01:37 Venres, 02 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-04-2022

Darlle folgos ao inimigo e algo así como tirar pedras contra o propio tellado, e non semella que esta sexa unha postura moi acaída

Enterrar e silenciar ao nacionalismo no goberno bipartito

Valorar (13)

XOSÉ ALFREDO PEREIRA MARTÍNEZ



Vaise camiño de 13 anos dende que o Partido Popular gañou o goberno da Xunta de Galiza diante do bipartito de socialistas e nacionalistas. Dende ese mesmo momento o Partido Popular, mediante derrogacións de lexislacións existentes e promulgación de novas, quixo  colocar unha lousa nas accións positivas do goberno bipartito, nomeadamente nas accións da Consellería do medio rural, dirixida politicamente polo Bng. Iniciativas como: o aproveitamento eólico,  camiñar cara o logro de  un monte veciñal multifuncional e sustentábel, a creación do Banco de Terras, a creación das unidades de xestión forestal... que significaban un avance para os intereses das clases populares do pobo galego, ou foron eliminadas ou modificadas radicalmente. E isto falando somentes do monte, do monte veciñal e do medio rural.

 Ao mesmo tempo, tamén se iniciou unha corrente de opinión que tivo e ten como obxectivo, borrar toda pegada do paso do nacionalismo por  ese goberno  bipartito. E ademais de silencialo, enterrar  baixo moitas toneladas de terra a súa laboura para que non agrome nunca mais .

Que a laboura de enterrar e silenciar as accións do nacionalismo  no goberno bipartito na Xunta de Galiza a leve adiante o Partido Popular e os medios de comunicación social que bailan ao son das axudas financeiras conque os unta o Partido Popular, se se quere, ten a súa lóxica, defenden os seus intereses económicos. O que non se entende nada,  e que tamén queiran facer de enterradores e de silenciadores a  persoas que mesmo andan  nas veiras do nacionalismo. Darlle folgos ao inimigo e algo así como tirar pedras contra o propio tellado,  e non semella que esta sexa unha postura moi acaída .

Esta intención de enterrar e silenciar o paso do nacionalismo no goberno bipartito, mesmo chega a situacións surrealistas que somentes poden ser entendidas no descoñecemento,  ou en considerar un erro profundo a política levada adiante polo nacionalismo no goberno bipartito. Diante da importante campaña de mobilización que se está levando adiante por toda a nación contra o espolio que están facendo no territorio galego as multinacionais do sector eólico, tivo lugar unha asemblea veciñal nas terras do Morrazo. Nun momento, a representante  de unha das plataformas  territoriais contra este espolio das multinacionais eólicas afirmou:  “Xa me gustaría a min que en Galiza houbese unha lexislación eólica como existe en Catalunya. Nesta nación para que se poida instalar un parque eólico, teñen que estar de acordo o 40% dos titulares das  terras”.

Mais nada dixo que na nosa nación, en tempos, existiu non unha lei, pero si  un decreto para o aproveitamento da enerxía eólica no que esixíalle  as empresas eólicas que,  para instalar un parque eólico, tiñan que ter o acordo do 70% dos titulares das terras. E ademais o proxecto eólico tiña que vir acompañado de un proxecto de desenvolvemento do medio rural. Este decreto promulgouse no goberno bipartito na consellería de Industria e Innovación dirixida politicamente polo nacionalismo. Se entendemos que a lei eólica de Catalunya e boa por esixir o acordo do 40% dos titulares das terras, como clasificar a lei do goberno bipartito que esixía o acordo do 70% dos titulares das terras?. Se esiximos a lei eólica catalana , porqué silenciamos a normativa que houbo en Galiza e que era moito mais avanzada? .

Toda a laboura política do nacionalismo no goberno bipartito foi perfecta? Evidentemente que non, porque  senón, non estariamos falando de persoas, estariamos falando de máquinas ou de extraterrestres. Pero unha cousa é criticar os erros que se puideron cometer (mesmo que se cometeron),  e outra cousa é silenciar e enterrar de cheo  toda a laboura do nacionalismo no goberno bipartito . Se así o facemos, estaremos obxectivamente ao lado do inimigo.  Estamos dándolle a razón  cando afirman que o paso do nacionalismo foi tan nefasto que o que cumpre é silencialo e enterralo para que desapareza da memoria histórica da sociedade galega . Estaremos sempre na fábula de Penélope : tecer, destecer, tecer , destecer.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña