03:01 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-11-2022

Cada reforma, cada medida que se queira aplicar, debe contar con pobo detrás que a defenda, nun contexto que é pouco favorábel.

Brasil, alivio e esperanza

Valorar (13)

DUARTE CORREA PIÑEIRO




Na noite do domingo para o luns, cando xa eran practicamente definitivos os resultados das eleccións no Brasil escoitei a un sindicalista da Central Única dos Trabalhadores-CUT, dicir que máis que alegría a sensación que lle producía a derrota de Bolsonaro, era de alivio.

Eu recibín con grande alegría a vitoria de Lula da Silva, pois como escribín en outro medio poucos días despois da primeira volta, para o pobo brasileiro e para o conxunto de América Latina supón un avance revolucionario. Pero foi unha alegría cos pés asentados na terra, dado que nin o Brasil de hoxe é o de 2003 cando Lula accedeu por vez primeira a presidencia, nin os seus apoios teñen o mesmo perfil que hai vinte anos. A cualificación de revolucionario debe contextualizarse, e aplicarse ao momento concreto do Brasil e da rexión. 

Tanto Lula como os sectores da esquerda brasileira que levan con el desde o principio, tiñan claro que estaba en xogo moito máis que quen ocuparía até 2026 o Palacio do Planalto, pois catro anos máis de Bolsonaro afondarían nun camiño de destrución con difícil retorno. Esa constatación levou a conformar unha base de apoio á súa candidatura que hai uns anos sería contra-natura; teñamos en conta por exemplo que quen vai ser vicepresidente, Geraldo Alckmin, é un dirixente de centro-dereita e contrincante a última vez que Lula se presentou a unhas presidencias, e que para a segunda volta sumou 16 partidos políticos moi distintos.

As variacións en canto ao apoio electoral entre a primeira e a segunda volta mostran que de non ser Lula o candidato, e de non agrupar unha base tan plural e contraditoria non tería sido posíbel derrotar a Bolsonaro. Entre o 5 e o 30 de outubro Lula sumou 3 millóns de apoios pasando do 48,43% ao 50,90%, pero Bolsonaro sumou máis de 7 millóns e pasou do 43,20% ao 49,10%.

Agora toca mirar o futuro, un futuro complexo pero un futuro que existe, e sobre o que se pode actuar en condicións infinitamente mellores que se Bolsonaro tivera conseguido manterse na presidencia.

Son moitos os retos, a atención aos 33 millóns de persoas que viven na pobreza extrema pasando fame; a necesidade de aumentar os salarios máis baixos, proporcionalmente inferiores aos de 2014; a protección da Amazonía fronte á depredación; o combate ao traballo informal avanzando na recuperación de dereitos; o enfrontamento cos sectores de extrema dereita cada vez máis presentes no exército, nos corpos policiais e na xudicatura; o relanzamento da integración rexional nun continente que conta con unha maioría ampla de gobernos, cada un coas súas especificidades, pero quepodemos situar entre o progresismo e a esquerda.

Pero os retos non se poden encarar exclusivamente desde o goberno e desde as institucións. No Parlamento Lula está en minoría e a maioría dos estados están gobernados por partidos contrarios, destacando São Paulo, motor económico e industrial do país, onde o partido de Bolsonaro conseguiu o goberno estadual. A esquerda precisa recuperar a súa capacidade de mobilización e disputar as rúas á dereita e á extrema-dereita, algo no que avanzou nesta campaña electoral e que debe intensificar. Cada reforma, cada medida que se queira aplicar, debe contar con pobo detrás que a defenda nun contexto que é pouco favorábel e no que aparecerán as contradicións, as disensións e a enfermidade do “realismo político”.

Hai que actuar rápido, os adversarios empezaron a facelo na mesma xornada electoral, con policía poñendo trabas ao voto en zonas claramente de esquerda; continuaron coas barricadas levantadas en estradas por sectores da patronal do transporte; e as palabras de Bolsonaro o martes dan a entender que farán o posíbel para que a idea de unha fraude electoral asente en parte da poboación. E tempo teñen, pois Lula non será presidente efectivo até o 1 de xaneiro de 2023.

Na historia son poucos os políticos que conseguen o conseguido por Lula, ser presidente dous mandatos, sofrer unha montaxe mediática e xudicial que o tivo no cárcere case dous anos, e ser capaz de remontar chegando a gañar unha terceira elección presidencial. O seu papel foi e será determinante neste período, pero a esquerda brasileira sabe que urxeunha actuación con tres liñas de traballo, que deben converxer.

Por unha banda reactivar e fortalecer os movementos sociais, os sindicatos e os partidos para encarar todos os embates e defender as conquistas e avances. Por outra formar cadros políticos tanto para funcións organizativas como para ser referentes electorais. E a terceira deseñar o traballo no campo cultural e ideolóxico, para achegarse a sectores sociais e segmentos da clase traballadora que apoiaron a Bolsonaro. 

Hai un par de días Gilberto Carvalho, membro do PT que foi xefe de gabinete nos anteriores gobernos de Lula e secretario da presidencia con Dilma, cando lle preguntaban sobre a súa posíbel volta ao goberno dixo “eu quero voltar para a formação. Ja imaginaram se fossemos disputar essa eleição sem o Lula? Essa é a última eleição que ele vai disputar, se perdêssemos essa eleição seria terrível. Então, nós temos um problema dramático de renovação de lideranças, e quadros.”



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña