01:44 Venres, 02 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-03-2022

¿Que foi dos 7.131 bens inmatriculados pola Igrexa na Galiza?

¿Como remataron, despois de un ano, as dilixencias previas instruídas dun expediente tramitado pola Delegación de Economía e Facenda de Lugo?

Valorar (8)

EDUARDO ÁLVAREZ



Na colaboración que se publicou en abril de 2021 preguntábame até canto teremos que seguir agardando para que se declare a nulidade das inmatriculacións de bens inmóbeis realizadas pola Igrexa. Tres meses antes, os grupos parlamentarios Bildu e ER presentaran unha proposición non de lei na que, entre outras cousas, solicitaban que o Congreso dos Deputados instase o Goberno a que ordenase, no prazo improrrogábel de tres meses, mediante Orde Ministerial ou Decreto do Goberno, a cancelación por nulidade incorrixíbel de todos os asentos practicados pola xerarquía católica, con arranxo ao artigo 206 da Lei hipotecaria, polo menos desde a entrada en vigor da Constitución española, por flagrante inconstitucionalidade sobrevinda, que ademais se realizaría en execución da doutrina e resolucións vinculantes do TEDH. Claro está, esta proposición foi derrotada no Congreso coa conxunción dos votos PSOE, PP, VOX e Cs. Pouco tempo despois, o grupo parlamentario do Partido Socialista, desvalorizando a proposición anterior e para que a situación siga como está, presenta no Congreso outra iniciativa na que insta o Goberno a que, “no prazo de seis meses desde a súa aprobación, elaborase un estudo no que se recollesen todos aqueles bens que desde 1998 foran inmatriculados a favor da Igrexa Católica, e se procedese a reclamar a titularidade do dominio se a inmatriculación se fixer sen a necesaria existencia dun título material...” É dicir, non se cuestiona a nulidade das inmatriculacións e limítase a que o Goberno elabore unha listaxe coa relación de todos os inmóbeis inmatriculados pola Igrexa entre 1998 e 2015. Aprobada esa proposición, iniciáronse conversas entre o Goberno e a Conferencia episcopal española despois de que a daquela vicepresidenta Carmen Calvo entregase no Congreso a listaxe dos 34.976 bens inmatriculados, entre os cales se encontran os 7.131 situados na Galiza. Goberno e Conferencia episcopal acordaran tamén crear unha Comisión mixta para analizar a “legalidade” destas inmatriculacións.  

No decurso de un ano, a Igrexa realizou unilateralmente un estudo do que extrae as conclusións que elevou a esta Comisión mixta e, persoalmente, ao propio Presidente do Goberno. Neste informe, a Igrexa recoñece que na listaxe dos 34.976 bens presentada no Congreso existen 2.575 incidencias, das cales, afirma, “1.500 teñen que ver con cuestións formais e non se refiren á titularidade” e que, por tanto, onde existían inexactitudes era na propia relación de bens elaborada polo Goberno, que se aproxima “ao millar de erros na adxudicación de propiedade”.  

En conclusión, a Igrexa non ten que devolver ao Estado ningún ben porque ese millar deles nin os inmatriculara nin nunca foran seus: simplemente, constitúen erros cometidos polo Ministerio de Xustiza á hora atribuír a titularidade na elaboración desa listaxe. En todo este proceso, segue afirmando a Conferencia episcopal, o Goberno non sinalou ningún caso concreto de reclamación por parte do Estado. É dicir, todas as inmatriculacións realizadas polos bispados son legais e a Igrexa segue mantendo a propiedade deses predios co asentimento do Goberno.


¿Que resolveu a Dirección Xeral do Patrimonio do Estado sobre o escrito presentado o 27 de marzo de 2021 no que se poñía no seu coñecemento a inmatriculación ilegal por parte da diocese de Lugo de varios predios situados na freguesía de Penarrubia, concello de Baralla? ¿En que rematou o expediente de dilixencias previas tramitado pola Delegación de Economía e Facenda en Lugo, a fin de verificar a situación destes inmóbeis e para determinar se existe base para considerar que deben integrarse no patrimonio da Administración Xeral do Estado? Pois ben, nin esta denuncia nin ningunha outra foron tidas en conta polo Goberno para que emprendese as accións necesarias para declarar a nulidade de tales inscricións. Trátase de inmatriculacións manifestamente ilegais porque os predios identificados no escrito non reúnen o requisito esixido no artigo 7 da Lei hipotecaria cando indica que “a primeira inscrición de cada predio no Rexistro da Propiedade será de dominio e practicarase segundo os procedementos regulados no Título VI desta Lei”. O bispado de Lugo procedera ilegalmente nesas inmatriculacións porque non gozaba de título de dominio, senón tan só do de usufruto porque así figura nas disposicións da persoa que en 1884 outorgou testamento, segundo o cal os párrocos onde se localizan eses inmóbeis dispoñen do seu usufruto sucesivo durante un longo período de tempo, mais o titular da núa propiedade, en aplicación do chamamento sucesorio en ausencia de herdeiros, é o Estado.  

Desde 1946, a Lei hipotecaria, conferíndolles aos bispos funcións públicas notariais equiparábeis ás das Administracións, concedíalle á Igrexa católica a facultade de inscribir os bens cando carecían de título de propiedade “mediante a oportuna certificación librada polo funcionario a cuxo cargo estea a administración dos mesmos, na que se expresará o título de adquisición ou o modo en que foron adquiridos”. ¿Onde están os títulos de adquisición destes predios inmatriculados a nome da diocese de Lugo? ¿Na certificación, asinada polo bispo-funcionario público, expuxéronse con fidelidade os feitos e o modo en que foron adquiridos eses bens? De ningunha maneira se pode admitir a boa fe na expedición destas certificacións por parte do bispado de Lugo porque nos seus arquivos consta o testamento outorgado polo causante onde el mesmo encarga un irmán seu que envíe unha copia ao bispado “para que se obrigue a los súbditos se cumpla lo referido.” O bispado de Lugo, para obter esta inmatriculación, realizou un autocertificado falso no que se atribúe o pleno dominio sobre uns bens inmóbeis malia ser coñecedor das cláusulas testamentarias que o desmenten. ¿Como remataron, despois de un ano, as dilixencias previas instruídas no expediente tramitado pola Delegación de Economía e Facenda en Lugo?

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña