11:29 Martes, 09 de Marzo de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-07-2010

A sociedade non existe máis que para ser produtivos, para soster o ritmo económico que o elenco de capitáns marcan sibilinamente

Sociedade de cinza

Valorar (1)

LINO GARCÍA SALGADO



Desta volta non vou falar do mundo rural en xeral e menos da agricultura, non desta xeira vou tentar darlle unha volta a algo que xa teño matinado en moitas ocasións e que xurde dalgúns comentarios ao meu anterior artigo e aos artigos do compañeiro e amigo Xosé Manuel González Vilas.

Non son quen de poñer en dúbida a súa valía e os seus coñecementos, fundados de sobra na extensa cultura e bibliografía que os atesouran, non vai por aí o tema, senón pola base que os fundamenta. Fálase, baixo o meu prisma, da sociedade en xeral, agraria en concreto , sen ter en conta o erro que se está transmitindo. Acordo no meu parecer que a sociedade como tal é un complexo sistema de anunciación de colectivos puntuais que non teñen outro fin senón o de existir. A sociedade non existe máis que para ser produtivos, para soster o ritmo económico que o elenco de capitáns marcan sibilinamente ao ritmo adecuado na elaboración dun produto a imaxe do mercado que nunca é noso. A sociedade son traballadores manifestándose en momentos puntuais por unha problemática que parece ser común, máis só na orixe e non no destino. A sociedade son eses mesmos traballadores e traballadoras sendo carne de canón das porras dos policías que eles mesmos se encargan de subvencionar mes a mes. Non nos equivoquemos, a sociedade non existe só é unha transfiguración transitoria que acaba diluíndose no vento, e aí está o erro.

Confiamos que a sociedade esperte, e non vai ser así. Os distintos momentos aleatorios que lle confiren ese nexo de unión son os que, precisamente, fan que fracase de raíz tódolos movementos que orbiten arredor dela. As empatías son as que engarzan dalgún xeito o proceder da xente e por descontado que son caducas, en caso contrario sería demasiado fácil elaborar unha estratificación de niveis de compromiso que redundaran en camiños comúns e en solucións á vista beneficiosas para o conxunto da xente. Pero non, aí está a gran mentira e aí é onde o mando invisible no que se ten convertido este capitalismo internacional manobra con tranquilidade e impunidade.

A importancia de ser coñecedores da nosa condición é sinónimo de albiscar un mínimo de esperanza e de acadar cotas de beneficio propio e común. Un bo exemplo son as SOCIEDADES cooperativas agrarias, feitas dende un principio de colaboración no traballo e non dende un punto de vista comercial, ven sexa na compra de insumos ou na venda de produtos. Hoxe en día esa filosofía está totalmente desterrada e as cooperativas non pasan de ser máis que meras empresas competindo nun mundo que non é o seu, nunha perigosa liña de flotación capaz de meter auga dentro do propio barco. Hoxe en día a conservación de postos de traballo, a competencia coas comerciais, as negociacións dos prezos de venda e compra teñen tan distraída á xente que é imposible pensar noutra cousa e fica abandonado o verdadeiro sentido de colaboración, xusto onde porían confluír liñas ou ideas que redundaran nun beneficio maior a longo ou medio prazo, e non só económico senón de permanencia no tempo, aquilo que se lle pide a toda empresa ( digo empresa, xa que así se mide todo ) que non dependa nin das subvencións nin do criterio político de quen goberne, evitando desta forma a propia liberdade intelectual, a que non se debe vender.

Situémonos pois nesta encrucillada e pensemos na crueldade dos feitos, do camiño emprendido e non deamos voltas ao chou. Teñamos claro dunha vez que ( aínda que sexa etimoloxicamente falando ) as grandes multitudes só se xuntan para ver fútbol, non para defender o seu. Deberemos pois reiniciar de novo o noso disco duro e comezar a sementar empatías nas asociacións de veciños, nas fábricas, nas tendas, onde sexa que poda nacer un crepúsculo de dignidade, unha información distinta para contrarrestar, debemos, creo, volver aos cimentos de quen sostén este mundo, a nosa patria.


1 2 seguinte

[16-08-2010 13:45] Nelida comentou:

De novo pos do dedo na chaga, cando falas da necesidade de formación e autoformación. Creo que por parte do nacionalismo, ou polo menos pola miña parte, tendemos a camuflar ou desculpar as eivas dos nosos tecidos produtivos, sempre aludindo ao debir da historia: a falla de formación, a falla de espíritu empresarial, a falla de tecido societario..... Non podemos ficar lamenentándonos do que puido ser e non foi. É preciso analizar pormenorizadamente as nosas potencialidades produtivas, e sobre todo as enormes limitacións dos nosos tecidos e camiñar elaborando estratexias que axuden a paliar esas eivas.
Un compañeiro nun dos seus comentarios criticaba con dureza, sen demasiada argumentación, a posta en marcha do BANTEGAL, idea brillante, pero que non resultou unha medida efectiva xa que nas comarcas de alta producción as terras a barbeito que puideran formar parte de ese banco son inexistentes. ¿¿¿Deberíase pois camiñar cara a promoción de cooperativas de productores de forraxes en outras zonas do Lugo interior ou Ourense, freando o abandoo, á vez que se ofrece unha solución ás explotación de vacún de leite que agora mesmo non teñen Has., e que os fan tan vulnerables a prezos de venta á baixa e á suba dos prezos do cereal ????. ¿¿¿ Sería interesante potenciar a producción de variedades tradicionais de trigo, que tanta demanda teñén nas panificadoras que elaboran productos pretendidamente tradicionais???? ¿¿¿Qúe nos parece o "Merlo Branco" do aproveitamento enerxético da biomasa dos nosos montes, tan necesitados como están os nosos degradados solos de cuberta vexetal????
Temos técnic@s excelentes e é necesario achegar propostas de orientación produtiva a comunidades moitas veces profundamente desorientadas e desesperadas.

[13-08-2010 13:42] Vilas comentou:

Respondendo á demanda de Nélida é bó que se dispoña de mais tempo para un feed back constructivo entre artigo e sobre os comentarios, mesmo os comentarios son moitas vezes mais interesantes. Evidentemente unha sociedade desmaterializada no que respecta á producción (agraria, industrial, artística, etc.) non ten sustento a calquera autoderminación de calquera tipo. Na medida que transformamos ou "elaboramos" a realiade material somos algo. Ningunha potencia histórica renuncióu a ter agricultura, mesmo como base aos impulsos da base mercantil e industrial. Por iso entendo que desde o nacionalismo aparte dun apelo aos valores de rebeldía e autoestima colectiva hai que analizar as posibilidades de incidir no propio tecido agrario e industrial e en especial a formacion-autoformación dos operarios, artesáns, labregos, empresarios e cooperativas. Os nosos exemplos históricos estan para os analizar; bieitos cirstencienses do S XII e XIII, asentadores cataláns do S XVIII, sociedades agrarias do comezos do XX, cooperativas actuais exitosas, comunidades de montes, etc. Xa sei do debate das cooperativas se son empresas verticalizadas co consenso pasivo dos seus socios, sei, non hai que xeralizar ao "bruto", analisar caso a caso, un caso exitoso vale moito, dos fracasos tamén hai que aprender. Fundamentalmente unha cooperativa aparte de pervivir no tempo e asegurar a continuidade das explotacións debe crear novas estructuras onde prever os embates futuros dunha economía mundializada que nos está tensionando constantemente. Se algúns dos nosos exemplos históricos nosos foron exitosos foi por un principio organizativo asumido pola súa base, moitas veces moi verticalizado, pero nisto tamén se pode fracasar, é sobre todo unha estructura que asuma os erros e sexa capaz de superalos, aínda que nada é eterno, nen no suceso ou no fracaso.

[06-08-2010 16:39] Lino García comentou:

Pero bueno.... compañeira nélida, canto tempo sen saber de ti, bueno, procurarei contactar contigo no email que non se trata de publicitar a nosa amizada, pero alégrome moito de saudarte. No referente ao tema en cuestión ... debo estar facéndome vello xa que todo o contrario á túa afirmación/pregunta, dende logo que non o tomei como unha crítica senón como unha opinión, e aínda que fora crítica tería que asumila como fago na miña vida diaria sen ningún problema. O dito que todos e todas somos precisos e que che vou dicir a ti, que compartimos debates, opinións, e a defensa do sector estudiantil moitas veces sen ninguén que nos defendera a nós. Bueno, non nos poñamos nostálxicos, que encantadísimo de saudarte e que ninguén é prescindible neste tempo de lobos. Apertas compañeira

[05-08-2010 11:36] Nélida comentou:

Lino, estás canso de coñecerme, son a Nélida de Vilalba!. Sigo as túas crónicas coas do Vilas puntualmente, e se o meu comentario che resultou crítico, non foi esa a miña intención, xa que concordo plenamente cos teus plantexamentos. Se o futuro rural conta con vós na súa xénese, estou segura que esteremos no bó camiño para a súa resurrección. A miña dirección de correo é nelidalogic@mundo-r.com. Se precisas calquera cousa faimo saber.
Unha aperta e moito ánimo, como di o Vilas, será un camiño longo e non hai atallos! Iremos un día do Caurel a Compostela por terras cultivadas.

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña