09:02 Xoves, 29 de Setembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-08-2022

O goberno está totalmente submetido aos intereses do lobby eléctrico

As estafas do goberno máis progresista da historia: o prezo da luz

Valorar (19)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA




Desde hai tempo o prezo da electricidade atenaza as economías domésticas e das empresas. Centos de titulares de prensa sorprendían cada día con prezos cada vez máis altos que o día anterior, unhas subas que se viron incrementadas pola invasión de Ucraína por parte de Rusia e as conseguintes tensións no mercado do gas.  

Para facer fronte a esta situación o goberno de PSOE e Podemos acordan coa Unión Europea a “Excepción Ibérica”, que consiste basicamente en poñer un “tope” ao prezo do gas para que non repercuta no mercado marxinalista da electricidade en España e Portugal. A “Excepción Ibérica” conseguiu baixar o prezo da luz no mercado eléctrico, mais tamén nos titulares de prensa, que, como veremos parece que era o obxectivo do goberno, mais non baixar a factura da luz que pagan os consumidores.  

Agochada nunha linguaxe enrevesada o goberno máis progresista da historia de PSOE e Unidas Podemos, como lles gusta autodenominarse, camuflou no Real Decreto Lei 10/2022, unha das maiores estafas que pagarán os consumidores e consumidoras, sexan estas particulares ou empresas.  

Como non podía ser doutro xeito, a lectura deste texto lexislativo, que regula a “Excepción Ibérica”, resulta confusa e pouco clara, mais as compañías eléctricas téñeno claro. Unhas, como Iberdrola, recorren á letra pequena, e outras, como a cooperativa La Corriente, aclárao punto por punto en que consiste iso da “Excepción Ibérica” e as repercusións que ten para os consumidores e consumidoras.

En resumo: o goberno pon un tope ao prezo do gas que se utiliza para xerar electricidade, mais a diferenza co prezo que ten o gas no mercado pagarémolo os consumidores e consumidoras a través dun novo concepto na factura da luz chamado “Tope do gas RDL 10/2022”, que afecta principalmente aos novos contratos de subministro asinados a partir do 26 de abril deste ano, así como as renovacións de contrato. É dicir, que dentro dun ano case todos os consumidores e consumidoras estaremos pagando a “Excepción Ibérica”, que, como vemos, non está deseñada para pagar menos na factura da luz, senón rebaixar os titulares de prensa alarmistas, é dicir, para que o goberno poida presumir de prezos baixos no mercado da luz.  

O financiamento do Bono Social  

Pero aínda hai máis. O goberno de PSOE e Unidas Podemos aproba o 29 de marzo o Real Decreto Lei 6/2022, “polo que se adoptan medidas urxentes no marco do Plan Nacional de resposta ás consecuencias económicas e sociais da guerra en Ucraína”. Neste real decreto -quen o ía pensar- o goberno cambia o financiamento do bono social eléctrico que permite aliviar a factura da luz a determinadas economías domésticas especialmente vulnerábeis. Até a entrada en vigor deste Real Decreto Lei o financiamento do bono eléctrico corría a cargo das empresas eléctricas, mais o goberno máis progresista da historia decide “repartir” o custe desta axuda entre todos “os actores” do sistema eléctrico, é dicir, produtores, comercializadores, transportistas... e por suposto, consumidores e consumidoras, que xa na factura do mes de xuño empezaron a pagar o custe do bono social.
 
O certo é que o custe do financiamento do bono social é asumíbel para moitas persoas, mais non é de recibo cargar sobre as costas dos consumidores e consumidoras un novo concepto na factura da luz, mentres as grandes eléctricas reparten uns beneficios astronómicos de 6.534 millóns de euros en 2021 entre Naturgy, Endesa e Iberdrola.  

Estas medidas poñen en evidencia a un goberno totalmente sometido aos intereses do lobby eléctrico, incapaz de asumir cambios estruturais sobre un ben de primeira necesidade como é electricidade. O goberno máis progresista da historia no canto de apostar por cambios como poden ser a creación dunha empresa pública eléctrica que faga de contrapeso ás grandes eléctricas, a modificación do mercado marxinalista eléctrico ou, no caso galego, a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega, aposta pola propaganda e a estafa aos consumidores e consumidoras.  

Dixo Ignacio Galán, presidente de Iberdrola que “só os tontos pagan a luz máis cara” e parece que este goberno está empeñado en non levarlle a contraria. Por outra parte, non se entende que unha estafa deste calibre non bote a xente ás rúas e obrigue a este goberno a tomar medidas de calado, no canto de ficar na propaganda e no relato; unha estratexia na que participan con entusiasmo os medios de comunicación progres como El País, El Diario, Público... que pasaron de ser o azoute do goberno do PP a propagandistas do goberno máis progresista da historia, que, como vemos, goberna como a dereita.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña