17:53 Xoves, 08 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-07-2022

Non dubidamos que os andaluces chamados hoxe de CORROCHANO, son descendentes dos CHURRUCHAOS, inquedos fidalgos pontevedreses, que deberon fuxir todos ao sul ; tanto, que xa non se atopa o seu nome pola nosa Terra

Varela: Un apelido galego de orixe controvertida

Valorar (4)

CÉSAR VARELA GARCÍA



Nas miñas andainas por terras españolas do Sul sempre era confundido o meu chamadeiro de VARELA por VALERA.

Até tiven problemas legais, e ter que corrixir o meu nome nun B.O.E.

Penso que o sevillano  D. Juan Valera  debeu ser descendente dun Varela galego ao que, como a min,  lle trocaron o nome.  

Non dubidamos que os andaluces chamados hoxe de CORROCHANO, son descendentes dos CHURRUCHAOS, inquedos fidalgos pontevedreses, que deberon fuxir todos ao sul ; tanto,  que xa non se atopa o seu nome  pola nosa Terra.

Pero vaiamos ao miolo do caso que nos ocupa hoxe , que é botar luz encol da orixe dun dos apelidos galegos mais enxebres, VARELA.  

O ESTADO DA CUESTIÓN

De primeiras, desbotamos  que tal nome teña nada a ver con “varas” . Como unha “vara”, e por riba pequena, pode formar un topónimo ?. Imposíbel !

Onde atopamos unha síntese de todas as teorías deitadas a loor do chamadeiro de VARELA , é no  CONSULTORIO DOS NOMES E DOS APELIDOS GALEGOS , da autoría de X.L. MÉNDEZ FERRÍN.

Lemos neste libro:

O apelido VARELA ocupa ... o lugar décimo sétimo na orde de frecuencia dos galegos.
O apelido VARELA é moi difícil de explicar.

Unha primeira hipótese apunta á toponimia e é defendida por Gonzalo Navaza. No  Nomenclátor figuran cinco lugares VARELA e un VARELAS.

 Ningún deles ten a categoría de parroquia, o cal nos leva a sospeitar vagamente que os topónimos VARELA poidan ser de orixe antroponímica moderna.

Navaza entende que estes VARELAS da toponimia, pasados logo a apelido moderno,proceden do nome común VALELA, diminutivo de VAL, do latín VALLIS.

Como a pronuncia desta palabra resultase incómoda, produciríase unha disimilación e resultaría VALELA, “pequeno val”. Ben sei que a alguén , este VALELA, logo VARELA, pódelle resultar chocante co xénero feminino, que levan todos os topónimos. A VARELA  e AS VARELAS.

A verdade é que val ou vale poderían ser feminino no pasado, o que se fai evidente nalgúns topónimos como VALBOA ou BONAVAL. E así andamos dubidando e dubidando in hac lacrimarum valle sen sabermos con certeza de onde raio poida vir VARELA.

Eu, en por min,inclinaríame cara unha segunda hipótese que nos levaría a identificar o apelido VARELA como orixinario dun alcuño ou alcume ou nomeada. En latín existe o adxectivo  varus-a-um , que significa “ zambo, trenco, cambeiro,mal disposto dos pés ou das pernas ou das patas” en persoas e animais. Posto no feminino, propio dos alcumes tan a miúdo ( prosma, cotra, baldroga,…), e en diminutivo –ela, teríamos o VARELA  “ persoa mal asentada de pés ou mans “. A capacidade migratoria dos alcuños ou a súa ubicuidade plurixenética explicaría a súa extensión polo País en tempos modernos.

Até aquí pois o estado do caso na síntese que fai X.L. Méndez Ferrín.

A nosa opinión é moi diferente:

Entendemos que todo procede da palabra NAVAREDA ou NAVARELA, ou sexa un lugar abondoso en NAVAS.

Por NAVAS entendemos os curros ou malladas NÁTIVAS, ou sexa, fornecidas pola natureza, para encurralar o gando do monte.

Dunha suposta NAVARELA debeu saír, na nosa teoría, o nome de VARELA.

“fulano está na NAVARELA ”; “ na NAVARELA” produce unha cacofonía semellante a cando a “Fonte Tellada” se reduce a “Fontellada”.

A redución lévanos a que “ fulano está na. VARELA” e de aí xa se separa  A VARELA como un lugar concreto.

“na NAVARELA > NA.VARELA > na. VARELA > A VARELA

Ao confundirse a primeira sílaba NA- coa preposición “ en a “, ou sexa, “na”.

Esta doutrina contorna todos os inconvenientes que se lle atopaba ás outras:

1)   É un feminino que nada ten a ver con VALLIS e a súa   mudanza de xénero ao pasar do latín o galego.  

2)   Os lugares con tal nome son moi rurais e non chegan a ser parroquia, porque o topónimo designa un traballo do monte, as NAVAS non se atopan nas vilas, xa que son curros para o gando.    

3)   Non se refire a alcuño ningún. Sería ben raro que un alcume relativo ás pernas dunha persoa chegase a constituírse en topónimo en lugares tan distantes do Pais, en feminino,  e aínda, en plural !

Se as eivas físicas desen en topónimos, estaría o Pais inzado de referencias a cegos, xordos, mudos, etc …, e non é así o caso.  

4)   Os VALBOA e BONAVAL que se citan, seica mellor que entendelos como relativos a VALES, poderían ser lidos como cualificativos de  NAVA: NAVALBOA e se cadra MON NAVAL  ( Monte das Navas ).  

Todo nos leva a pensar que o paso de NAVARELA a VARELA  debeu ser moi antigo.

 Cando se empeza a escriturar xa non se ten consciencia da súa orixe por parte dos monxes e notarios daqueles tempos. Unha teoría é boa cando dá conta da explicación de outros topónimos.

BARA LONGA é o nome dun monte da parroquia de Aldán; o seu sentido fica claro se a entendemos como derivada dunha antiga NÁVARA LONGA ou DONGA:

NÁVARA-LONGA > NA. VARALONGA > na.VARALONGA >

A VARALONGA … seguindo o mesmo proceso cacofónico que debeu acontecer con A VARELA.

Ao fin a teoría do Navaza e a nosa, aínda que de orixe etimolóxica diferente, son moi próximas no seu significado;  AS VARELAS, deberon referirse a lugares a lugares enfochancados por natureza, onde fose doado encurralar aos animais.

Todo isto, vainos dar pé para seguir  elucidando outros topónimos da Terra, até o de agora escuros, e testar se a nosa doutrina consegue botar luz ao seu significado.



[26-07-2022 18:06] Tato comentou:

Moi interesante Concordo co César

[25-07-2022 13:52] Carme comentou:

E aínda vai ser de orixe galega o presidente da Irlanda Éamon de Valera. Poético!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña