10:05 Xoves, 29 de Setembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-08-2022

Ao presente, Rusia e China xa están a cabeza de cada vez mais países soberanos asociados no BRICS, e comezan a usar as súas moedas no comercio internacional

Só con Soberanía Política a Economía manda, comezando pola Economía dunha Nación Soberana

Valorar (15)

FRANCISCO GRAÑA



No actual conflito entre o Imperio Globalista estadounidense e o grupo de países emerxidos da pobreza (hoxe liderados póla Federación Rusa e China), e sen considerar a posible derrota final e sen paliativos  do Imperio Capitalista Neoliberal Unipolar; aínda hoxe non sabemos con certeza absoluta o resultado desta confrontación e a quen será favorable, ou nos levará ao exterminio total ou parcial da especie humana. Porén xa podemos tirar algunha certeza.  

  A economía do mundo occidental liderado polos EEUU está esgotada e é cada dia mais feble. O transcurso do tempo non favorece a Occidente, todo o contrario, pois xa é un Imperio Unipolar en declive que perdeu toda capacidade de renovación para auto - rexenerarse. Da loita de clases pasou ao xogo de títeres, mais todos unidos na defensa do espectáculo e o Poder Global capitalista . En paralelo, a maioría do mundo deixa de ser marxinal e subordinada esluíndo a diferenza centro -periferia, e xa avanza nunha senda  multipolar cara un multilateralismo descolonizado e soberano. Neste contexto aínda non pode descartarse que a Besta inmunda capitalista tente de descarrilar a roda da Historia, multiplicando a confusión e o caos cunha guerra nuclear mentres non se consolida cun novo Orde Mundial esencialmente pacífico que enterre o belicoso presente.    

O posible fin do derradeiro Imperio capitalista colonialista, sen dúbida axudaría a que os grandes e pequenos países coa Soberanía dispoñan dos seus restantes recursos naturais despois de soportar o gran despoxo capitalista, para o desenvolvemento dos seus pobos e así poder ter unha vida digna a súa maneira, en armonía coa Natureza intercambiando os excedentes e déficits, das súas producións planificadas  con todas as nacións en termos de equivalencia, contando cun sistema monetario axeitado ao novo Orde internacional.    

Ata agora, o actual mecanismo financeiro para pagos e cobros internacionais estaba baseado no uso obrigatorio do dólar estadounidense para os intercambios e reservas dos países relacionados cos EEUU, que na práctica eran todos, establecido nas regras de xogo desde o final da II Guerra Mundial, o que permite a os EEUU subministrarse de todos os recursos básicos que necesite a cambio de papeis verdes sen outro valor que a confianza e temor ao seu poder Imperial.O dólar converteuse na única moeda que pode intercambiarse por todas as demais e así no principal poder económico financeiro do Occidente sometido aos EEUU e,xa que logo, de todo o Globo terráqueo.  

  Mais a raíz das sancións impostas á Federación Rusa, so a prepotencia dos EEUU e os seus lacaios europeos polo conflito da Ukraina; de súpeto Rusia rompeu as regras do intercambio e do mecanismo financeiro estadounidense ao rexeitar o Dólar coma moeda de cobro para o subministro do gas ruso e trocalo polo rublo, en especial para Europa que non dispón de outros provedores salvo o gas estadounidense moito máis caro e de peor calidade. Este golpe permite a Federación fixar en rublos cun prezo de monopolio, co que a subida da cotización do rublo é espectacular e tamén os prezos da enerxía. Con este xesto Rusia demostra con contundencia a súa Soberanía, apoiada na posesión de inxentes medios naturais, minerais, fósiles e alimentos, dos cales carecen no reducido Occidente convertido nun ermo, por unha explotación voraz dos seus limitados recursos. O dólar xa comeza a ser rexeitado como medio de pago nas transacións comerciais  e  reservas, co cal podemos aceptar que camiña cara un Imperio de Papel sen valor. Hoxe xa podemos afirmar que o Imperio Unipolar Ianqui é un Tigre de Papel, (como dixera no seu tempo Mao Tse-Tung).    

Ao presente, Rusia e China xa están a cabeza de cada vez mais países soberanos asociados no BRICS, e comezan a usar as súas moedas no comercio internacional. O Occidente xa quedou reducido ao G7 e pouco mais, con menos do quince por cento da poboación mundial e menos da metade do PIB mundial. Amais carece de recursos suficientes, por iso, aposta polas enerxías verdes renovábeis pero para o futuro, pois agora son insuficientes. Hoxe os recursos abundantes están nas mans do BRICS. Europa e os EEUU vense obrigados a aceptar as condicións destes, en especial Europa a parte máis prexudicada pola subordinación aos EEUU. Neste contexto xorden as divisións entre os europeos, e medran as políticas de acordos puntuais.    

Os intereses obxectivos da Europa, na que Alemaña é o motor están vinculados con firmeza, queiran que non, a Eurasia porque é unha parte do seu territorio. Europa e Rusia con China forman un territorio único e complementario no campo económico. Xa que logo, se Europa non quere caer na miseria e na irrelevancia o seu futuro pasa pola asociación con Rusia e China para desenvolver a súa industria e tecnoloxía que compleméntase cos recursos naturais de Rusia e co mercado chino.    

A actual dependencia europea dos EEUU responde a unha narrativa ideolóxica imposta tras a  (II Guerra Mundial Inter imperialista e a gran Guerra Patria da Federación Rusa) polo  Imperio estadounidense atlántico á oligarquía capitalista europea subordinada, para garantir os seus intereses de clase, os de unha burguesía chea de terror ante o perigo oriental “amarelo e as hordas siberianas”. Os EEUU tamén participan deste pánico ante a posibilidade de que Europa, xunto a Alemaña, remate asociada a Rusia formando parte política e económica de Eurasia, non só territorial. Antes de que isto sucedera o Imperio Ianqui anglosaxón, apostaría sen dúbida, pola súa destrución, unha vez liberada a “elite capitalista europea” acompañada pola súa inxente servidume indíxena, rescatada das garras do oso siberiano. Pero para iso o pobo europeo cheo de mansedume debe pasar fame e se cadra, volver ao candil. Como dixo Joe, hai que sacrificarse polos “ideais da liberdade”.  

  Neste contexto, por disposición dos EEUU, Europa está cargando cos custes da guerra imperialista dos EEUU e a OTAN, na Ukraina contra Rusia. Amais, traslada a Unión Europea vía euro a inflación provocada pola emisión masiva de papel moeda sen respaldo algún, que se suma a   súa previa existencia, debida a suba das enerxías polas sancións e a do rublo. Pero a pesar do éxito no traslado dos gastos a Europa, os ianquis aínda non son capaces de rematar coa desconexión total dos gasodutos que traspasan o gas ruso a Europa, e a pesar da submisión dos paifocos gobernantes europeos.    

Unha crise da existencia do capitalismo occidental que leva ao Capital ficticio xa está no horizonte. Ao Occidente, xa non lle queda outra que o recurso a guerra, ou a transición en dirección a un novo Orde Mundial Multipolar, ou nunha mesturanza do Multipolar e Bipolar, en tanto non sexa erradicado o Imperialismo Unipolar ou cando menos  en equilibrio compartido coas potencias emerxidas nos últimos tempos. Neste variado contexto que achégase, sen dúbida a Soberanía dos Pobos e das Nacións oprimidas brotará con forza.    

Mais o capitalismo enfermo quere seguir sendo o único, e de novo recorre a súa esencia fascista e nazi, para volver a mobilizar e participar nunha nova cruzada, esta vez, contra as “hordas asiáticas do Oriente”. A utilización e o apoio ao nazi fascismo Ukraino e o descomunal rearme da vella Alemaña, son os medios co obxectivo de lanzar as Panzerdivisións europeas polas estepas siberianas e apoderarse dos inmensos recursos do Ártico para o aproveitamento do sempre insaciábel capitalismo occidental, e así liberar aos europeos do uso obrigatorio do candil, mais non do Poder da Besta Inmunda que todo o devora.    

No último Cumio da OTAN celebrado en Madrid, Capital do Reino de España, pois as galegas e os galegos non temos Rei, xa quedou claro dabondo que o inimigo principal da Civilización Occidental baseada nas súas regras globais, é a maligna Rusia de Putin xunto coa China presidida polo camarada Xi Jin Ping (mantendo con sabedoría unha dúbida, pois como é comunista inda pode virar de chaqueta).    

Segundo o pensamento grego, os gobernos se dividen en Democracias e Tiranías. Seguindo esta liña como europeos, o Occidente proclama con solemnidade, e sempre dunha maneira abstracta, que no presente o conflito que hoxe acontece no Mundo é unha loita entre a Democracia e a Autocracia. No concreto para este, Democracia é todo Pais que segue a normativa do Imperio Unipolar, baseado no sempre lexítimo Poder da Elite propietaria do Capital Global, en loita contra as Autocracias tiránicas, que son as Nacións e Pobos con Gobernos ilexítimos porque non seguen as regras do Imperio, e son Soberanos por basearse  na exclusiva vontade dos seus Pobos e maiorías sociais, carentes dos dereitos e lexitimidade recoñecidos pola comunidade internacional, e non seguen mais que as súas normas e decisións políticas soberanas populares.    

                             

[12-08-2022 16:53] Elia López Travada comentou:

Sr. Francisco Graña, estou seguro que vostede foi militante do partido “carrillista” que nos seus derradeiros anos tiña de comunista o que un peixe de leopardo; nom é váo acabou os seus días como militante do PSOE, partido creado por Willy Brandt e os USA; senón non entendo a sua xenreira contra todo aquilo que lle cheira a comunismo. Trabuca a concepción “comunista” con a da “socialdemocracia de tenda de abastos”.

[10-08-2022 12:29] Dores comentou:

Obrigada pola claridades. Parabens

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña