21:56 Domingo, 09 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-07-2010

A idea de pertenza a un Estado, mais non a unha nación, non é novo. Roma foi o mellor exemplo. Podíase ser cidadán romano e ter outra nación

O estraño caso de Dr Jekyll e Mr Hyde. Latinoaméricanos españois

Valorar (19)

XURXO MARTIZ CRESPO


Monumento a Alexandre Bóveda na Coruña


O Tribunal Constitucional varreu a posibilidade de recoñecer unha débeda histórica do nacionalismo e do Estado español coas outras nacións que forman parte do Estado. Non puideron por incapacidade e ignorancia. A redacción da sentenza, o seu léxico e forma, deixa ás claras os elementos ideolóxicos que forman parte dos compoñentes dese Tribunal Constitucional, tanto dos mal chamados maxistrados "progresistas" coma dos mal chamados maxistrados "conservadores". 

Xunto á nación catalá, galega e vasca hai outras nacións que comparten co Estado español a pertenza dos seus cidadáns. Malia poñer no documento de identidade español (reverso) na entrada "provincia" a palabra Bonos Aires, La Habana, Caracas..., son case un millón os cidadáns españois residentes no estranxeiro que non son parte da nación española senón da arxentina, mexicana, uruguaia, cubana, venezuelana... ao carón da cidadanía española. 

Esta idea de pertenza a un Estado, máis non a unha nación, non é novo. Roma foi o mellor exemplo. Podíase ser cidadán romano e ter outra nación. 

A condición de cidadá ten un carácter máis contractual, de deberes e obrigas do cidadán cara ao Estado e viceversa. Unha das peticións máis repetidas entre os latinoamericanos que adquiriron a cidadanía española estes últimos anos, ao abeiro da Lei de Memoria Histórica e a súa disposición adicional VII, era a de ser exonerados de xurar fidelidade ao rei español. Consideran, acertadamente, que ningún estranxeiro que adquire a cidadanía de calquera Estado latinoamericano xura fidelidade a ningún presidente aínda que si á Constitución; as persoas non son institucións, o rei non é a monarquía, por máis que se empeñen os españois. 

Esta pertenza á cidadanía española, aínda así, non deixa de ser traumática para os milleiros de mozos e mozas, máis de 350.000 menores de 30 anos que en Latinoamérica confunden a cidadanía cunha serie de valores culturais alleos aos seus latinoaméricanos. 

A síndrome da Copa do Mundo
A síndrome da imitación 

A policía mexicana tivo que impedir o acceso á réplica da fonte da Cibeles situada na capital de centos de mexicanos de orixe española que querían subir na fonte como se estivesen en Madrid. 

Nin os mozos mexicanos con camisetas da selección española eran españois, aínda que si o seu pasaporte, nin a fonte era a Cibeles, nin México DF era Madrid. 

As rúas de Caracas colapsaron durante o derradeiro partido do mundial. A Irmandade Galega de Caracas recibiu 6000 seguidores dos españois para celebrar un triunfo, afastado en todos os sentidos, que quixeron facer seu. O que os media difunden como algo pintoresco en realidade é algo grotesco e traumático, tanto para a poboación do lugar que ve, abraiada, como milleiros de compatriotas non queren selo e deixaron de selo por un libriño con 32 páxinas chamado pasaporte, como para os que se esforzan en ser unha cousa distinta á que son ou á que pertencen, os descentes de emigrantes nados en Latinoamérica. Cultivar e crear unha identidade falsa, alimentada de lugares comúns, ("identidade" de Galicia para el Mundo e folleto turístico de vila en festas) para desfacerse da verdadeira, non deixa de ser traumático. Proba diso é a gran cantidade de traumas[1] que arrastran os inmigrantes chegados ao Estado español con cidadanía española ao non seren recoñecidos como tales pola poboación á que crían pertencer.   

Outro intento de bipolaridade retrátao moi ben o canadiano Will Kymlicka, cando describe os esforzos dos anglocanadianos para cos quebequeses: "por que non podemos ser todos canadianos en primeiro lugar e membros das provincias despois?", isto, en palabras de  Kymlicka, "suporía pedirlles aos quebequeses que subordinen a súa identidade nacional, mentres que para os anglocanadianos sinxelamente significa fortalecer a súa identidade nacional fronte á súa identidade rexional[2]." 

Asegurar que se pode ser no senso nacional galego e español ou español e galego asemade non é máis que pretender cidadáns con personalidades bipolares. Non esquezamos os problemas de adaptación nas súas sociedades e na nosa cando "retornan" dos latinoamericanos con cidadanía española, o titulo da novela de Stevenson:  Strange Case of Dr Jekyll and Mr Hyde, (O estraño caso de Dr Jekyll e Mr Hyd)e sería acaído para esa pertenza que coloca no bordo dunha gran fenda aos que confunden nacionalidade con cidadanía. 

[1] Psicopatoloxía do retorno. Area Carracedo Ramón, García-Caballero Alexandre, Editorial Galaxia, Vigo, 2007.[2] Federalismo, nacionalismo e  multiculturalismo. Will Kymlicka, Universidade de Ottawa, Canadá. Revista Internacional de Filosofía Política, 7, maio 1996, pp. 20-54.

[19-07-2010 04:42] XMLT comentou:

Moi ben Xurxo, "confunden nacionalidade con cidadanía", ter esto ben claro para razoar o tema do voto emigrante.
Parabens e unha aperta.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña