23:45 Luns, 06 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-12-2022

Outra besta no millo, ou a malparada dignidade do idioma galego

Valorar (31)

MIGUEL RODRÍGUEZ CARNOTA




Vin hai uns días o filme As bestas (Rodrigo Sorogoyen, 2022). Os meus coñecementos sobre a sétima arte non me dan para facer unha crítica cinematográfica deste traballo. Eu de cinema só sei do que gosto e do que non, nada máis. Porén, teño certa sensibilidade cara á cultura galega. Falarei a partir de aí.

Comezamos. Vexo decepcionado que no filme se repite fatigosamente un esquema trilingüe xa coñecido, unha identificación clara entre o idioma utilizado polos personaxes e a súa extracción sociocultural. Na oscarizada Mar adentro (Alejandro Amenábar, 2004) os personaxes instruídos falaban catalán, os incultos galego e os demais falaban castelán. En As bestas son os cultos ecoloxistas os que falan francés e os galegos condescendentes e diglósicos fano en español. O idioma galego fica de novo reservado para aqueles a quen o filme retrata, unhas figuras case infrahumanas, doadamente identificábeis como as bestas que o título proclama.

Seguimos. Haberá quen diga que é un filme baseado nunha historia real e que a distribución sociolingüística do feito real ao que se alude debería ser moi parecida á que pinta o filme. Remítome ao dito popular: Santa Lilaina pariu por un dedo; certo será, pero eu non o creo. Non, non me encaixa e direi por que: coñezo varias historias reais equiparábeis ás que conta o filme. Incluso nalgunha parte da miña propia biografía poderíame sentir identificado cos padecementos dese personaxe estraño ao lugar que nun medio rural refractario ás mudanzas pretende levar a cabo innovacións a contracorrente. Mais todas as historias reais que coñezo, incluída a miña, teñen como protagonistas a persoas que antes de nada defenden e practican o respecto activo e a dignificación da lingua galega. Poden ser neofalantes, paleofalantes ou persoas vidas de fóra de Galiza. O seu compromiso co mundo rural galego, ao que aman e padecen, comeza por se converteren ou se reivindicaren como falantes conscientes do noso idioma. Porén, os foráneos protagonistas de As bestas son descaradamente impermeábeis ao idioma do país que tanto din querer. Estraño, non?

Hai máis. No argumento do filme fáltame a figura do cacique para que me encaixe como historia real. Un mínimo coñecemento da socioloxía rural galega debería asumir que as bestas non actúan exclusivamente pola súa conta, senón inseridas nunha corrente de poder da que son parte activa e multiplicadora. Paralelamente ao lingüístico, hai peculiaridades do argumento que saltan penosamente á vista: un bar cotroso que pide a berros unha inspección de Sanidade; un antro cheo de personaxes sórdidos, todos galegofalantes e pecadores, sexa por acción ou por omisión, ante o drama que se achega. Unha estraña identificación entre a preciosa arte ancestral da rapa das bestas e o asasinato dun ecoloxista francés entrado en quilos. É unha narrativa efectista, mais incomprensíbel desde presupostos de valoración e respecto á cultura do país.

Dúas preguntas aparecen de xeito automático despois de comprobar o extenso impacto do filme nos medios. A primeira é se a obra pode ser considerada como unha manifestación artística positiva para a sobrevivencia e a vitalidade da lingua galega. A resposta, claro está, é un non rotundo. Sabemos que o idioma galego ten un serio problema de representacións sociolingüísticas. As bestas abre un novo buraco no chan da desconsideración da lingua e bótalle unha nova lousa por riba. Canto profe de galego tratando de dignificar o idioma diante do seu alumnado castelanfalante pode ver os seus esforzos truncados, rodeado de produtos mediáticos como este! Canto alumnado galegofalante identificado outra vez como atrasado e brutal!

A segunda pregunta, que deixo no ar, é se eses actores e actrices galegos de probada traxectoria e compromiso coa lingua deberan ser algo máis selectivos á hora de aceptar papeis en obras que, ao incorporaren exclusivamente estereotipos negativos, acaban arrastrando o idioma galego pola lama.

En fin. Seguirei agardando que alguén coa mesma capacidade de difusión mediática retrate outras historias reais, tanxíbeis e documentadas, emprendidas por outros galegos e galegas moi diferentes aos que a longametraxe describe. Historias de resistencia, de tenacidade, de travesías lingüísticas e vitais de risco e de amor profundo á terra e á xente. Mais tócame, creo, esperar sentado: moito me temo que estas historias reais que coñezo e intúo, aptas para motivar cen filmes de sumo atractivo, non van suscitar demasiado interese na industria cinematográfica española.

1 2 seguinte

[30-12-2022 19:48] Marcos comentou:

Nom é só o permanente maldizer contra os galegos de Galiza, senom que tanto portuqueses, como castelam-legionemses e astur-cântabros renegam da galeguidade da nossa Naçom e sentem verdadeiro noxo cara palavras como "galego" e "Galicia". Pode que isto nascesse nas Galcicias feudais ou na Castela de Isabel a Usurpadadora, mais de certo a bola foi-se fazendo maior co tempo e deveu de sair moi reforçada pola ditadura franquista.

É de salientar também como a palavra `celta´ esperta rechaço entre as españolistas (castelanistas) e mesmo entre as lusistas (portuguesistas). Para elas, os galegos nom somos celtas, somos "castrejos"; em contra desta ignorância, eu escrevo com orgulho que a palavra `galego´ e `celta´ som sinónimas. E como as que nos odiam dim que a península é "ibérica", pois eu escrevo que o seu nome devera ser Península Celta ou Keltia, pois nós jà estavamos eiquí denantes da invasom hispana (ou íbera ou africana ou fenícia ou como lhes pete chamala).

[28-12-2022 13:30] Adela Figueroa comentou:

Concordo com Carlos. Eu senti,-me abraçada polo sobre atuação do "besta" do Zarra que já tem feito esse papel nas matérias vivas. Repulsivo e nojento. Mas creio que ele não tem repulsão a fazer esse rol. Conheço de perto a história. E, efectivamente falta o cacique ou se queres o sistema caciquil corrupto. Pois, na realidade, essa família sempre ameaçavam com a sua imunidade por terem amizades e parentes na justiça. De maneira que perseguiam ao holandês dessa maneira. E foi. O irmão tontinho que foi o que disparou a escopeta está recluido. O irmão "normal" anda livre e foi quem escondeu a furgoneta a meio dum pinheiral com o cadáver do Mark. A furgoneta com o cadáver apareceu 6 anos mais tarde por um incêndio no pinheiral. Antes ninguém foi lá ver. Tudo é um caso de corrupção da sociedade podre em que a justiça fica bastante mal parada. Uma vergonha de sociedade. Para todos/as nós. Porque há eleições cada 4 anos e seguem a serem votados os mesmos. Mas a mim pareceu-me interessante o tema dos eólicos e o conflito que geram. Conheço alguém que quer que venham para perto da sua casa para poder fugir da aldeia com o pouco que lhe vão pagar polas suas terras. Este é o país que temos.. . Nele jogamos nossos dados e a nossa vida. A tua análise sobre a língua é mais que certeira. Concordo totalmente. Mas devemos ver estes filmes também para conhecer outras opiniões a mais das nossas. Parabéns Miguel pola tua análise.

[28-12-2022 12:35] Miguel Rodríguez Carnota comentou:

https://www.eldiario.es/galicia/as-bestas-sorogoyen-imagen-rural-gallego-peliculas-justas_1_9819048.html

Un bo artigo xornalístico no que se resaltan diversas opinións sobre a película (un esperpento, segundo a miña valoración). Interésame especialmente a opinión de Ignacio Vilar, ese realizador galego cuxa imaxe e cuxo labor saen reforzados con esta polémica sobre As bestas. Máis Ignacios fannos falta, menos Sorogoyen.

[27-12-2022 19:38] Gumersindo comentou:

Despois de ler este artigo, nin loco verei esta película que tanto dano fai a o galego e a imaxe de este país. Me acode a memoria unha viñeta de Xaquín Marín. ! Nas zonas atrasadas hai mais voto conservador.Conviña investigar se votan conservador por atrasados ou son atrasados por votar conservador!

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña