05:54 Xoves, 07 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-06-2022

Levamos moito tempo insistindo na necesidade dunha decidida actuación de goberno que encamiñe a Galiza nesta revolución, evite que quede atrás e mesmo aproveite as oportunidades que se ofrecen para situarse nun lugar privilexi

Galiza e a Transformación Dixital

Valorar (8)

RAÚL FERNÁNDEZ IGLESIAS



A urxencia da actuación é cada vez máis perentoria nesta revolución de velocidade exponencial que está afectando ao mundo tal e como o viviamos até hoxe. Perigos e potencialidades que temos que afrontar, minimizando os primeiros e camiñando decididos na explotación das segundas. Os nosos traballos, os modelos de negocio, a democracia ameazada, a nosa lingua en perigo, as comunicacións coa administración  e o sector bancario, en fin, unha serie de asuntos a ter en conta que precisan dunha folla de ruta a aplicar canto antes mellor ou quedaremos fora dos lugares de privilexio e mesmo da segunda liña deste novo mundo.     

Fagamos un repaso da importancia dos distintos asuntos que requiren unha actuación decidida e comecemos polo mundo laboral. Os modelos de negocio que estiveron vixentes todo este tempo chegan ao seu fin: as compras presenciais e de proximidade, os medios de comunicación, a cultura, produtos que se volven obsoletos, negocios de transporte público... Podémolo resumir en que de negocios que anteriormente tiñan unha duración que podía abarcar toda unha vida laboral, pasamos a negocios de caducidade en poucos anos. Deste xeito obrígasenos a unha continua adaptación aos requirimentos cambiantes da sociedade o que significa que debemos afrontar unha formación continuada que nos capacite aos distintos traballos que son demandados. Por outra banda estamos comprobando que, comezando polos cargos de dirección, as empresas están empezando a contratar executivos para un proxecto concreto, xa que así poden asumir os seus costes salariais limitándoos a un espazo temporal concreto e garantido. É cuestión de tempo que esta tendencia chegue a todos os eidos laborais e suporá un grave problema.  

A Ciberseguridade é un tema que, lamentablemente, preocupa cando xa estás afectado. Precisamente aquí é onde é máis fundamental ser proactivo en vez de reactivo. É de aplicación a frase: “Non penses si te verás afectado ou non, pensa cando serás afectado”. Galiza precisa un centro institucional, a modo de CCN e Incibe, de ciberseguridade adaptado ás nosas características e particularidades, que axude formalmente ás administracións con menos recursos e orzamento como son moitos dos nosos concellos, e tamén a todo o noso tecido produtivo. Labor de concienciación, labor de prevención e labor de neutralización de todo tipo de ameazas.  

A desinformación é un feito altamente preocupante. As noticias falsas poden ser facilmente detectadas e anuladas pero as campañas de desinformación son enormemente perigosas, pois están preparadas concienzudamente e paso a paso, có obxectivo de modificar a opinión pública. Os autores poden ser mesmo gobernos, pero tamén opcións políticas ou, incluso, empresas comerciais cara a favorecer as ventas dos seus produtos con informacións enganosas. Estamos afectados como compradores, pero moitas persoas poden ver manipulado o seu xeito de ver as cousas orientando o seu sentido de voto ou modificando un estado de opinión a respecto dun tema. Detectar estas actuacións e poñerlles remedio é transcendental.  

A Intelixencia Artificial é cada día máis importante e transcendente. É preciso ser fonte de investigación e produción, non meros receptores desta tecnoloxía e un punto importante é a adaptación das nosas empresas a esta ferramenta e da mesma administración, sendo importante a posible instalación da Axencia Estatal de Intelixencia Artificial, pero tamén unha Axencia Galega que pule e serva de soporte a todo o que se ten avanzado neste tema en Galiza. Tanto aquí como no coñecemento en xeral é fundamental parar xa a fuga de talento desa xeración perdida que se foi de Galiza a traballar fora, e tamén o é tentar recuperar aos que xa se foron. Para elo hai que crear oportunidades, incentivos, futuro, traballos dignos e ben pagados, en fin ilusión en ser parte da importancia de Galiza no dixital.  

Téñense que crear oficinas de apoio dixital pola administración local e galega co obxectivo de ser un alicerce de referencia para todas aquelas persoas que non teñen coñecemento, medios, cobertura nos seus domicilios, ou que por calquera outra causa quedan desprovistos do preciso ou que, téndoo, quedan indefensos diante dos ciberdelincuentes que aproveitan a súa vulnerabilidade. Por outra banda a administración electrónica que ten grandes potencialidades para axilizar trámites e facelos máis cómodos supón unha barreira infranqueable para moita xente, incluídos moitos xoves que, a pesar da súa habilidade en redes sociais, non son quen de manexar os certificados electrónicos precisos para unha identificación segura. As aulas CeMIT, herdeiras da antiga Rede de Dinamización da Sociedade da Información (RDSI) creadas polo nacionalismo na Xunta, teñen que ser potenciadas para ter presencia en todos os concellos galegos e con persoal dinamizador como o tiñan aquelas. Por outra banda as súas potencialidades son enormes e deben servir, non só para a alfabetización, senón como lugares de referencia para empresas e persoas, onde podan obter coñecemento e ter acceso a tecnoloxías innovadoras, ou mesmo cobertura o un lugar para traballar.  

A falla de vocacións femininas en STEM supón un grave problema e non só de igualdade, que tamén, senón pola carencia da súa visión particular e complementaria nestes temas que é fundamental para un correcto desenvolvemento. Estanse facendo cousas pero está claro que son insuficientes e é precisa unha acción máis definida e contundente.  

A nosa lingua corre un grave perigo se queda fora da tecnoloxía e non só nas aplicacións e na terminoloxía senón tamén nos asistentes virtuais de voz que é preciso que entendan e falen no noso idioma, que non teñamos que cambiar a nosa lingua para dirixírmonos a un trebello deste tipo. Hai un proxecto (Nós) pero o empeño e a velocidade á que está a desenvolverse non nos fai ser nada optimistas.  

Non é preciso insistir na falla de cobertura nas redes de comunicación tanto en voz como en datos (fixo e móbil). A grande eiva, e que non entenden no Estado, é que a nosa distribución polo territorio, dispersa, provoca que non teña sentido poñer como obxectivo coberturas en porcentaxes de poboación, máxime nun mundo no que a necesidade de conexión en mobilidade é imprescindible. Precisamos que o 100% do territorio galego teña cobertura de voz e datos, sexa pola tecnoloxía que sexa. Se ademais queremos poñer en valor o rural e a súa explotación sostible, ter acceso a redes en calquera localización é fundamental.  

E para rematar unha relación de temas que se fai interminable, citemos outros moitos nos que traballar: turismo, exclusión financeira, smart cities e smart rural, software libre e código aberto, open data, I+D+I, autoconsumo enerxético, mobilidade física e tantos e tantos outros.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña