06:52 Xoves, 07 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-06-2022

Mais, as palabras do agora flamante presidente do PP español reclamando a baixada dos impostos contradí a súa práctica como presidente da Xunta de Galiza

Feixoo e a baixada de impostos

Valorar (10)

EDUARDO ÁLVAREZ



A teima do PP, tanto aquí na Galiza como en Madrid, consiste en que hai que baixar os impostos. Feixoo abandonou a Presidencia da Xunta no medio dunha campaña publicitaria difundida en cartaces e medios de comunicación que ten como lema En Galicia baixan os impostos. Con isto, inicia a demagóxica carreira electoral coa que pretende acadar a Moncloa imitando o que sucedeu nas eleccións xerais de 2011 cando Raxoi, malia ser consciente da situación financeira das contas públicas naquel momento, prometía unha e outra vez non subir os impostos. Convertido xa en candidato á presidencia do goberno, no propio discurso de investidura reiterou a mesma cantarela: "Mantendré mis compromisos electorales... el mayor esfuerzo no puede recaer en los ciudadanos, tiene que provenir de las Administraciones". Isto sucedía no Congreso o 20 de decembro dese ano. Mais, poucos días despois, o goberno de Raxoi aprobou por decreto lei as subas máis altas de impostos que recordamos. E isto veu acompañado do maior recorte en gasto público dos últimos corenta anos. Subiu os tipos do IRPF, algúns deles mesmo sete puntos, de maneira que determinados contribuíntes pasaron a tributar o 55 por cento das rendas do traballo. Os rendementos do capital tamén incrementaron a tributación do 21 ao 27 por cento. O tipo xeral do IVE pasou do 18 ao 21 por cento e o reducido, do 8 ao 10 por cento. Estas medidas foron acompañadas da suba aplicada aos bens inmóbeis, entre elas o IBI, da execución do “catastrazo” que considerou as instalacións agrícolas e gandeiras como obxecto de tributación...

  Por outro lado, os recortes en gasto público inicialmente foron de 9.000 millóns e chegaron ao final daquela lexislatura aos 36.000 millóns. Isto a costa da redución da prestación por desemprego, da conxelación das pensións e dos salarios dos empregados públicos e da supresión dunha das súas pagas extras, da exclusión da asistencia sanitaria das persoas con residencia irregular, da introdución do repagamento farmacéutico, do “medicamentazo” que deixou fóra da financiación pública cincocentas medicinas...

  Mais, as palabras do agora flamante presidente do PP español reclamando a baixada dos impostos contradí a súa práctica como presidente da Xunta de Galiza. Podemos comprobalo nestes tempos de declaración da renda do exercicio fiscal 2021. Analicemos a realidade servíndonos da seguinte táboa.



Como vemos, mentres que na base liquidábel estatal existen oito treitos, que van desde o 9,50 por cento, como tipo mínimo, ao 23,5 por cento como tipo máximo a que tributan as rendas do traballo, na base liquidábel galega, ao suprimirse o oitavo, son sete os tramos, que van desde o mínimo do 9,50 por cento até o máximo do 22,5 por cento. Deste xeito, as persoas con rendementos que superen anualmente os 300.000 euros tributan porcentualmente na Galiza o mesmo que aqueloutras que superan os 60.000 euros. Bo exemplo este de xustiza distributiva e da contribución ao sostemento do gasto público coa progresividade que proclama a Constitución no seu artigo 31.


Máis aínda, se comparamos os treitos estatais cos autonómicos, vemos como para os rendementos do traballo inferiores, os comprendidos entre os 12.450 e os 20.200 euros, existe unha mínima rebaixa de dúas décimas (12,0 % -11,8 %) no treito autonómico, mentres que nos treitos comprendidos entre os 20.200 e os 35.200 euros, que coincide coa renda media dos contribuíntes galegos por IRPF, os incrementos verbo do estatal ascenden en total ao 2,5 por cento. Conclusión da política fiscal do IRPF do goberno da Xunta exercida durante este exercicio fiscal: 

  • Podendo elevar o número de treitos na procura de maior progresividade fiscal e xustiza redistributiva, a Xunta redúceos a sete premiando os contribuíntes con rendas anuais que superan os 300.000 euros.
  • Podendo rebaixar o tipo marxinal mínimo ao 9 por cento para os contribuíntes situados no primeiro tramo da base liquidábel (até 12.450 €), manteno medio punto máis alto.
  • Tendo competencia para regular e, por tanto, incrementar o importe do mínimo persoal e familiar aplicábel para o cálculo do gravame autonómico até o límite máximo permitido, o goberno de Feixoo mantén a situación sen ter en conta o número de descendentes, a idade e as persoas discapacitadas da unidade fiscal.
  • Podendo regular deducións nos casos de familia monoparental, non o fai. O mesmo sucede con outras moitas deducións que, tendo competencia para introducir, deixa de facelo: por gastos de subministro luz e gas de uso doméstico para a xuventude emancipada, por residir habitualmente nun concello en risco de despoboamento, por gastos para a contratación de persoal para o coidado de familiares afectados por COVID-19, por estudos e adquisición de libros de texto...
 
Finalmente, xa que tamén estamos en período de autoliquidación do imposto do patrimonio, convén que nos fixemos no seguinte: Podendo rebaixar o mínimo  exento  aplicábel de 700.000 euros, o goberno de Feixoo manteno nesa mesma cantidade eximindo de tributar por este concepto patrimonios que non superen ese límite. E da mesma forma que sucedía coas rendas do traballo, a Xunta tamén suprime o último treito da tarifa que se aplica a este imposto en beneficio dos contribuíntes que teñan bases liquidábeis superiores a  10.695.996,06 de euros. Si, si! Máis de dez millóns e medio de euros.  

Non se precisa ser experto en política financeira para saber que os ingresos públicos se obteñen pola achega de impostos, pola venda de patrimonio e polo recurso á débeda pública. Patrimonio non existe para iso porque xa todo foi vendido hai tempo. A débeda pública pasou, desde 2009 en que Feixoo goberna na Galiza, de 4.859 a 12.000 millóns. Non queda outra, se se queren manter os servizos públicos de calidade, que incrementar a carga tributaria baseada nunha fiscalidade directa e progresiva capaz de manter un réxime de protección social redistributivo. Políticas contrarias a isto teñen como obxectivo o desmantelamento dos servizos públicos en cuxa tarefa está tan obstinado o PP por boca do seu flamante Presidente.  




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña