15:32 Luns, 28 de Novembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-05-2022

Grazas a este mecanismo enganoso que deturpa a verdadeira expresión da vontade popular, o timo democrático do voto útil é o que fixo que saíse de novo Emmanuel Macron como gañador

Unha reflexión sobre as eleicións francesas

Valorar (27)

ROBERT NEAL BAXTER



É, sen dúbida, un feliz accidente que coincidise o anuncio da (relativa) derrota de Marine Le Pen nas urnas nas pasadas eleccións presidenciais francesas co 48 aniversario da Revolución dos Cravos cando, en 1974, o povo portugués se levantou para derribar o réxime fascista e colonialista de Salazar.

Mais até aí chega a comparanza, xa que o sistema francés está amañado para que non sexa precisamente o povo quen máis ordena. É de todo o mundo coñecido que o procedemento francés difire radicalmente do español en canto à eleición d@ Presidente do Goberno. Deste xeito, en aras a quen saia eleito aparente ter un falso apoio popular, na famosa segunda volta, a cidadanía se veu obrigada a escoller non @ candidat@ cuxo perfil político máis lle convence ideoloxicamente, senón –neste caso– entre o mal coñecido e a mala por coñecer.  

Grazas a este mecanismo enganoso que deturpa a verdadeira expresión da vontade popular, o timo democrático do voto útil é o que fixo que saíse de novo Emmanuel Macron como gañador, máximo representante do status quo capitalista neo-liberal. É claro que esta súa ‘vitoria’ non se debe precisamente en que o electorado confíe nel e o seu proxecto, tal como pon de manifesto os resultados da primeira volta só dúas semanas despois cando alcanzou apenas 27,85 %, dos votos escrutados, fronte ao 23,15 % de Marine Le Pen, a máxima representante da ultra-direita, e o 21,95 % de Jean-Luc Mélenchon, dirixente da formación supostamente radical de esquerdas, A Franza Insubmisa.  

A xulgar polas súas reaccións, as dirixentes das institucións e dos estados membros da UE congratuláronse, aliviad@s, polo resultado. Non por seren anti-fascistas, senón porque o proxecto do Reagrupamento Nacional, o partido liderado por Le Pen e herdeiro da defunta Frente Nacional fundada polo seu pai, ameazaba cun Frexit, o que debilitaría substancialmente a “construción europea” e o avanzo do seu modelo neo-liberal ao servizo dos ditados ianquis ao privar a Unión dun dos seus socios de maior peso, xunto coa Alemaña.  

Con todo, entre tanto xubileu, non sería de todo correcto dicer que a extrema direita fose derrotada, xa que o número de votos recibidos por Le Pen non para de medrar, alcanzando finalmente 41,45% dos sufraxios (+18,31% a respeito da primeira volta; +7,56% a respeito da segunda volta de 2017), fronte aos 58,54% de Macron (+30,69% e -7,56% respectivamente). Noutras palabras, instaurouse unha clara clivaxe política que divide a sociedade francesa, con nada menos que 13,2 millóns de persoas que apoiaron a candidatura da extrema direita: o mellor resultado da historia alcanzado pola formación de Le Pen. Esta tesitura responde, en parte, à podremia que se vai colando através da Europa toda e na progresiva deriva de direitización da política onde chegou a callar o discurso anti-imigración que, no seu día só preconizaba a direita radical mais agora xa pasou a formar parte do mainstream político. E, polo outro lado, é froito sobretodo do desencanto e da desilusión cada vez máis xeneralizados co politiqueo do establishment que se demostrou incapaz de resolver os problemas das clases traballadoras e das maiorías sociais, como puxo de manifesto a enorme taxa de abstención que alcanzo o 28%. O cabreo popular é de todo comprensíbel e lexítimo. Ora ben, hai que resistir os cantos de sereas da demagoxia do populismo: a ultra direita e o novo criptofascismo “que non dubida en se presentar como anti-sistema cando na realidade son o último baluarte do sistema” (Análise e propostas do Comité Central da UPG para o contexto actual).  

Tamén non hai que pecar de inxenuos ao considerar a suposta ‘ultra esquerda’ francesa representada por Mélenchon como unha alternativa rompedora e anti-sistema. Pois, apesar das innegábeis diferenzas políticas, tanto el como Le Pen realmente beben da mesma fonte: a do xacobinismo e do chauvinismo francés. Así, encanto Le Pen se escuda detrás dunha pretendida defensa do laicismo como pretexto para promover a súa axenda islamófoba, Jean-Luc Mélenchon recoñece explicitamente apoiarse nos mesmos valores ‘republicanos’, incluído un rexeitamento da descentralización. A igualdade que pregoa o lema Liberté, Égalité, Fraternité implica pasa por arrasar co rolo compresor uniformizante da República as molestas diferenzas lingüísticas e pisar os direitos dos povos para que os seus súbditos “rexionais” formen parte dunha mesma Franza unitaria. Nesta liña, recomendo que quen se escandaliza agora –e non sen razón– ante as declaracións de Le Pen en contra do ensino das linguas “rexionais” na escola, consulte as hemerotecas para coñecer a histórica posición histrionicamente belixerante de Mélenchon ante as escolas Diwan que descualifica como unha “seita”.  
E non é, lembremos, a primeira vez que na Franza se teña que elixir entre cegarse o ollo direito ou o esquerdo. Esta farsa da democracia neo-liberal burguesa remonta xa a dúas décadas atrás, cando se apelou por vez primeira ao eleitorado a acudir a votar en Jacques Chirac cunha pinza no nariz para pararlle os pés a Jean-Marie Le Pen que finalmente sacou case 18%. A metafórica pinza servía para tapar o noxento fedor a corrupción que desprendía o candidato conservador e que posteriormente ía marcalo co notorio mérito de ser o primeiro Presidente  a ser condenado pola xustiza. E de novo en 2017, cando, na segunda volta, Marine Le Pen sacou case 34% (12,6% máis que na primeira volta) fronte ao 66% de Macron.  

Así, pois, a historia ensínanos clarisimamente que de nada serve o engano de votar cunha pinza no nariz unha vez cada lustro se o que se pretende é frear o avanzo dunha extrema direita que aínda non alcanzou o seu teito de vidro e cuxas ideas pasan, en cada vez maior medida, a formar parte do panorama político ou, cando menos, suficientemente atractivos e aceitábeis como para unha parte non neglixenciábel do eleitorado opte por ela nos comicios.  

Agora se abre o grande interrogante do que vai pasar na vindeira contenda lexislativa que terá lugar dentro de menos de dous meses, sabendo que  a formación de Le Pen xa conta desde 2017 con 8 deputados (8,75 % dos votos na segunda volta), isto é 6 máis do que nas anteriores de 2012 (cando alcanzara apenas 3,66 %). Non se pode ficar de brazos cruzados à espera da próxima contenda electoral, nen aquí nen alí.  

Se ben é vedade que o fascismo pode chegar ao poder através das institucións como na Alemaña nazista en 1933 (ou talvez na Polonia hoxe...), a lección que se debe sacar é que non se pode combater só cada vez que se achegan unhas eleicións onde teña posibilidades de sacar representación. Tamén hai que traballar activamente dentro da sociedade para desenmascarar a demagoxia dos seus discursos e das súas falsas promesas con argumentos sólidos, tomando as rúas liderando as loitas para que as clases populares non depositen as súas esperanzas na ultra-direita que só se serve oportunisticamente delas para avanzar os seus propios intereses antagónicos e para que entenda que é a auténtica alternativa socialista quen partilla e representa os seus verdadeiros intereses que pasa pola emancipación nacional e do direito dos povos à autodeterminación no casos das nacións sen estado.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña