03:01 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-11-2022

Ames e Andeiro: Á procura dunha relazón material

Valorar (1)

CÉSAR VARELA GARCÍA



Para explicar a orixe do nome de AMES acudimos aos filólogos que xa se teñen ocupado do tema; e de forma sumária, resulta que:

1º) Entenden que a orixe do nome de AMES e o da bisbarra á que pertence, A MAÍA, proceden de étimos distintos.

2º) Así como todos coinciden en que A MAÍA debe o seu nome ao feito de ser unha terra abondosa de augas, o nome de AMES deixan-no, na sempre recurrida “gaveta de zapateiro”, onde se atopan todos os nomes que eles entenden de étimo pre-latino.

En canto a nós, resúltanos curioso relacionar o antigo nome de AMES; OIAMES ou OYAMES, co nome do lugar cántabro de OYAMBRE. Alí, na Cantabria da MAGNA GALLAECIA, en lugares de ambiente pastoril, locen nomes como AJO e OJAMBRE, que reproducen os nosos AIO e OIAMES, unidos, ao noso parecer, pola común e universal tarefa de criar gando solto.

Ao reparar no prefixo OIA-, loguiño ven ao noso maxín a cita de Isidoro de Sevilla : “CAULAE (apriscos) son os curros das ovellas ou os valados dun rebaño.E o mesmo nome que teñen en grego, ainda que o -C- desaparece, de feito, os gregos chaman AULAI aos albergues dos animais”.

Sempre tivemos a suspeita que por tras dos nomes dos bairros vigueses de OIA e COIA, esconden-se os antigos chamadeiros de : AULAI e CAULAE, en definitiva : abrigos do gando da cultura dos pegureiros.

Se aceitamos esta explicazón para o prefixo – OIA, dun antigo OIAAMES, faltaría por explicar o sufixo –AMES.

Baixo o tal lema de AMES, o diccionario latino infórmanos que se trata dun: “pau ou forqueta para extender as redes na caza”.

Todo ven dun AMES-ITIS, de onde sae a palabra ÁNDAS, ou ÁNDIAS (o que anda, o que se pode portar).

Parece lícito pensar que os topónimos que nos ocupan hoxe farían referencia a elementais trebellos de madeira que tiñan a particularidade de poder seren movidos de lugar.

Así o noso OIAMES,igual que o OYAMBRE santanderino, estarían falándonos de un OIA (aprisco), AMES (móvil).

Se pensades nos filmes do Oeste americano, alí vemos os RODEOS, ou sexa, elementais curros de madeira que, no caso que nos referimos, poderían ser mudados de lugar , dependendo da cualidade dos pastos.


Tamén cabería pensar en trebellos portábeis para a caza con redes, dos paxaros e demais aves migratorias.


Pensemos na importancia que deberon ter na alimentación humana as aves. Cada pazo ou casa grande tiña ao pé o seu POMBAL, para criar os pichóns e non ter que depender das aves de paso aleatório.

Nos relatorios escritos dos banquetes dos poderosos sempre están aves , como ánsares e faisáns… A xente mais humilde debía ter seus própios criadeiros de pombas e rulas en recintos non tan pomposos como os pombais pacengos.

Até hai ben pouco tempo todas as casas rurais tiñan unhas casetiñas de madeira onde criar as pombas. Ben seguro que o paso das aves migratórias que atravesaban a Galiza cara os humedais africáns, non pasaba desapercibido pola xente, que colocaría as suas artes, con redes e paus, para conseguir un bon corso de proteínas avícolas, do mesmo xeito que os mariñeiros asexaban ás baleas desde os farallóns das Mariñas.

Se consultamos os xeitos antigos de pillar as aves, sobre todo as migratórias, percebemos a existencia dunhas especies de pértegas altas porteadas por duas persoas; esas debían ser as AMES ou ÁNDIAS!

Entre as duas pértegas colocaban a rede que erguían ao paso da bandada, e onde caían encerellados os paxaros.

Restos destas tradicións, de interceptar as bandadas de aves migratórias, ainda fican en lugares de EUSCADI, como en ETXALAR, onde fan unha grande festa lembrando o antigo xeito de cazar con redes, axotando as bandadas.

ANDEIRO

Ao nomear iste nome dun lugar do concello de CAMBRE, non pode por menos que vir ao noso maxín o nome de D. Joham Fernández de ANDEIRO, que ergueu A Coruña polo rei de Portugal, D. Fernando “O Fermoso”, no ano de 1369.

Alí están ainda os restos da TORRE, que debeu ser o solar do conde. Iste conde de Andeiro foi esfaqueado até a morte en Lisboa no seu servizo de embaixador da Corte lusa en Inglaterra.

O mesmo fado sofriu a Inês de Castro, a mítica dama galega asesinada como o conde de Andeiro, por loitaren para que Portugal e a nosa Galiza tivesen un destino atlántico común. Por fin o Francisco Rodriguez, nos seus documentados libros, pon-nos en claro a razón destas mortes que doutro xeito, tanto na historiografía española como a portuguesa, na sua ánsia de ignorar A GALIZA, non atopan explicazón axeitada.

Mais, vaiamos ao que hoxe nos ocupa; que é o intento de explicar a orixe diste nome de ANDEIRO.

Na nosa doutrina, pensamos que AMES e ANDEIRO responden á mesma orixe. No dito lugar de ANDEIRO, igual que en AMES, debía existir un curro de madeira móvil ou un estaribel de paus, coas suas pértegas e redes, para pillar ou a caza terrestre ou as bandadas de paxaros. Todo viría pois, dun lugar one había un AMITARIO > AMIDEIRO > AM´DEIRO> ANDEIRO.

A mesma solución explicativa valería para topónimos da mesma feitoria: ANZO e ANZOBRE na Coruña, ANDON, en Forcarei, ANDELO na Peroxa, ou mesmo as ANDORRAS dos ambientes gandeiros pirenaicos e mais de Teruel.

Todo viría duns antigos AMES ou AMITES, como un xeito de trebellos móviles usados para a caza de pequenos animais terrestres, ou para interceptar as bandadas de aves migratorias que pasaban polo lugar.

Ao fin, coma sempre, os traballos da xente que van deixando a sua pegada na orixe dos nomes dos lugares!


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña