03:09 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-10-2022

Nesta nosa sociedade consumida polo consumismo desbaratado, compre darlle un repaso ao que é a cultura

A cultura non vende, nin dá votos

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ


Centro de visitantes de Moher

(Centro de visitantes de Moher)



Velaí para encetar un titular que escoitamos neses ambientes babecos, endomingados, de burocracias que soamente xeran burocracias. Ignorante sentenza que pon a proba o estado acultural que vivimos. Isto é de degradación cultural, cos conseguintes efectos e que ten as súas causas políticas.

Á vista está a idea de cultura de ocasión, a confeccionada para días, actos, impresións, performances... apelidadas “culturais”, un xeito de novo e van culturalismo. Cando a cultura levámola posta e define, en cada intre, o estado da cuestión cultural ou acultural, ou se ten ou se mostra anómica, isto é degradada, moi representativa nos países colonizados, sometidos a influencias, hoxe entre tantos intereses políticos, comerciais...
Cando a cultura é un xeito de posta en escena, de sedución e de distinción, algo que costa na formación das persoas, para SER, e canta máis entre polos sentidos, pola intuición e as relacións, canta máis se teña, sometela á dialéctica, poder comparar, relativizar e concluír. Pensamentos ou filosofías así levaríannos a asuntos xa tratados polos integrantes da xeración “Nós”,diferentes”, “inadaptados”, os que trataban de enxertar e incorporar ao “espírito” deste cabo do mundo que é Galiza, os elementos comúns e distintivos do panceltismo, mesmo dun cristianismo panteísta, a relación paisaxe-paisanaxe que está nas tradicións, xunto co máis profundo do misterio, as razóns do corazón, o ocultismo, a teosofía... fonte de tanto simbolismo e mesmo do realismo máxico, a “ocultura”...as saudades polo paraíso perdido, o dos “nobres celtas”,  “bos e xenerosos”  xunto coas ansias de recuperalo, re-crear e anovalo.

Nesta nosa sociedade consumida polo consumismo desbaratado, o da lei do peixe gordo, compre darlle un repaso ao que é a cultura, que non é un adorno, nin unha liturxia edulcorada, a propia de confrarías atufadas, abafadas e atordadas pola fumareda novos incensos. A cultura é un valor de uso, o que dalgún xeito cultivamos pra resolver situacións, e facémolo de varios xeitos: acudindo entón a tradicións, á creacións e a investigacións, así como ao aprendido polas relacións con outras persoas e pobos...

Parte desa cultura que nos identifica e define está nas obras: polas obras coñecerannos, pois velaí o longo legado histórico, continentes, contidos, patrimonio inmaterial e ideolóxico: sitios paleolíticos, megálitos, petróglifos, castros,  asentamentos romanos, cristianización, suevo-xermánico, románico, gótico, renacemento, barroco, neoclásico, modernismo, contemporaneidade e todo adubado de singularidade, tamén coas varíolas, as pegadas da colonización, eses diferentes xeitos de distorsións, de feismos ou de castrapismos, os que. incluso, podemos levar postos, sen enxergalos por formar parte da cotián anormalidade. Como en poucas partes, na Galiza ergues do chan unha pedra e abrolla toda unha moi fonda Historia. Unha Historia, un patrimonio que non se sabe xestionar por iso escoitamos  o de “a cultura non vende, nin da votos”. Claro que o piano, como a guitarra ou a gaita... entre tantos instrumentos emocionan si hai bos músicos que os saiban tocar para emocionar ou provocar... como tamén pode habelos que escarallen os instrumentos e os ouvidos. Pois o mesmo pasa con calquera outra parte da inmensidade do Patrimonio e coa súa xestión. O patrimonio non fracasa, fracasamos nós.

A xestión do patrimonio cultural e o chafalladismo

¿Como se presentan na Galiza de hoxe algúns atractivos turísticos, culturais?. Enxerguemos ( poñamos os sentidos e o saber) no Tegra, na Torre de Hércules,  en Teixido, como os cabos de Fisterra ou de Ortegal, as dunas de Corrubedo, a Praia das Catedrais.... Pois ao non existir  - apartado do recurso e para non convertelo nun comercio -  un  amplo centro de recepción de visitantes,  eses espazos convértense nun minifundio de enchafallados egos, terreo chiringuitizado, problema crecente e difícil de erradicar no futuro. Pola contra e como modelo, enxérguense os actuais centros de recepción de visitantes de Irlanda, un país sempre referente, especialmente para os románticos como para os modernistas galegos, moi semellante a Galiza na súa prehistoria como na súa historia,  nas súas tradicións celtas e no seu singular cristianismo panteísta, mesmo como nación no brete.

E enténdase ó que comporta un centro de recepción de visitantes,visitor center” grandes espazos culturais en relación co recurso a visitar. Punto de encontro, no que dar alternativas se o tempo non acompaña. Espazo que, mellor situar nas inmediacións dos centros de poboación, para repartir os beneficios e que implica: aparcadoiro para todo tipo de vehículos,  información e propaganda, baños, cafetaría, cando non taberna con produtos típicos, delicatessen, onde xantar mesmo os grupo, tenda de  recordos,  librería especializada nestes mesmos recursos culturais e no país, e como non museo ou  espazo de interpretación e comprensións do recurso...torres miradouros do sitio...e  finalmente o punto de partida no que encamiñarse ao recurso, que pode ser mediante vehículos-lanzadeira ecolóxicos, que levan e traen a visitantes... Exemplar en Irlanda é o Centro de visitantes do gran túmulo megalítico de Newgrang, o dos acantilados de Moher (Cliffs of Moher ), o da Calzada dos Xigantes (The Giant's Causeway) no Ulster, o recinto monástico de Clonmacnoise... Na Bretaña o de Pointe du Raz, onde mesmo vimos como, nos derradeiros anos, foron erradicando daquela fisterra canto chiringuito afeaba e esganaba o recurso, pra devolverlle a súa natureza orixinal, de toxos....e mesmo na Provenza, nas proximidades de Niza, o centro de visitantes da Ponte Romana de Gard, os dos da vitivinicultura de Beaujolais aproveitando as vellas estacións do ferrocarril...

Compostela, como outras cidades xa naceron arredor das súas catedrais e templos pra dar servizo aos mesmos...
Sobran pois reunións para as seguintes reunións, argumentos para sainetes, con argumento no tempo perdido sobre que determinar como controlar e dar servizo ao turismo. Algo que de non facelo pode devorarnos. E para iso está a Museoloxía, ciencia que implica canto reporta a xestión do museo, dende a súa relación de continente e contidos co público: as adquisicións, seu estudo e catalogación, a exposición adaptándose ás novas tecnoloxías, os fondos en reserva, a conservación, os arquivos, a divulgación...actividades profesionais en favor da información e da formación na igualdade e no humanismo. Asuntos que dan moito que desexar aínda nos museos de Galiza, agás no de Pontevedra, os máis faltos de espazo, de persoal e sen programas de novas adquisicións...namentres noutras latitudes, seguen atentos ao que Galiza desperdicia: véxase a recente adquisición por parte do Museo Picasso de Barcelona do cadro “Pombal” Da autoría Xosé Ruiz Blasco, o pai de Picasso,  de onde saíu o símbolo internacional da Paz, un símbolo nacido da man do xenio na Coruña.

Non hai mais que entender a cultura, como o que dixemos ao comezo: guiarse polas tradicións que non traizoan (non hai máis que ver o éxito do produtos enxebres xamón, queixo, variedades de pa e viño, polbo...repostería) sumando a creatividade e a investigacións, o saber facer, o encanto da posta en escena, e por suposto saber relacionarse, copiar o que outros fan ben para adaptalos.... E a todo pórlle ansia, ser profesionais que profesan o que fan, funcionarios que funcionan e non caen nesa robotización...en fin entender o que significa un viaxeiro, o  que para enriquecer o seu saber, nos escolle no mapamundi e fano para gastar o seu tempo, os seus aforros e ilusións... todo o que non debemos converter nun produto máis da campante sociedade dos timos.


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña