01:16 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-07-2010

A estrea de Windows 7 en galego evidencia aínda máis o desdén de Apple polo noso idioma

iPod, iPhone, iPad, iOS... euGalego?

Valorar (10)

XAVIER GÓMEZ GUINOVART



A presenza da lingua galega nos menús dos computadores e outros dispositivos tecnolóxicos propios da nosa sociedade de consumo (MP3, GPS, TDT, Nintendo, Wii...) é, con certeza, limitada e pouco visíbel, mais non é inexistente.  Mentres que o galego está practicamente ausente dalgúns destes trebellos -nomeadamente, das consolas, dos reprodutores MP3 e dos navegadores GPS)-, noutros casos a oferta de produtos na nosa lingua é bastante máis ampla -en particular, no mercado da telefonía móbil, dos sintonizadores TDT, dos sistemas operativos e das aplicacións informáticas-.

Falando deste último ámbito, o do mundo dos computadores, cómpre lembrar que a tradución de software libre ao galego foi unha das prioridades da Consellaría de Innovación e Industria do anterior goberno progresista, canalizada a través de Mancomún, o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre creado en 2005 que asumiu a coordinación das traducións de Firefox, Thunderbird e OpenOffice, e levou a cabo a publicación de Galinux, unha distribución en galego de Linux baseada en Ubuntu.

Porén, aínda que a presenza do galego no contorno de Linux ten unha certa relevancia, sobre todo simbólica, a implantación real deste sistema operativo na informática segue sendo minoritaria. De acordo cos datos de Net Applications, só un 1% dos computadores funcionan con Linux, mentres que o 4,5% o fai con Mac OS X de Apple, e máis dun 90% se rende a algunha das tres últimas versións de Windows de Microsoft (XP, Vista e 7). Esa é a razón da grande importancia que lle outorgamos á tradución ao galego de Windows.

A primeira versión traducida de Windows foi a de Windows XP, que se presentou en xuño de 2004, con presenza de Manuel Fraga e de Rosa García, responsábel de Microsoft Ibérica, e supuxo tamén a tradución ao galego do Office 2003 de Microsoft. A presentación da versión galega do infausto Windows Vista e do Office 2007 tivo lugar en abril de 2008, desta vez con presenza de Emilio Pérez Touriño. A encarga da tradución, en ambos os dous casos, partiu de Microsoft e foi levada a cabo pola empresa compostelá Imaxin Software.

Agora, a multinacional de Redmond, aguilloada polas millonarias compras de software que cada día máis lle garante a Xunta, confirma a perdurabilidade da versión galega de Windows e Office coa recente tradución de Windows 7 en galego, aínda non presentada oficialmente, mais xa dispoñíbel na sección de descargas da súa web. De modo anecdótico, cómpre observar que a realización das traducións ao galego do Windows e a súa presentación pública sempre ten lugar cun certo atraso respecto doutras linguas da Península, como a catalá. Así, no caso do Windows 7, a presentación do Windows 7 en catalán e en vasco xa tivo lugar, respectivamente, en novembro de 2009 e en xuño de 2010.

Sexa como for, a situación actual é que dous dos tres sistemas operativos de maior implantación nos computadores, Linux e Microsoft, "falan galego" e, se non cambian moito as cousas, a súa fidelidade lingüística ao noso idioma está garantida (se ben por razóns moi distintas). Neste estado da cuestión, resulta rechamante o desdén de Apple polo noso idioma, que non incorpora nin no sistema operativo Mac OS X Snow Leopard para os seus computadores persoais, nin no cada vez máis presente iOS 4, o sistema operativo dos seus reprodutores iPod Touch, dos seus móbiles iPhone e dos seus tablet iPad. O OS X ofrece versións en inglés, xaponés, francés, alemán, español, italiano, neerlandés, sueco, dinamarqués, noruegués, finés, chinés tradicional, chinés simplificado, coreano, portugués, ruso e polaco. O iOS 4 aumenta estas 17 linguas con outras 15: turco, ucraíno, húngaro, árabe, tailandés, checo, grego, hebreo, indonesio, malaio, romanés, eslovaco, croata, catalán e vietnamita.

Por tanto, a única lingua sen estado permitida por Apple no seu flamante sistema operativo é a catalá. Como recorda Vilaweb, Apple xa traducira ao catalán algunhas versións do seu sistema operativo nos anos 1990, pero deixou de facelo en 1999 a partir do Mac OS 9, alegando as xenerosas subvencións da Generalitat a Microsoft para traducir o Windows. Se cadra, a inminente apertura dunha Apple Store en Barcelona e as campañas en prol da versión catalá levadas a cabo, alén das dimensións e características propias do mercado catalán, motivaron que a empresa da mazá modificara o seu posicionamento con respecto á lingua catalá dez anos máis tarde. Acceder aos servizos e produtos das tecnoloxías da información na lingua propia é un dereito de toda comunidade lingüística. Cómpre que xurdan iniciativas para que non haxa que agardar outros dez anos antes de ver os produtos de Apple no noso idioma.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña