07:43 Luns, 06 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-07-2010

As “Bases dun acordo estratéxico entre forzas políticas independentistas”...

Primeira pedra para a creación dun estado vasco e democrático

Valorar (9)

RAÚL RÍO DÍAZ


Soka-tira, deporte tradicional vasco


O documento "Ari gara" do movemento "Independentistak" e o debate "Zutik Euskal Herria" no seo da Esquerda Abertzale que levou a cadea aos dirixentes que o impulsaron ("por ser de ETA", segundo Rubalcaba, que debe ser quen xulga é condena) deu pé a un acordo mais amplo entre Eusko Alkartasuna e a Esquerda Abertzale, de cara a conseguir a independencia de Euskal Herria, que se firmou no pazo Euskalduna de Bilbao o pasado vinte de xuño.

As "Bases dun acordo estratéxico entre forzas políticas independentistas", firmadas polas dúas organizacións, ten como obxectivo a constitución dun Estado vasco. Para elo basease nas seis regras básicas que aceptaron os gobernos de Irlanda, Gran Bretaña e os partidos políticos de Irlanda do Norte, coñecidas como os "Principios Mitchell", comprometéndose exclusivamente coas vías pacíficas e democráticas para a resolución do conflito, renuncia expresa ao uso da violencia, rexeitando todo intento por outros ao uso da forza, ou a ameaza de usala, para intentar influír no curso ou no resultado das negociacións multipartidistas.

Este acto, no que tiven a honra de intervir en representación dos traballadores e do sindicalismo abertzale, puxo nervioso ao imperio e fixo aflorar as miserias nas que nada o PNV, intentando aproveitar o rédito do novo mapa electoral que se pode dar e as expectativas de volver a Ajuria Enea, nun xesto claro de que este partido antepón os intereses electorais e partidistas aos do país, a paz e a resolución do conflito, do mesmo xeito que está contra a Lei de Partidos, non porque conculca dereitos fundamentais, senón porque "altera o mapa electoral". Primeiro, tanto os españois como o propio PNV, quixeron restarlle importancia dicindo que era mais do mesmo, que non había ningunha novidade e que se trataba dunha representación teatral, pero a vista do que podemos ler na prensa do imperio sabemos que están moi nerviosos xa que os pillou co paso cambiado, anúlalles os argumentos que esgrimían e demóstranos que están mais cómodos na situación actual. A violencia non é o que mais lles inquieta como se desprende das verbas, "Faremos todo o posible porque ETA non consiga o seu obxectivo por matar nin por deixar de matar", pronunciadas por Antonio Basagoiti, do que se deduce que o problema non é que ETA mate ou non mate, o que lle preocupa é o obxectivo aínda que ETA deixe de matar e se utilicen as vías pacíficas para conseguilo. Pero, xa se sabe, estes sempre foron mais amigos da ditadura e da represión que de deixar que o pobo se exprese por vías verdadeiramente democráticas.

Como isto tampouco isto lle abonda ao monstro imperialista, nin esta comida é do seu agrado, inmediatamente saíu Rubalcaba ameazando con ilegalizar tamén a Eusko Alkartasuna, porque aquí quen legaliza ou ilegaliza parece ser que tamén é o Ministerio do Interior. Días despois, en Europa, estivo mais comedido e dixo que EA era un partido democrático i, en último caso, serían os xuíces (mandados por el, supoño) os que dirían a última palabra.

Para intentar romper esta unidade están a utilizar todo tipo de argucias e mentiras nos medios de comunicación afíns como que en Valencia apareceran varias bombas e incluso a ETB, dirixida polo recentemente premiado en Madrid, Alberto Surio, (penso que non o premiaron pola perda de audiencia dese medio senón por impartir a ideoloxía imperialista e facer propaganda do goberno de Patxi) chegou a dicir que unha delas xa explotara. Despois, como todo o mundo sabe, nin sequera había tales bombas. Por aquí dise que si non hai bombas ou secuestros prognostícaos o inefábel Ministro da porra, porque, como dixo ZP, forma parte da "política antiterrorista". Estas mentiras tan torpes amósanos a súa excitación e o medo a que outras organizacións políticas, e que militantes do PNV descontentos coa submisión deste partido ao españolismo mais rampante, se unan a fronte independentista. De feito xa empezaron as conversas con Aralar e, ante a folga xeral convocada pola maioría sindical vasca o pasado día vintenove que paralizou masivamente o país, os representantes da Esquerda Abertzale, EA, Aralar e Alternatiba (escisión de Ezker Batua) animaron conxuntamente a participar na protesta e avogaron por "entrar nunha etapa de mobilización continua".

Mentres tanto o Goberno Vasco segue con ridículas campañas turísticas xacobinas como a que leva por nome "Necesito España". É verdade que necesitan das leis antidemocráticas españolas, que deixan fora do proceso electoral a unha morea de persoas, para poder mangonear nas tres provincias vascas e para implantar nas escolas a "Lei de convivencia democrática e deslexitimación da violencia", encontra do profesorado que non quere converter as aulas en zulos nin lavarlles o cerebro aos nenos así como da propia sociedade que non está disposta a ter o día de maña uns cativos antiterroristas pero manipulados e sen conciencia de seu, obrigándoos a venerar a "Roxa" e as institucións "democráticas" impostas por eles coma nos mellores tempos do franquismo. Por outra banda, namentres recorta o presuposto para a Seguridade Social e para o éuscaro, "porque estamos en tempos de crises e hai que aforrar", está dilapidando diñeiro público en cousas tan insubstanciais como cambiarlles a boina a Ertzaintza por unha gorra i en editar fotos a todo color facendo propaganda diso. Polo de pronto non lles poñen o tricornio, pero todo o andarán si a sociedade vasca non o remedia antes.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña