15:18 Mércores, 30 de Novembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-06-2022

Hoxe para conseguilo usan a lexislación e as mentiras, mañá, se lles fixera falla, usarían calquera sistema, mesmo eliminando a súa democracia liberal.

A democracia do capitalismo

Valorar (8)

XOSÉ ALFREDO PEREIRA MARTÍNEZ



O intento de privatización dos montes veciñais en man común que pretende levar adiante a Consellería do medio rural do goberno do Partido Popular da Xunta de Galiza, está dentro da estratexia do capitalismo mundial de apropiarse da terra para que, con esta apropiación, poder dominar todos os recursos que nela se dan (e se poidan dar  no futuro). Na Galiza, o brazo político de este capitalismo é o Partido Popular .  

Na Galiza, o Partido Popular, no que fai ao respeito do monte veciñal, é tamén o brazo político de intereses especulativos e urbanísticos. Véxase senón o intento de roubo  do monte veciñal da parroquia de Tameiga, no Concello de Mos, que pretende levar adiante o presidente do Real Clube Celta de Vigo e a alcaldesa do Concello de Mos. Estes dous representantes, un de unha sociedade deportiva e outra de unha institución  pública, non admiten que  a veciñanza comuneira da parroquia de Tameiga decidira democraticamente non entregarlle as súas terras comunitarias ao servizo de eses intereses particulares coincidentes.  

A democracia liberal na que vivimos (burguesa, dicíase antes), controlada  polo capitalismo ao traveso das chamadas superestruturas, válelle a este ate que lle vale, e cando non lle vale para defender os seus intereses de clase, aplican o que mellor saben facer: a imposición, a ditadura. Boa proba disto é a nota pública das asociacións de empresarios de Mos e de Cabrál (Vigo), como non admiten as decisións democráticas das veciñanzas comuneiras das parroquias de Cabrál e de Tameiga de non entregarlles as súas terras comunitarias para os seus negocios privados, solicitan da Xunta de Galiza que a nova lei de montes veciñais que se pretende aprobar, garanta que as empresas e industrias que se atopen no monte veciñal poidan facelo de xeito indefinido saltándose a decisión dos titulares das terras .  

As asociacións de empresarios de Cabrál e de Mos, sen que se lles caia a cara de vergoña, solicitan que a Xunta de Galiza roube á veciñanza comuneira as súas terras para entregarllas de balde a eles. Plantexan este roubo dos montes veciñais porque saben que contan coa complicidade da Consellería do medio rural. Que lle parecería a estes empresarios se a veciñanza comuneira solicitara da Xunta de Galiza que para unha mellor distribución da riqueza lles foran confiscadas as súas empresas?. Serán empresarios, mais semellan os 40 ladróns da cova de Ali-Babá.

A indecencia de estes empresarios non remata aí, amosando o seu espírito  elitista, clasista e de desprezo as poboacións do medio rural, solicitan tamén que a Xunta de Galiza “controle” o funcionamento e os acordos  das comunidades de montes. As normas de educación impiden chamarlle a estes confiscadores, antidemocráticos e especuladores como se merecerían.  

Para impoñer a súa lei, o capitalismo usa todas as armas, mesmo a mentira, a mentira descarada. Tal cousa aconteceu o día 25 de este mes nunha sesión do Parlamento Galego. A deputada do BNG, a señora María Albert, plantexoulle unha serie de preguntas sobre o motivo da Consellería do medio rural de pretender privatizar os montes veciñais, como esta é a verdadeira intención da Consellería do medio rural, o señor Conselleiro non foi quen de contestar. Non contestou e tentou de desviar o tema, así, e sen vir a conto, falou da Iniciativa Lexislativa Popular para tramitar unha lei de montes veciñais promovida pola ORGACCMM. Verdadeiramente non falou, minteu. Dixo, sen que lle viñesen cores á cara, que esta Iniciativa Lexislativa Popular non tiña valor xa que non plantexaba alternativas para os montes veciñais que carezan de poboación ou que poidan ser declarados en estado de grave abandono. Sorprende a desvergonza do señor Conselleiro do medio rural  que repetiu varias veces esta mentira, mentira que se pode demostrar facilmente votándolle unha ollada á Iniciativa Lexislativa Popular, xa que esta contempla as cuestións que o señor Conselleiro do medio rural  afirma que non contempla.  

Os montes veciñais son titularidades comunitarias que están fora do tráfico do comercio e, xa que logo, fora dos negocios capitalistas. Os montes veciñais están en moitas mans, e as súas decisións non as toman os consellos de administración das empresas, tómanas a veciñanza comuneira de xeito democrático e asembleario, aí están as razóns do Partido Popular (brazo político do capitalismo) para privatizalos. Hoxe para conseguilo usan a lexislación e as mentiras, mañá, se lles fixera falla, usarían calquera sistema, mesmo eliminando a súa democracia liberal.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña