23:46 Luns, 06 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-12-2022

Colectivos laborais feminizados e precarizados que hoxe son exemplo de defensa dos seus dereitos.

Invisíbeis

Valorar (12)

DUARTE CORREA PIÑEIRO



Nas últimas semanas dous colectivos de invisíbeis mostraron que non lles afecta o discurso de que como vivimos tempos duros, debido a estarmos a sofrer unha grave crise, toca arrimar o ombreiro deixando a reivindicación de melloras salariais e laborais para outro momento. E tampouco creron o de que a crise non entende de clases sociais, afectando tanto a traballadores e traballadoras como a empresariado.

As traballadoras das tendas de Inditex até hai pouco eran invisíbeis, ou como moito eran esas rapazas monas que nos recibían nas tendas; unhas privilexiadas por traballaren para unha empresa que é insignia, ao ter sido creada por alguén feito a si mesmo, que sabe o que é o esforzo e non se dedicou nunca a malgastar; unha entidade benéfica que ademais ten axudado á sanidade pública con importantes doazóns.

Invisíbeis por ter contratos en precario, a tempo parcial; con salarios inferiores aos de traballadores e traballadoras coa mesma categoría en outras empresas do grupo; e sen que se lles apliquen os dereitos sociais que si teñen posibilidade de desfrutar outros compañeiros e compañeiras. Invisíbeis que nas tendas da provincia da Coruña, igual que fixeran en Pontevedra hai uns anos, dixeron basta!, fartas de aturar o lavado de cara de unha multinacional que compra vontades, silencios e titulares a base de chequeira; multinacional que no primeiro semestre de 2022 tivo uns beneficios un 41% superiores aos do ano anterior, chegando aos 1.794 millóns.

As invisíbeis decidiron ir á folga, denunciando a política laboral da empresa, e a complicidade de CCOO e UGT, que de costas ás traballadoras tiñan asinado en Madrid un acordo vergonzoso. E non faltaron presións pero foi un grande éxito, cun apoio social enorme, a folga conseguiu o peche total das tendas e obrigou ás delegadas da UGT a desautorizar a sinatura dos seus xefes en Madrid.

A empresa non se moveu aínda pero, o grave deterioro da súa imaxe e a convocatoria de outra folga para finais deste mes, antes ou despois fará que recúe.

As traballadoras dos Servizos de Axuda no Fogar-SAF son outro colectivo de invisíbeis; fundamentalmente mulleres que atenden ás persoas maiores ou impedidas e familias en dificultades que precisan axuda directa nos seus domicilios. A súa función mostra as contradicións e miserias de unha sociedade cada vez máis deshumanizada, sociedade na que se fala da necesidade dos coidados, pero que á hora da verdade o único que fixo foi abrir coa necesidade dos coidados outro nicho de negocio, para que determinadas empresas de servizos tiren lucro.

As invisíbeis dos SAF, que en Galiza son máis de 5000, na súa inmensa maioría teñen contratos a tempo parcial, precisan vehículo propio para ir de domicilio en domicilio, e co prezo dos combustíbeis desde hai meses o gasto multiplicouse sen que as compensacións por desprazamento teñan variado. Falamos de traballadoras que, no caso das poucas que teñen xornada completa, non superan os 1000 euros ao mes. E esta situación prodúcese un sector financiado ao 100% con cartos públicos, procedentes na súa maioría da Xunta e tamén dos concellos.

Estas invisíbeis convocaron unha folga indefinida que empezou o 2 de novembro, en esixencia de que as empresas sentaran a negociar un convenio galego, paralizado desde 2011; denunciando un preacordo existente entre as empresas e CCOO-UGT que de aplicarse suporía perda de poder adquisitivo con subas inferiores ao IPC; e rexeitando a proposta de unha dobre táboa salarial que levaría a que traballadoras con unha mesma función tiveran salarios distintos.

A mobilización foi complexa debido ás características propias do sector, pero as invisíbeis estiveron na rúa constantemente, informando, buscando apoio da sociedade en xeral e dos concellos en particular para que asumiran as súas reivindicación.

Estas invisíbeis foron quen de aguantar 28 días de folga e venceron, pois o 28 de novembro CCOO-UGT anunciaron que non asinarían o preacordo. Desde día a patronal xa non conta con apoios, e deberá mover ficha.

As traballadoras pertencentes a estes dous colectivos veñen de dar unha lección; non son a elite da clase traballadora, son dous colectivos feminizados e por tanto precarizados, dous colectivos de invisíbeis. Pero son sobre todo, proba de que cando se ten orgullo de clase, e cando se cree no que se defende pode avanzarse.

Se falamos da eclosión do feminismo, elas son feminismo de clase. E as compañeiras da CIG foron o motor destas loitas.


[09-12-2022 08:56] Rosa comentou:

Como siempre os que se fan ricos non e polos salarios que teñen, sinon por qué topan aqueles que lle fan o traballo sin cotización e sin salarios adecuados os traballos que lle ofrecen .Claro así poden dar doazons e facerse da clase social dos ricos a contá sobre todo en Mallorca das mulleres. E hora de despertar e luchar por qué van vir moitos mais con todo esto que nos ven encima das novas privatización que quieren facer e están facundo. Mira o que esta pasando no cole de Dena co comedor deronllo a una empresa privada por un pouco mais varata e o comida non sería pa nada ,e eso que os país non estaban de acordó....
Un saludo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña