14:46 Venres, 22 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-02-2010

Agora na rede tras o seu nacemento en 1965

Terra e Tempo: pensamento, palabra e acción

Valorar (28)

Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez


Desde hai 45 anos o TERRA E TEMPO tratou de dar resposta ás necesidades de información e formación do nacionalismo adaptándose aos diferentes contextos. Naceu na clandestinidade como arma de combate contra o franquismo daquela primeira UPG que pretendía ser un fronte que aglutinase a todos os que loitaran pola autodeterminación de Galiza. Acompañou a esta organización nas súas diferentes fases, mesmo até que se converteu en partido, e finalmente desembocou da súa man no proceso de unión que deu remate no que hoxe é o BNG, deixando de ter sentido o seu carácter partidario de intervención social, xa que era asumido polos órganos de expresión da fronte, mais conservando algunhas das funcións coas que nacía en canto a fornecer de teoría ao nacionalismo galego nos seus diferentes campos de traballo.

Ábrese pois a publicación para a ser un punto de encontro, de debate, de información e formación de todas e todos os nacionalistas, poñendo as súas páxinas a disposición de quen teña algo que aportar á clarificación do acontecer da nosa TERRA e do noso TEMPO. É así que desde 1996 vén publicándose baixo a dirección dun Consello de Redacción autónomo e coa colaboración de persoas alleas á propia organización que creara a revista, e finalmente a partir de 2004 pasa a ser xa editada pola Fundación Bautista Álvarez. A Fundación leva o nome do seu actual Presidente, quen interveu de xeito decisivo no nacemento, constitución e desenvolvemento do nacionalismo galego de posguerra. Dalgún xeito a Fundación e a revista pretenden prolongar esa obra contribuíndo desde a teoría a subministrar elementos de análise da realidade que contribúan ao avance do nacionalismo. O paso que hoxe damos ao colocar na rede o TERRA E TEMPO non é máis que a consecuencia lóxica de adecuación á sociedade actual. Desde a multicopista á internet ou desde os 8 mm ao vídeo HD, cambiaron moitas cousas, mais continúa o mesmo espírito inquedo por coñecer, por divulgar, por debater, que animou aos que botaron andar hai case medio século esta cabeceira que hoxe podedes consultar cun clic no voso rato. Nesta xeira ampliase aínda máis o abano de colaboracións. Todos os artigos estarán asinados por que só cada quen é responsábel da súa opinión, a cal non ten porque ser totalmente compartida, pois resulta enriquecedor os diferentes enfoques que se lle poidan dar as cousas se é para facer achegas ao ideario común que nos une: o nacionalismo.Eliximos como símbolo da cabeceira a flor predilecta de Rosalía, a cal na súa derradeira vontade bicou: os pensamentos. Nome cheo pois de simbolismo pola súa relación cunha persoa que dalgún xeito nos consideramos os seus fillos e fillas ideolóxicas mais tamén pola outra acepción do termo que aspira a dar contido a este medio. O nome, os símbolos, son importantes para axudar a ver a realidade. Hai riscos no seu uso: Stat rosa pristina nomine, nomina nuda tenemus (Da Rosa só nos queda o nome). Os símbolos non poden substituír á realidade, compre darlle contido, enchelos de verdade e estar a altura do seu rótulo. E esa é a aspiración ambiciosa que nos anima a botar a andar este proxecto co obxectivo de tratar de achegar máis recursos para pensar Galiza e o mundo desde ela, desde o nacionalismo.

Neste momento compre florecer a pesares das inclemencias culturais e económicas que sofre o país, ou precisamente debido a elas. Hai que xermolar teoría e plantar pensamentos que enraícen ben na terra e que medren vigorosos cara o ceo que aínda non é noso.  Recuperemos o ánimo que levou a un Neruda un día a escribir aquelo de "poderán cortar todas as flores pero non poderán deter a primavera".


[25-02-2010 ] salgado comentou:

Sempre acreditei que o nacionalismo galego en xeral andaba coxo na sua politica informativa e formativa, agardo que edicion dixital do Terra e Tempo, contribuia a virar esta situacion, sobor de todos nestes intres en que a segunda doma e castracion de Galiza atopase en marcha.

[25-02-2010 ] ary dos santos comentou:

Parabéns ao Terra e Tempo dixital. Falta facía xa un xornal onde podermos ver o país como é, e que nos dera máis elementos a análise e coñecemento da realidade que nos rodea.
Obrigado polo voso traballo.

[24-02-2010 ] Dimitrov comentou:

Parabéns a Fundación Bautista Álvarez por poñer en maos do nacionalismo unha plataforma para o debate a analise da realidade galega. Terra e Tempo, o cabezallo decano da prensa nacionalista no interior, agora na súa versión dixital , que segua a server a Galiza como o fixo nos 45 anos anteriores.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña