10:47 Martes, 07 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-07-2010

O PP non recoñece máis nación que España e o PSOE volve a enredar, botando balóns fóra e diluíndo a fondura do concepto nación na beleza da poesía

Galicia nación, Breogán invención

Valorar (17)

FRANCISCO CALO LOURIDO



Nesta nosa Galicia todo ten un comportamento cíclico, o que Mircea Elíade denominaría un eterno retorno e miña avoa, menos sabida pero igualmente lúcida, un volta á bola que é de millo toda. Pensei que aquela boutade dun historiador galego de propor para o estatutus interruptus do anterior goberno a definición de Galicia como "Nación de Breogán" non fora máis ca unha ocorrencia de curtísimo percorrido, e resulta que, aproveitando que o Tribunal Constitucional vén de desgraciar o texto catalán, facendo exclamar a Fraga Iribarne un perceptible Viva España, reaparece Breogán en boca de Pachi Vázquez, asombrando o futuro ordenamento galego.

Na I Asambleia Nazonalista das Irmandades da Fala, celebrada en Lugo en novembro de 1918, elaborouse a seguinte declaración fundamental na historia do galeguismo: "Tendo a Galicia todal-as características esenciaes de nazonalidade, nós, nomeámonos, d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a verbe rexonalismo non recolle todal-as aspiraciós nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas". Segue a esta afirmación un manifesto tan breve como preñado de amor á terra, de recoñecemento nacional de Galicia, de defensa do republicanismo, do federalismo ibérico e de ideas tan progresistas para a época como o dereito de voto da muller ou a supresión das Deputacións provinciais, por seren daquela -e de agora- focos de clientelismo electoral e duplicidade de gastos.

Vicente Risco, un dos asinantes do devandito Manifesto, elabora a Teoría do Nacionalismo e tódolos membros da Xeración Nós aceptan a idea alemá de nación, o idealismo que, arrancando dos "Discursos á nación alemá" de Fichte, foi asumido polos románticos e tomou corpo con Herder: Alemaña é unha nación porque o espírito do seu pobo, o Volksgeist, o percorre e vivifica. Para Renan, bretón xermanófilo, unha nación tamén "é unha alma, un principio espiritual"; pero, doído pola guerra franco-prusiana e a perda de Alsacia e Lorena, engade: "A existencia dunha nación é (perdóenme esta metáfora) un plebiscito de tódolos días". Que Galicia é unha nación, ninguén ten, hoxe, argumentos para negalo. Poderémonos deixar caer da banda de Herder ou da de Renan, defendendo co francés un concepto voluntarista de nación, dunha nación que precisa dun plebiscito, dunha autoafirmación cotiá con himnos e bandeiras para seguir existindo, como é o caso de Francia, Estados Unidos ou España (o maior negocio deste mundial de fútbol seica é a venda de bandeiras españolas), ou optando polo idealismo romántico alemán de Herder e os nosos devanceiros, segundo o cal, Galicia é unha nación, digan o que digan as leis e os políticos.

Cousa totalmente distinta é Breogán, creación literaria que tivo a fortuna de figurar no noso himno, pero que nunca gozou dunha existencia real. A nación galega é unha realidade física e psíquica, existe, é per se. E, se en matemáticas non é correcto sumar unidades diferentes, fabas con castañas, tampouco é lícito, señores do PSOE, enredar mesturando a física coa metafísica. Alonguemos, se nos prace, cun enorme caldeirón a derradeira sílaba do noso himno, sendo posible sen aflamencalo; pero cando falemos da nación galega recobremos a sensatez e o respecto.

Galicia precisa como auga de maio un novo Estatuto, porque, como nación que é, ten dereito e necesidade de ostentar e exercer a súa soberanía Precisamos, xa que logo, soberanía e, mentres non mudemos a Constitución, hai que forzala nun Estatuto de Nación con competencias ben blindadas para evitar veleidades, ofensas e provocacións dos gobernantes, como as que andamos a sufrir dende hai ano e pico, así como interferencias do Estado e, por decontado, para estar preparados e non quedar peor situados no concerto autonómico que como nos deixou Castelao nas cortes de Montserrat, en 1938. De non ser por el e a súa teimosía, Núñez Feijóo sería, como moito, presidente da rexión autónoma galega e Pachi Vázquez non tería que andar a facer equilibrios estraños, consubstanciais ao PSOE, para evitar recoñecer abertamente e defender a categoría real de nación que corresponde a Galicia, pero que talvez ninguén reclamase.

Pierre Vilar deixou dito: "A reflexión dunha nación sobre si mesma, en todo caso, é sinal de desgraza, de perigo, de opresión, de ameaza pendente sobre o grupo". É mágoa que haxa que ser nacionalista, como os devanceiros de Lugo, podendo ser simplemente galego; pero esta discusión ontolóxica sobre a nación, que o PSOE quere resucitar, demostra que Galicia está, coma sempre, ameazada. É por iso, polo que quero rematar este artigo cunhas verbas do patriota cubano José Martí, pronunciadas no acto dun brindes, en 1879: "Para render tributo, ningunha voz é débil, para enxalzar á patria, entre homes fortes e leais, son oportunos tódolos momentos".


[13-01-2013 13:01] AntonioGil comentou:

E por que utiliza o nome que os nacionalistas espaÑoles (radicais) impõem a GALIZA? Use GALIZA para denominar esta nação (que não é "nación") e será menos inconsequente. Obrigado!

[28-03-2011 19:02] Eumesmo comentou:


O mito de Breogán fundaméntase na realidade máis total e absoluta.

http://galizafulxe.blogia.com/

[16-02-2011 17:38] BREOGHAIN comentou:

http://www.cangas.org/berobreo_cast.html

[16-02-2011 17:31] breoghain comentou:

Sr. Calo, vocé como catedrático de história nom sabe que em certa península do Morraço (O Facho, Donom) acharom-se centos de aras adicadas ao deus nativo Bero Breo??? E que muitos mitos tem um baseamento primigénio em algum facto real ? Actualice os seus conhecimentos por favor. Todos os últimos achádegos arqeuológicos e todas as novas interpretaçons científicas dos mais antigos apontam para conclusons muito diferentes das que vocé afirma nas suas obras.
Umha das centos de referencias ao respeito: http://www.celtiberia.net/articulo.asp?id=3222

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña