03:44 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-10-2022

A cor verde na nosa Terra non é diferenciadora, aquí todo é verde!

Castroverde, Monte Verde, Vilaverde, Valverde, Verdes: Seica foi o “verdor”, o que motivou estes topónimos?

Valorar (8)

CÉSAR VARELA GARCÍA




No libro de FITOTOPONIMIA  GALEGA, do prof. Navaza e na entrada: verde, verdeal, verdugo, lemos : O adxectivo verde < lat. VIRIDE ten moita presencia na toponimia, en todos os casos debeu de aludir en orixe á flora do lugar, aínda que os topónimos en que está presente este adxectivo non constituan propiamente fitotopónimos ”.

Tamén presenta, o autor abondosa documentación antiga a loor distes nomes:

“Facta karta apud Castrum Viride in Bolanos(ano  1218)
“unum terrenum quem habemus in Vila Viride ” ( ano 1248)  
“Ad Valle Viride unum casale in Caneda” (séc. XIII )

.............................................................................................................................................

Á vista do exposto anteriormente, o resultado está ben claro, a documentación antiga expresa que os escribas daquel tempo entendían todo derivado do latino “viride”, ou sexa, a cor verde foi o determinante de toda esta saga de topónimos, para os toponimistas “oficiais” non hai máis volta que lle dar; como dicimos os brasileiros “fim de papo!”.

Non obstante, a nosa metodoloxía , non nos permite aceitar de bon grado esta teoría e deixa agromar unha chea de dúbidas, velaí : A cor verde na nosa Terra non é diferenciadora, aquí TODO É VERDE!

Entendemos que, a despeito das antigas fontes documentais, a orixe destes nomes pode non ter nada a ver coa cor VERDE. As nosas teimas toponímicas lévannos por outros camiños moi diferentes: Hai unhas illas portuguesas, chamadas de BERLENGAS cuxa orixe, coloca o toponimista luso, A. de Almeida Fernandes como de orixe lítico, procedendo dunha antiga *PERELLA, no seu significado de “pedra”.

*PERELLENGA > *BERELLENGA > *BERLENGA

Certificando así, un posíbel paso de P- > B-.

Na nosa opinión, algo semellante puido ter acontecido nos casos que estamos tratando; Velaí:
Dun CASTRO ou MONTE PEDRETE sairían os CASTROVERDE ou MONTE VERDE de hoxe, polo camiño de:

PEDRETE > PERETE > BERETE > BERDE

Acaeceríalle moito máis, que os nomes do castro e do monte se debesen á súa consistencia “pedrenta” que á súa fasquía verdosa, que dependería, en todo caso, da estación do ano.

O RIO VERDUGO, debería o seu nome a ter sido, na súa orixe un RIO PEDRETUCO > PEREDUGO > BEREDUGO > BERDUGO, ou sexa un río coiento ou pedroso. Daí sairía o VERDUGO de hoxe, que nada tería a ver con unha suposta cor verde das súas augas.

Mesmo o nome de VERDE ou VERDES que moitos galegos locen no seu apelido, aínda que se pensa como unha substantivación dun adxectivo procedente duns supostos PRADOS, LAMEIROS OU BRAÑAS…… VERDES; pero cabería pensar nuns lameiros ou prados que non fosen VERDES?

Seica non poderían deberse istes topónimos a uns PEDRES primixénios, que poderian deberse a PEDRAS ou tamen a un antigo  posesor chamado PETRIS?

Para VALVERDE, apelido de innúmeros galegos, entendemos como procedente, non de un VALLIS (VALE) senón dun VALLUM , no sentido de circundado ou parede; o VERDE mallaría na súa natureza pétrea.

Algo semellante acontecería con VILAVERDE. Sabemos que sempre co prefixo VILA- aparece un sufixo de significado xurídico-político; ou un posesor ou determinante da repartición da vila entre os poderes daquel tempo; velaí:  VILA-GARCÍA, VILA-XOÁN, VILA-MEÁ, etc… Daí que, neste caso, poderíamos pensar que o chamadeiro de VILAVERDE, se debese a ser unha VILA poseída por un tal de nome PEDRO. Vila PEDRETI  > VILA PEREDE > VILA BEREDE  >  VILA BERDE.

Tamén se certifica o caso dun antigo VILAVERDE  que evoluíu para VALVERDE, sendo pois os dous chamadeiros equivalentes na súa orixe. O certo é que ainda hoxe temos lugares chamados de VILA PEDRE , e mesmo PEDRE, dos que non hai dúbida da súa procedencia dun posesor de nome PEDRO. Aquí a evolución partiría dun PETRI que deu no PEDRE de hoxe.

Ao fin, como non temos probas documentais da nosa conxectura, deixemos o conto no mundo das opinións ou teorías posíbeis, na espera que a aparición de futuras evidencias dese apoio ás nosas “vaguedades”. Fica aínda na nosa gaveta a posibilidade que por iste camiño tivesen mellor explicación os nomes do BERBÉS, BERDUCEDO, e máis por aí….


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña