre todo, interromper unha vez para todas a transmisión interxeracional do galego, ao garantir unha educación formal insuficiente e desequilibrada en galego, fomentando así a inseguridade lingüística xa existente fronte ao español, cada vez máis hexemónico como lingua de prestixio. Despois, só será unha cuestión de tempo para que  a lingua se esnaquice definitiva e (case) irrecuperabelmente.

Fronte a esta ofensiva españolista sen paliativos, o primeiro deber de calquera nacionalista non pode ser outro que loitar para resistir e defender a lingua galega, sexa como for.

Como pai que eu tamén son, entendo a frustración que se sente ante as actuais perspectivas escolares, e loxicamente non vou ser eu quen critique calquera que procure garantir que a súa filla ou o seu fillo estea educad@ na lingua do país.

Por iso resulta difícil avaliar de xeito obxectivo iniciativas como Galiza co galego [http://limiargalego.blogspot.com/2009/04/pola-creacion-dunha-rede-popular-galega.html] que ten como obxectivo principal declarado: «acad[ar] recursos económicos para a creación dunha rede popular galega privada de ensino en galego, a todos os niveis». Porén, unha reflexión ao respecto revela que detrás desta iniciativa a priori loábel se agochan unha serie de implicacións sociopolíticas a longo prazo que resultan urxentes analizar para evitarnos cometer uns erros estratéxicos de calibre de cara ao futuro que poden traer importantes consecuencias negativas indesexábeis e indesexadas para a lingua galega.

A miúdo se apela a iniciativas populares similares, como son as escolas asociativas en lingua bretoa Diwan [http://www.diwanbreizh.org/]. Mais cumpre deixar claro que a situación é radicalmente diferente desde todos os puntos de vista ao se comparar coa galega.

Por unha banda, as escolas como Diwan -tamén hai sistemas similares por toda a Europa- representan o último reduto para manter un mínimo de novos falantes, nunha actitude de preservacionismo necesario para garantir a supervivencia dunha lingua seriamente ameazada e cuxa supervivencia fica lonxe de estar garantida[1]. Moi a pesar das reiteradas tentativas ao longo da historia por parte de españolismo, iso non é o caso do galego que segue a ser unha lingua na que se pode expresar sen dificultades a esmagadora maioría da poboación[2]. Nin existe no caso galego, contrariamente ao caso bretón, ningunha barreira comunicativa real que se puider invocar para impedir o seu uso normal como lingua vehicular dentro do sistema educativo habitual.

E pola outra banda, ao contrario do bretón e moitas outras linguas en situacións similares, existe unha (aínda que enormemente insuficiente) lexislación que ampara o uso do galego no ensino e non se pode trocar a reivindicación histórica que exixe o seu cumprimento integral así como a súa progresiva superación por un survivalismo derrotista por baterse en retirada para se refuxiar en reservas illadas, automarxinándose e excluíndose así de facto do resto da sociedade. Fronte á nova agresión non é a hora de baixar os brazos e deixar que os españolistas fagan o que queiran coa nosa lingua nos centros públicos, pagados por todas e todos nós.

Así, por moi meritoria que a iniciativa galega puider parecer á primeira vista, existe unha funda contradición na concepción mesma dunha rede privada que pretende ser 'popular': para unha minoría da xente xa conscienciada con cartos habería a posibilidade de escolarizar a súa prole en galego. E para o resto, só lle ficará aguantarse nun centro público cada vez máis desgaleguizado e desgaleguizador.

Mais non é só unha cuestión de diñeiro, senón do arrecantamento do galego. Cabe preguntarse até que punto resultaría positivo que a maioría da xente conscienciada e favorábel á normalización do galego marchase do sistema público para se refuxiar nun sistema privado pararalo, deixando o sistema público e universal en mans dos caprichos dos inimigos do galego.

Fronte á pretendida 'normalidade' que predica a rede entre os seus obxectivos: «Apoio a creación dunha asociación popular Galiza co Galego que axude as familias para facilitarlles os medios, as ferramentas, para que poidan desenvolver a súa vida con normalidade en galego», na realidade o proxecto supón todo o contrario, co risco real de se crearen guetos elitistas, á marxe do sistema habitual, onde o galego sería a lingua dos bechos raros con cartos, acurralado en illotes autoproteccionistas fronte á masificación do español como lingua ultra maioritaria e sen contestación dentro do maioría da sociedade. No fundo, trátase dun capitulacionismo a curto prazo ben intencionado ao nivel individual mais que, ao longo prazo, representa unha perda de moi difícil recuperación para o pobo no seu conxunto.

Como socialista que son, non podo defender un sistema de dúas velocidades segundo os recursos económicos de cada quen. E como nacionalista que son, tampouco podo asumir que para falar a nosa lingua con normalidade haxa que cortarse do resto do pobo.

Entendo que cansa moito ter que loitar día si e outro tamén para que as nosas fillas e os nosos fillos poidan vivir na lingua do país de xeito normal. Mais foi grazas ao esforzo de moita xente antes de nós, tanto pais e nais como profesores e profesoras, que se conseguiu chegar a unha situación onde o galego estivo -e segue a estar, aínda que en menor medida-  presente no ensino público. É, pois, o noso deber, honrar a memoria destas persoas, moitas delas represaliadas no seu día pola defensa dos seus e dos nosos dereitos, seguíndomos adiante coa loita para garantir unha educación galega, universal e de calidade no canto de nos afincarmos no derrotismo da musealización anecdótica da lingua en centros especializados e marxinais.

Acúsasenos, as/os nacionalistas, de querermos 'patrimonializar' o galego, de o apropiarmos para nós mesmas/os. Nada máis lonxe da verdade. O verdadeiro nacionalismo sabe que o futuro da lingua será garantido só se segue a ser a lingua do pobo, iso é de todas e de todos.

Mesmo o Estatuto recoñece o dereito básico de saber e poder usar o galego. Non se trata dun privilexio que corresponde a quen o poida pagar ou quen teña a paciencia de o procurar fóra das canles habituais da sociedade. O galego é o legado inalienábel de todas e todos, teñan o non os seus pais diñeiro, vivan onde vivan e falan a lingua que falen na casa.

Non renunciemos a lingua galega! Ensino galego, público e de calidade!

Notas

[1] En 2007, 172.000 persoas dicían falar ben ou bastante ben o bretón, ou sexa 13% da poboación da Baixa Bretaña, zona historicamente de fala bretoa, das cales 81% teñen máis de 60 anos (Broudic, F. 2009. Parler breton au XXIe siècle. Le nouveau sondage de TMO-Régions, Emgleo Breiz)

[2] En 2003, 90,1% da poboación dicía falar ben ou moi ben o galego, e até 97,3% da poboación declaraba entendelo moi ben (Monteagudo, H. e Lorenzo, A. (dir.). 2005. A sociedade galega e o idioma. A evolución sociolingüística de Galicia (1992-2003), Consello da Cultura Galega)


1 2 3 4 5 6 7 8 seguinte

[03-08-2010 12:25] Ary dos Santos comentou:

Interesante opinión a de Neal que aporta e enriquece o debate. Máis cando se fai desde o coñecemento directo de experiencias semellantes noutros contextos e con outro ponto de partida sobre a situación do idioma.
Dar a batalla polo idioma coa que está a caer é dificil mais non debemos desistir. Bastante gueto queren facer con nós e o noso idioma para pórllo en bandexa.

[02-08-2010 20:50] Eu comentou:

Para o nambuangongo: eu non me proclamei voceiro de nada, homiño. Ti si usaches a primeira persoa do plural. Por outra banda, é difícil falar con alguén que pon na boca dos demais cousas que non dixeron. O que si che recomendo é saír un pouco de diante do ordenador, nunca ben mal. Veña, a seguir tecleando que tempo ben se ve que tes.

[02-08-2010 18:52] Nambuangongo comentou:

Eu, Estávamos a falar da rede de ensino, mas novamente saltam os preconceitos

1.- «Nós somos a maioria (temos razão), vós a minoria (não tendes razão)».

2.- Artigo do Garrido (fechado a comentários) onde diz o «guais» que são os revolucionários (?) dos setenta, aqueles «progres» hoje reconvertidos em «persoeiros». A única intelectualidade possível. Fora deles tudo é burrice e ninguém luta.

3.- «Ide trabalhar, folgazães!»


COMENTÁRIO a (1): Por essa regra de três, o PP também é maioria e o galeguismo uma anedota...

COMENTÁRIO a (2): Onde está essa revolução? onde estão as conquistas? Eu nasci nos 70, e desde que tenho uso da razão só vi retroceder os meus direitos, a destruição do meu país, da minha cultura, e o crescimento da alienação e o fascismo. Aqueles «progres» seica não fizeram bem a sua revolução. Deixaram-nos uma situação de merda, e ainda se permitem continuar a dar lições e a predicar consignas teóricas (puramente estéticas) sem nunca rectificar nas estratégias nem reconhecer nunca os erros. Sinto-o, amigo, mas o galeguismo dos 70 há tempo que para mim não é um referente. E tenho muito clara a minha ideologia, tenho muito lido, muito reflexionado nas teorias,...mas neste momento o que me preocupa e centra os meus esforços é A PRÁTICA.

COMENTÁRIO a (3): Que gasto de tempo e iniciativas me recomenda o senhor: rezar a sanbenegá para que chovam milagres no ensino, ou colaborar numa rede de ensino alternativa?

Concordo com Francisco em que aqui há pessoas que dão a sua opinião PESSOAL e, afortunadamente, não representa a totalidade das opiniões nas formações políticas ou grupos sociais dos que se proclamam portavozes.

Se este debate quer ser construtivo, discutamos sobre um ensino ALTERNATIVO AO PP, tanto desde as iniciativas institucionais como desde as iniciativas civis, e deixemo-nos de caralhadas.

Vou deixar mais uma questão por se alguém quer comentar: consideram os senhores satisfactório o modelo de ensino PÚBLICO atual no rural galego (feche das escolas unitárias e concentração do alunos nas vilas)? Também não há alternativas?

[02-08-2010 17:04] Eu comentou:

Obviamente, os nambuangongos non son o inimigo, quen lles dera, non pasan de ser unha anécdota, un pequeno apéndice do sistema que, envoltos nun presunto manto de alternatividade, veñen defender na práctica que non mude nada, como moi ben explicou Garrido nun maxistral artigo seu. http://www.vieiros.com/columnas/opinion/953/moncho-reboiras
Por outra banda, para poder pontificar tanto por estes mundos virtuais hai que ter tempo libre, si ho. Era ben destinardes unha milésima parte do tempo a colaborar en iniciativas do mundo real, como Galiza co galego, por exemplo.

1 2 3 4 5 6 7 8 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña