02:33 Xoves, 03 de Decembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

21-07-2010

En realidade o gasto militar español duplica o orzamento do Ministerio de Defensa

O gasto militar español

Valorar (13)

MARTIÑO SANTOS CANOSA



"Non está o problema no gasto social, non está o problema no gasto público por moito que haxa que mellorar a súa eficiencia (por exemplo poderíase facer un inventario do gasto público superfluo incluído o militar e armamentístico que só ten utilidade ao servizo dun sistema de imposición e agresión e quedariamos sorprendidos da cantidade de recursos públicos que se poderían aforrar), non está no intervencionismo dende as esferas do poder democrático, resulta curioso que sexa este un debate  recorrente que en realidade agocha a obsesión por utilizar o ámbito da xestión pública como instrumento ao servizo do negocio lucrativo e especulativo dos grandes poderes financeiros." (Alfredo Suárez Canal. Artigo "Viva o capitalismo? Non grazas, hai alternativa". Terra e Tempo dixital).

Partimos desta aseveración, referendada a esta altura por múltiples economistas silenciados en toda Europa por uns grupos de comunicación ao servizo da liña editorial do neoliberalismo na interpretación da crise. Que o obediente e servil Estado español padeza con máis crueza as consecuencias, despois de anos de superávit orzamentario e redución da débeda pública, ten máis que ver co comportamento especulativo da banca no ámbito inmobiliario e con políticas fiscais regresivas, que co 'despilfarro' no gasto público. Por alí medrou o déficit cando diminuíu a actividade económica. Non a padecen de xeito tan cruento estados con maior gasto público e social que o español.

Contextualizada no conxunto das propostas formuladas polo nacionalismo diante da crise, incluíase a redución do gasto militar e a retirada das tropas de Afganistán. Non entra no guión do capitalismo adelgazar o estado -o seu modelo de estado- nos instrumentos precisos para garantir a orde internacional establecida e a actuación sen fronteiras das grandes corporacións económicas e financeiras. Detrás de cada guerra, de cada intervención militar, hai poderosos intereses económicos en xogo: xacementos de materias primas, rotas de condución de recursos e novos mercados de produción e consumo de mercadorías. E o mecanismo xera por si mesmo unha trama de intereses ao redor da produción militar.

O gasto militar español está rodeado dun indisimulado esforzo por disimular a ollos da sociedade os custes reais para o erario público. Maquillaxe das previsións orzamentarias, ocultamento de datos por 'razóns de seguridade nacional' (Centro Nacional de Intelixencia) ou operacións de enxeñería financeira. Especialmente controvertida resulta a fórmula iniciada en 1997 para facer fronte aos enormes gastos destinados aos grandes proxectos de armas emprendidos a mediados desa década. Un convenio interministerial garante que o Ministerio de Industria adiante cartos ás empresas militares, concedendo préstamos sen xuros para I+D reembolsábeis en 20 anos, cando Defensa adquira e pague o armamento encargado. Esta fórmula acumula un creto superior a 14 mil millóns de euros, dos que non se devolveu nin o 1% do total,  nunha clara contribución do gasto militar ao endebedamento e de subvención directa ás industrias militares. Para o ano 2010 o gasto en I+D militar ascende a case 1.200 millóns de euros, un 19% de Defensa e outro 81% de Industria (951 millóns de euros).

En realidade o gasto militar español duplica o orzamento do Ministerio de Defensa. A previsión para o ano 2010 supera os 18 mil millóns de euros, incluíndo o presuposto do Ministerio de Defensa e outros gastos militares non contabilizados neste ministerio (conforme aos criterios propostos pola OTAN e polo Stockholm International Peace Research Institute para a análise do gasto militar). Incorporan unha diminución de unicamente o 2,4% respecto do ano anterior, ficticia tendo en conta o habitual incremento que se produce na súa execución cunha considerábel desviación á alza entre o orzamentado e o liquidado (en 2009 perto do 8% máis á altura de setembro, e en 2008 foi do 16% na liquidación final). O gasto militar aproxímase ao 5% do orzamento total; as inversións militares superan o 10% do total de inversións do estado; e o I+D militar representa o 13% do gasto total en I+D. Nas inversións militares previstas en 2010, cabe destacar que non son anulados ningún dos grandes proxectos militares industriais programados.

En maio deste ano, mentres o goberno español ía cociñando e lanzando as súas medidas para reducir o déficit público a base de recortes sociais e laborais, a Ministra de Defensa, Carmen Chacón, presentaba publicamente o programa "Combatiente Futuro (COMFUT)" na sede do "Mando de Adiestramiento y Doctrina del Ejército (MADOC)" en Granada. Equipamentos de última xeración para os soldados españois froito dun proxecto de I+D "liderado por España". Na maioría dos medios adictos, a única cifra da información describía o peso de 30 quilos fronte aos 6 de cada equipamento actual. Información militar máis "desacomplexada" indicaba que estarán disponíbeis 9000 unidades para o ano 2011 cun custe que se estima entre os 12000 e os 18000 euros por cada versión completa do uniforme. As mesmas fontes indican que a cantidade pode parecer a priori abultada, pero que cobra a súa xusta dimensión comparándoa cos números do "Land Warrior" de Estados Unidos (32000 dólares por peza). A xustificación dunha inversión tan importante radica en que o equipo "salvará vidas" porque "xa non hai sociedade occidental que tolere as vítimas propias (!) nos conflictos". Máis claro, auga.

Estará ben reparar nas cifras e establecer as comparanzas oportunas con outras medidas do goberno. Tamén preguntarse a quen vén tanto equipamento deseñado para o enfrontamento activo en misións de paz sen intervención armada. Esta resposta foi dun coronel responsábel do programa: "Eso lo tendrán que contestar los políticos, nosotros nos ocupamos de hacer lo que han decidido".

Finalmente o gasto español en intervencións militares no estranxeiro nos últimos 20 anos roza os 7000 millóns de euros, as dúas terceiras partes a partir do ano 2000. As máis caras foron ISAF-Afganistán 1659 millóns, SFOR-Bosnia 1444 millóns e KFOR-Kosovo 1004 millóns. Libertad Iraquí custou 319 millóns. Nos cálculos feitos en 2009, o custe de cada soldado español en Afganistán ascendía a 1300 euros diarios. A participación do Estado español en misións militares internacionais tense incrementado considerabelmente nos últimos anos, e recentemente ocupaba o décimo primeiro posto na clasificación mundial en canto ao número de tropas despregadas.


[25-07-2010 19:53] LUIS comentou:

EU perdoa pero non tes nin idea do que dis, é a actividade principal da comarca dandolle traballo directo a 6000 persoas e 4000 indirectos, por certo cos mellores salarios do metal en todo o Estado. As empresas de certo calado que hai, se crearon ó aveiro de Navantia. O ibi é outra cousa e por certo habrái que sumarllo, está no xulgado. Non se poden confundir sentimentos con realidades.

[21-07-2010 22:11] Eu comentou:

LUIS, o gasto militar en Galiza non deixa un can, xusto ao contrario. O Concello de Ferrol leva anos e anos tentando cobrar impostos municipais ao exército español, e nada. Todo o contrario, ocupan espazo valioso e entorpecen a actividade económica.

[21-07-2010 12:26] LUIS comentou:

Hia que ter moi claro que gasto militar se ten que reconducir i como transformalo, sen producir males maiores na economia galega. por exemplo Ferrol. Non é o mesmo que o digan os catalans que igoal non perden nada, que o que se diga en Galiza. Queda moi ben un dicindo non ó gasto militar, pero non vaia ser que aumente o paro en Galiza e sen alternativas reais. Gostaríame ver ese estudo. Igoal o que lle falla ó nacionalismo é unha visión de pais ou cando menos máis acertada para que a realidade da xente sexa mellor. Altenativas reais e no momento á xente.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña