05:43 Xoves, 07 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-05-2022

Agora os medios de comunicación occidentais acusan aos rusos de xenocidio por varias matanzas de civís con historias rocambolescas moi difíciles de crer

Quen causa as masacres na Ucraína?

Valorar (19)

RAÚL RÍO DÍAZ



A estas alturas case todo o mundo sabe, aínda que algúns e algunhas non o queiran recoñecer, que esta guerra de Ucraína non a empezaron nin Rusia nin o “malísimo” Putin, pois todo empezou en febreiro do 2014 por medio dunha “revolución laranxa” desas que organiza a CIA estadounidense cando non lle gusta o goberno elixido polo pobo e quere poñer un tírete que se deixe dominar e que sexa submiso aos mandatos do Tío Sam, tal como fai agora o soldado Sánchez (ou pagafantas, como lle chama Pablo Iglesias) e os demais lambe-botas europeos. Sabemos que esa revolución rematou nun golpe de Estado apoiado por grupos nazis, seguidores  de Stepán Bandera e Román Shujévych, que destituíu ao lexítimo presidente, Víktor Yanukóvich para poñer no seu lugar ao dereitista Petro Poroshenko.

Foi entón cando os habitantes rusófilos de Lugansk e Donetsk, colleron as armas contra ese golpe de Estado e cando prohibiron o idioma ruso organizaron un referendo para independizarse da Ucraína. Despois firmaron os acordos de Minks, nos que os golpistas acordaron darlles autonomía a eses dous pobos, pero o que fixeron a partir daquela ata hoxe foi asasinar civís, levando a cabo matanzas de milleiros de persoas que enterraban en fosas comúns despois de cortarlles os brazos e decapitalos.  

Agora os medios de comunicación occidentais acusan aos rusos de xenocidio por varias matanzas de civís con historias rocambolescas moi difíciles de crer, como estes dous aberrantes casos que acaban de suceder e dos que, con todas as probas en contra, lle botan a culpa ao exército ruso, do mesmo xeito que o seu correlixionario ideolóxico, Francisco Franco, lle votou a culpa aos roxos da masacre e destrución que provocou en Gernika en 1937 a lexión Cóndor nazi.

Pero é casualidade que os fragmentos do mísil que apareceron cerca da estación de Kramatorsk (en Donetsk) pertencen aos mísiles tácticos Tochka-U que utiliza o exército ucraíno, pero que non ten o exército ruso e que os separatistas pro rusos de Donetsk informaron case ao mesmo tempo que as autoridades ucraínas do ataque, pero acusando ao exército ucraíno da masacre e non aos rusos.

Tamén foron moitas as casualidades que aconteceron na masacre de Bucha cando o exército ruso avisou do abandono desa cidade con antelación e os cadáveres apareceron catro días despois de que abandonaran o lugar, afirmando os ucraínos que xa levaban quince días nas rúas, pero non estaban descompostos nin tampouco dixo nada da masacre o alcalde cando para outro día deu unha rolda de prensa dicindo que, por fin, xa se foran os rusos da cidade. Tampouco aparecían os cadáveres nas gravacións realizadas pola policía ucraína o día da partida rusa e ninguén denunciou a masacre nos tres días seguintes, senón que foi ao cuarto día. Outra cousa curiosa é que case todos os asasinados e asasinadas levaban un brazalete branco, que era precisamente o distintivo de que eran pro rusos, polo que parece raro que os rusos mataran aos seus amigos e que os deixaron alí para que logo os puidera acusar a prensa occidental de xenocidio. Unha de dúas: Ou os rusos son moi estúpidos ou os ucraínos están moi seguros da súa impunidade.

Como mal pensado que son, e porque coñezo o percal, gustaríame saber con certeza quen foi o autor desas masacres, pois non me fío dos medios de comunicación corporativos occidentais “independentes” subsidiados polos distintos gobernos, que pasan a presunción de inocencia pola entreperna e cargando sempre o moucho ao “malvado” de quenda. Para aclaralo, penso que a ONU debería investigar seriamente estas atrocidades, pero é grave que cando Rusia convocou con urxencia o Comité de Seguridade dese organismo internacional para crear unha comisión, o goberno británico do dereitista Boris Johnson opúxose rotundamente e só cambiou de opinión ao día seguinte, porque debeu pensar, ou alguén lle debeu dicir, que oporse era como delatarse.

Penso que é necesario saber a verdade e non comulgar co que nos din nos seus medios os mesmos mentireiros que aseguraban que no Iraq había armas de destrución masiva e que aínda seguen dicindo que os atentados do 11 de marzo de 2004 en Madrid foron obra de ETA.

Para poder facer un análise serio do que acontece nun conflito compre ter información das dúas partes, pero aquí a censura de toda a información rusa non nos permite facelo. Aquí so temos acceso á información que nos filtra a CIA e a OTAN, esa organización que reparte o terror polo mundo adiante e tamén en Ucraína desde febreiro do 2014, dando carta branca aos nazis dos batallóns Azov, Aidar e Dnipro, integrados no exército ucraíno, para facer mais de 14.000 asasinatos de civís en Lugansk e Donetsk ao non respectar os acordos de Minsk. Aseguran os submisos gobernos europeos, aduladores dos ianquis, que Rusia tamén censura, como si iso lles dera carta branca para violar os dereitos fundamentais dos seus cidadáns ou súbditos a recibir unha información veraz.

Non vou ser eu quen asegure que Rusia non censura, pero así e todo sei que temos dereito a recibir a súa información e o seu parecer para poder crear a nosa propia opinión e non ter que comulgar coa propaganda occidental de que, aínda facendo o mesmo, o malo é Putin e eles son os bos.

En parte conseguín violar esa férrea censura por medio dunha VPN ("Virtual Private Network", Rede privada virtual) de Kaspersky, que merquei por internet, violando tamén as sancións que nos impuxo EE.UU e que nos afectan negativamente a todos os cidadáns europeos. Grazas a esa VPN podo ler a revista Sputnik que recibo por correo electrónico e permíteme ver o canal de TV Russia Today e algúns vídeos rusos conectándome por medio de México, onde non hai censura debido a dignidade do presidente mexicano, dignidade que contrasta coa baixeza moral e rastreira destes dirixentes europeos, aos que non lles importa prexudicar á súa poboación con tal de satisfacer ao seu amo, o invasor de países mais grande do mundo.

Por último, compre investigar todos os crimes de guerra; os que poida estar cometendo o exército ruso, os que están cometendo as bandas nazis na Ucraína, os linchamentos que están facendo a persoas civís polo mero feito de ser xitanas ou rusos e debemos saber tamén en que mans rematan as armas sen control que lles mandan os belicosos gobernos europeos, que poden acabar nas mans de terroristas nazis ou islamitas e facernos sufrir algún día as consecuencias do actual descontrol.


[13-06-2022 23:53] Raul Río comentou:

Amigo Moine: Con respecto ao que dis ti escribín xa escribín este artigo no periódico “Terra Chá” e penso que tes toda a razón.
https://galiciaxa.com/2022/04/tcxa/colabora-tcxa/147055/

[05-06-2022 19:00] Moine comentou:

Da-me que pensar a pergunta. Parecesse que a única guerra que hoje está em auge é a de Ucrânia. A do Iemem leva décadas; as do corno de África, outro tanto; as do Sahel, o mesmo; a da Índia com as guerrilhas maoistas que ocupam um tércio da mesma; ninguém sabe nada, porque nom se publicitam. Será porque os que as padecem nom som europeus?, e as suas vidas tenhem menos valor.

[25-05-2022 14:05] Miguel comentou:

Para ver RT: https://vk.com/actualidadrt. Hai que facerse un perfil en VK, o facebook ruso. Para saber do desenvolvemento da guerra con información bélica de primeira man desde o lado ruso: https://www.facebook.com/Wofnon-109117468414526, un blog que leva un veterano militar cubano. Tamén en Telegram.
Que lembranzas de cando escoitabamos Radio París. A romper a censura otánica e, veña, a contrastar!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña