16:41 Sabado, 28 de Maio de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-05-2022

Sempre na toponimia son os traballos das xentes os que toman forza para nomear o terreo

Da LAVACOLLA ás NAVAS DE TOLOSA pasando por PARACUELLOS

Valorar (7)

CÉSAR VARELA GARCÍA



Chegaría para desfacer a teoría que sostén a antiga “graciña” de que  o nome de LAVACOLLA se debe a ser o lugar onde os peregríns lavaban as súas partes antes de entrar na catedral de Compostela, ao reparar que, hai outro lugar co mesmo nome, no concello de Outes, onde non se ten memoria de peregrinaxe ningún.

Xa interpretamos, noutro traballo, que o LAVAMENTULA ,que aparece no Códice Calixtino, non é mais que un diminutivo de LAVAMENTUM  e o seu sentido é o de “O BAÑIÑO ”; nada a ver co malicioso “ lava - mentula”.

A mais da LAVACOLLA de Outes,  temos unha chea de nomes de LAVACOLLOS tanto na Galiza como en Portugal que nos están dicindo que tal nome se debe a unha causa ou  traballo que debeu ser moi corriqueira nalgún tempo.

Cal foi a razón dise nome ?

LAVALLOS e NAVALLOS ; o xogo de LAVA e o seu equivalente NAVA.

Toda a xeografía galega e castelá está chea de lugares chamados de NAVAS,  ou aínda NAVIA, entre nós, como o coñecido barrio de Vigo.

Os etimólogos españois definen NAVA como “ tierra baja y llana, a veces pantanosa, situada generalmente entre montañas”.





Aínda que hai lugares chamados de NAVAS que non son nada chairos nin lamacentos.

Para explicar a  orixe da palabra NAVA , remexen na “gaveta de sapateiro” dos idiomas anteriores ao latín, e chegan á conclusión que tal verba debe ser prerromana.

Os asturianos mallan na idea de deuses célticos das augas para explicar o nome do río NÁVIA, e por aí ……

Nós , imos ser tan ousados de colocar como orixe da palabra NAVA ou NÁVIA a latina, NÁTIVA.

Cando se fala do que hoxe chamamos unha PENA VIVA, ou sexa natural, non traballada, os antigos empregaban a palabra NATIVA.

Xa un “morto”, chaman os mariñeiros a unha pedra solta que usan como lastre ou contrapeso.
A nosa suposición é que, no intensivo mundo do pastoreo  debía haber no monte dous tipos de “apriscos” ou malladas para o gando: os artificiais ou feitos polos humanos, curros a base de valados de pedra ou de paus  e os que xa a natureza lle fornecía naturalmente .

Estes últimos, pequenos fondegos do releve, covas naturais etc …. Eran, o que os pegureiros deberon chamar de malladas NAVAS ou NAVIAS porque xa a natureza llos daba sen traballo ningún, eran por tanto, cortes ou descansadeiras NÁTIVAS ou naturais.

NÁTIVAS > NAT’VAS > NAVAS Ou

NÁTIVA > NÁDIVA > NÁIVA > NÁVIA

Conforme de NATIVITATIS saíu, en castelán,  NAVIDADE.

Isto explicaría a súa abundancia polos campos da península;  e mesmo os adxectivos que acompañan á palabra NAVA:

Nava-cerrada, Nava-layegua, Naval-caballo,Nava-luenga, Navalcarnero, etc ….; case sempre relacionados co gando pastoreado.

O territorio das Navas de Tolosa cumpre a condición de  ser unha zona chea de pequenas valgadas e acubillos que se prestan moi ben para encurralar pola noite ao gando do monte; pola súa condición de “fochancos”, costume de apañar auga da chuvia, o que de esguello, resolvía a cuestión de abrevar a “facenda”.

Así, as nosas LAVACOLLAS e LAVACOLLOS, terían a súa orixe en algo tan común como no aproveitamento das condicións naturais do terreo para encurralar ao gando .

Realmente, a LAVACOLLA compostelán, aínda hoxe, ao pé do hotel San Paio, presenta esa faciana de antigos currais arredor dos que se foron colocando as casas dos pegureiros.

Cara o río, segue ese formato de fondego natural  axeitado para acubillar o gando, e que non sufra por falta de auga.

Se aceitamos a explicación de LAVA como procedendo dunha NÁTIVA latina, falta por explicar de onde ven a segunda parte da palabra,  - COLLA.

Entendemos proceder do latino COVÍCULA ou CUBICULA:

COVÍCULA > COILLA > COLLA

Deste xeito ten toda lóxica acorde coa explotación gandeira o nome de LAVA-COLLA.





O lugar sería un : “ fochanco -  natural -  encovado”, e por tanto, moi  axeitado ao encurralamento do gando,  sobre todo de noite.

Esta nosa teoría, explicaría  de esguello,  nomes castelás como os dos diferentes PARACUELLOS que locen nas paraxes montesías de Castela  ou Aragón: PARACUELLOS de JARAMA, Paracuellos de Jiloca, Paracuellos de la Ribera, ou Paracuellos de Cuenca.

Estes PARACUELLOS  serían apriscos feitos pola man  humana  amoreando  pedras, ao xeito dos nosos curros;   e non serían chamados de NAVAS, pois estas serían malladas NATIVAS ou naturais.
PETRA- CUVICULOS > PARA-CUELLOS.

A mesma explicación valería para dar conta do sentido de CUELGA- MUROS no mesmo ambiente penedío e montaraz da serra do Guadarrama. Estaríamos falando dunha : COVÉLICA DE MUROS COVÉLICA > COVELGA > CUELGA

No mesmo sentido dos PARACUELLOS, de seren curros ou covas pedreñas armadas polos pastores.
Teoría que nos parece mais críbel,que a pintoresca  que sosteñen algún autores, de estarmos diante de covas cheas de morcegos  (mur = rato ).

Sempre, na toponimia, son os traballos das xentes, os que toman forza para nomear o terreo.

Paracuellos e Cuelgamuros, traen ao noso maxín os lugares da defensa de Madrid na guerra civil, onde os defensores deberon usar esas covas pastorís como trincheiras e puntos de asexo e tiro ao inimigo.

Xa que, a conta da toponimia, saíu o nome das NAVAS de TOLOSA, e dado que nestes  días  celebramos a saída do libro de Francisco Rodríguez a loor da Etapa estelar da Galiza ao lermos nel, como O Reino da Galiza non participou na batalla das Navas de Tolosa, non resistimos a tentación  de facer un pequeno comentario ao imaxinar aquela Cruzada convocada polo Papa, que debeu ser como a OTAN de hoxe en día.

Todos os reinos cristiáns daquela acudiron á chamada do Vaticano para loitar contra os Almohades.
Só un reino non acudiu ao chamado do Pontífice romano, o Reino da Galiza; e aínda mais, este reino estaba en relación amizosas e comerciais cos reinos musulmás.

Xa pensastedes se un estado dos da NATO de hoxe non participase do acoso a Rusia e aínda mantivese boas relacións con Moscova?

Á vista do que renxeu nos medios  o feito do noso deputado Néstor Rego,  simplemente  non aplaudir ao infausto presidente da Ukraina, matinamos  como deberon pór á Galiza e aos galegos os coligados na cruzada papal daquel tempo.

Virá de aí a inquira e xenreira que sempre houbo contra os galegos,  feito do que a literatura castelá  da boa conta?




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña