14:59 Luns, 28 de Novembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-04-2022

No seu día, Gil Scott-Heron escrebeu que “A revolución non será televisionada”. Ora, o que vimos comprobando estes días é que a guerra –ou, polo menos a que interesa os poderes fácticos– si.

A RAG sómase à moda da ucrainización sen xeito nen direito

Valorar (47)

ROBERT NEAL BAXTER



Así, como se dunha xigantesca maquinaria –por non dicer unha maquinación– perfectamente coordinada de branding comercial se tratase, a propaganda con que nos bombardean os meios de desinformación sistémicos levan traballando ao unísono para espallaren e faceren calar unha mensaxe simplista, reducionista e polarizante sobre a situación na Ucraína e a invasión rusa. Segundo esta narrativa monotemática e monocromática máis propria dun cómic Marvel, por un lado, os rusos e as rusas non son máis que peóns ignorantes enganad@s polas diabólicas embustes dun malévolo psicópata ao temón da infoxificación à escala global. Non son adepto de Putin, mais tampouco é el quen –lembremos– leva sementando a guerra a miseria ao redor do planeta ao longo das últimas décadas. E polo outro, no lado da luz, están as ucraínas e os ucraínos, co drama das mulleres e crianzas refuxiadas e os seus heroicos homes que encaran os tanques seica coas súas maos núas (ou máis ben con armas occidentais), encabezados por un mesiánico e super-herói, antes comediante televisivo que sabe manexar os fíos dos meios como un auténtico profisional. Nada a ver, pois, coa imaxe de terroristas con que se retratan os palestinianos que defenden a súa terra con tirafondas e pedras frente à invasión e o xenocidio sionistas ou as imaxes daqueles outros refuxiados que preferiron condenar a morrer de frío antes de deixalos pasar a fronteira da Polonia, agora tan acolledora. Mais xa falei desta hipocrisía de xeito prolixo nunha miña contribución anterior.  

A consecuencia é unha mentalidade xa instaurada que en inglés se denomina virtue signalling; noutras palabras, facer un alarde ostentoso do apoio individual dunha causa socialmente en voga, mostra pública de ser ‘unha boa persoa’. Este fenómeno tornou (case) obrigatorio abandeirar –literal e metaforicamente– o seu apoio para Ucraína despoxado de calquer matización ou análise xeopolítica de fundo mediante a exhibición da agora omnipresente insignia azul e amarela. Así, as redes sociais están repletas de publicidade para todo tipo de mercadoría ‘solidaria’, desde camisolas até calcetíns, pasando por bixutería e rosarios… un auténtico bazar azul e amarelo.  

E resistirse ou negarse a seguir obedientemente o corrente é motivo de oprobrio e escarnio público, como no caso do futbolista turco Aykut Demir que se refusou vestir o uniforme co lema “Non à Guerra” para protestar contra a hipocrisía dun desporto que agora obriga aliñarse pública e politicamente cando antes ten multado xogadores como Frédéric Kanouté por manifestaren o seu apoio à Palestina. Porque este “Non Guerra” se refere obviamente en exclusiva à da Ucraína, servindo de tupida cortina de fume mediática que permite silenciar e ocultar as outras guerras que están a asolar outros cantos do planeta, como é o caso, por exemplo, do bombardeo do Iemen con míseis Made in the USA por parte da Arabia Saudita que xa segaron a vida de millares de civís inocentes. Ese mesmo país ‘amigo’ que acaba de levar a cabo a execución en masa de 81 homes, algúns acusados de teren “crenzas desviadas”. Mais mellor que disto non se fale moito nen moi alto.
 
E a RAG non podía ser menos. Tras regalarnos co polémico endríago de enxeñaría lingüística ‘gromo’ en vez de optar por popularizar o que en galego internacional se coñece co nome de ‘surto’, a institución recunca de novo ao subirse ao carro da moda da ucrainización sen xeito nen direito. E, como case sempre, os seus ditames neste particular resultan ser cando menos discutíbeis por varios motivos.  

Por un lado, ao nível puramente lingüístico, é máis que cuestionábel a escolla  da fonte que tomou o Seminario de Onomástica de composición descoñecida como base para a criación destas novas ‘formas galegas’ recomendadas. Segundo se deprende da súa publicación ao respeito, optouse por seguir “como criterio xeral [...] as recomendacións do grupo de expertos en nomes xeográficos da Organización das Nacións Unidas (ONU)” e “procúrase manter a coherencia das solucións propostas e ter en conta a harmonía coas linguas veciñas [en plural, sic.] e internacionais”. Até aí todo aparente moi ben, excepto que o documento ao que se alude, seguramente o UNGEGN List of Country Names (aínda que só inclúe o nome de países, non cidades, etc.) ou algún similar, non inclúe o portugués ao non ser este unha lingua oficial da ONU, polo que se deduz as formas escolleitas en galego só se podían calcar sobre as versións españolas.  

Polo outro lado, tamén ao nível técnico, o que parece que subxace às propostas e unha mestura esperpéntica dunha transliteración mecánica das letras cirílicas da forma ucraína xunto cunha tentativa de aplicarlle a forma resultante unha acentuación acorde coas normas propias do galego. Así surxe a monstruosidade Kíiv supostamente partindo da forma ucraína Київ mais baseándose no valor ortográfico ruso do alfabético cirílico sen tomar en conta o funcionamento o sistema fonotáctico do ucraíno, onde o в final non ten o valor consonántico habitual [v], senón semivocálica [u̯]. A pronuncia da mantícora lingüística resultante é todo menos clara (talvez [ˈkiib]?), nen é moito máis fiel á pronuncia do topónimo ucraíno [ˈkɪjiu̯] do que a forma Kiev provinte do ruso Киев  [ˈ [ˈkʲi(j)ɪf] ou Kíev en galego segundo este mesmo criterio conforme à acentuación rusa. Pasa algo similar coa pronuncia de Khárkiv ([ˈxarkib]?), do ucraíno Харків  [ˈxɑrkiu̯] frente ao ruso Харькoв [ˈxarʲkəf].  

A aplicación dos criterios tamén dista de ser coerente. Así, por exemplo, a RAG propón a forma aguda Mariupol ([mɐr⁽ʲ⁾iˈupolʲ], cidade sita en Donetsk, de fala maioritariamente rusa, cando leva o acento no ‘u’ (Mariúpol) tanto en ruso Мариу́поль [mərʲɪˈupəlʲ] como en ucraíno Маріу́поль [mɐr⁽ʲ⁾iˈupolʲ], ao igual que a forma grega da cal proceden ambas estas formas Μαριούπολη. Neste caso, ao parecer, a decisión coincide curiosamente co portugués, aínda que omite mencionar a forma a súa “tradución ao grego” Mariópolis, à diferenza de Leópolis/Lviv (ucraino: Львів [lʲviu̯]; ruso: Львов [lʲvof]), en cuxo caso “A RAG considera correctas en galego as dúas formas, a oficial e a versión latinizada”. Noutra orde de cousas, tamén resulta incompreensíbel o facto de dar por correctas os xentilicios ‘belarusa/o’ e ‘bielorrusa/o’ (un cun r simples, o outro con dous...) cando só se aceita o topónimo Belarús (do beloruso: Беларусь [bʲeɫaˈrusʲ]) e non *Bielorrusia (do ruso Белоруссия [bʲɪɫɐˈrusʲɪjə]), a non ser que sexa para diferenciar entre períodos históricos... Tampouco se entende porque a forma recomenda non sexa *Bielarús’, xa que (à diferenza, por exemplo, do ucraíno) a letra cirílica ‘е’ se pronuncia con yod [je] tanto en b(i)elar(r)us(o) como en ruso. É obvio que o que conta aquí non é proceder de xeito rigoroso, mais ben que se note que se mudaron os topónimos rusos polos seus equivalentes ucraínos.  

Para alén de tais consideracións, o que máis preocupante resulta é a motivación ideolóxica que sustenta a decisión de advogar por unha ucrainización uniforme descomedida, invocando “[n]o respecto ás formas de cada topónimo na súa lingua orixinal”. Esperemos, pois, que a partir de agora só se recomenden as formas bretoas, galesas, irlandesas, etc. dos topónimos da Bretaña, do País de Gales e da Irlanda. Ou, sen ir máis lonxe, as formas oficias endóxenas das cidades da India, conforme às recomendacións da mesma ONU, p.e.  Chennai (do támil), Mumbai (do marati), Kolkata (do bengali), etc. en vez dos nomes coloniais calcados sobre o hindi Madrás, Bombai e Calcuta. Ou é que, como o grito ‘Non à Guerra’ de antes, só se aplica esta política lingüística à Ucraína como parte integral da propaganda imperante?  

Sobretodo, resulta especialmente problemática a ucrainización dos topónimos de lugares onde a maioría da populación fala tradicionalmente ruso e non ucraíno, violando así o suposto criterio de “respecto ás formas de cada topónimo na súa lingua orixinal”. É o caso do xa comentado Kárkov/Khárkiv, cidade que segue a ter unha populación rusófona importante apesar da súa recente ucrainización programada, polo que talvez se deba considerar recoñecer a forma rusa como a “lingua orixinal” neste caso. Máis flagrante aínda é a recomendación de adoptar a forma Luhansk (ucraíno: Луганськ [lʊˈɦɑnʲsʲk]) frente a Lugansk (ruso: Луганск [lʊˈɡansk]), cidade sita na rexión do Donbás (ruso: Донба́сс [dɑnˈbɑs]; ucraíno: Донба́с [donˈbɑs]) onde a lingua materna de 85,3% da populación é o ruso segundo dados do propio censo ucraíno (2001). Se se aplicase o mesmo criterio de ucrainizar os topónimos rusos polo simples facto de se acharen dentro dos lindes do actual Ucraína, pola mesma regra de tres habería que aceitar tamén as formas españolizadas deturpadas tais como La Coruña, Sangenjo (tal e como figuran na versión española da Wikipedia), etc. por se situaren dentro do Reino de España...  

Non é a primeira vez que a RAG mete a pata en materia lingüística neste e noutros ámbitos, nen vai ser a derradeira. Mais, neste caso, os criterios esgrimidos transcenden a habitual controversia de índole puramente lingüística, para atinxir un novo grao de polémica, desta vez de orde ideolóxica e política máis que discutíbel.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña