Son consciente de que vivimos nun mundo cada vez máis polarizado, onde todo se reduz a unha simples dicotomía entre dous bandos opostos: os bos por un lado, e os maus, polo outro. Así pois, co fin de evitar calquer tipo de suspicacias, vaia por diante que non me cabe dúbida de que o Presidente Putin sexa un déspota autocrático e que condeno a invasión da Ucraína. Do mesmo xeito que condenaría, condenei e condeno calquer agresión bélica ao grito de Non à Guerra!: dende a inxerencia militar dos U$A na Corea e no Vietname (napalm e axente laranxa incluídos), os bombardeos da República Federal da Iugoslavia polas forzas da OTAN de 1999 coa morte de centos de civís incluídos o ataque aéreo dun campo de refuxiados e de persoas desprazadas, ou a invasión do Iraque en 2003 por tropas estadounidenses, británicas, australianas e polacas, até a intervención militar dos EUA en Somalia que perdura até hoxe e a intervención militar da OTAN na Libia en 2011, pasando polo implicación directa estadounidense no golpe que puxo fin à Revolución de Guatemala en 1952 ou a fracasada tentativa de derrubar o Goberno Socialista de Cuba e o descalabro da Batalla de Girón... todo en nome da paz, da liberdade e da democracía.
Ao igual que nos westerns, se se para a cavilar un momento en quen os fico e con que axenda, non sempre é tan fácil distinguir o bando dos bos (os valentes cowboys?) do dos maus (os selvaxes indios?). Botando a ollada atrás à historia, valla de exemplo o bombardeamento de Dresden coa morte de máis de 20 000 civís que non se pode xustificar aludindo ao Blitz de Coventry, independentemente do execrábel que fose o rexime hitleriano. O mundo non se divide tan nitidamente entre branco e negro, mais declínase en escalas de cincento onde cumpre ter en conta os matices para comprendelo en toda a súa verdadeira complexidade.
A verdade hai que contala toda, senón deixa de selo. Eis xa o primeiro tufo a hipocrisía. Ao tempo que se acusan os medios rusos de seren propagandísticos, polo que se censura Russia Today en aras a manter unha única narrativa ‘veraz’ da realidade libre de calquer tipo de contraste ‘distorcionador’, os medios sistémicos supostamente tan plurais dos países occidentais, tamén sempre ao servizo do poder, pasan en silencio aqueles elementos que contradín ou turban o discurso oficial. Non me lembro, por exemplo, de ouvir falar nen moito nen pouco da Batallón de Azov, orixinariamente fundada durante o a Euromaidan como unha organización paramilitar neonazista acusado polo ACNUDH cometer violacións de direitos humanos e crimes de guerra na Guerra en Donbas, incluído torturas, estupros, saques, limpeza étnica e a perseguición de homosexuais, xudeus/ías e rusas/os. No entanto, desde 2015, esta milicia pasou a ser un reximento regular da Garda Nacional ucraína. Curiosa democracía onde se acolle cos brazos abertos a ultra-direita máis rancia ao mesmo tempo que fica prohibida por lei desde 2015 toda simboloxía comunista e onde os partidos comunistas non poden apresentarse às eleicións.
Moito se fala da ‘anexación’ ou reunificación da Crimea por parte da Federación Rusia en 2014, mais esquécese de mencionar o referendo que tivo lugar na República Autónoma da Crimea e Sevastopol, de maioría de fala e etnia rusas, que formaban parte do Oblast da Crimea dentro da URSS até que foi regalado a Ucraína polo revisionista Khrushchov en 1954. Apesar de que 97% dos votos depurados saíron favorábeis à reintegración à Federación Rusa cunha taxa de partición de máis de 80%, o goberno provisorio ucraíno xunto coa Unión Europea –que se apresurara a recoñecer a independencia de Kosovo en 2008– refusaron recoñecer esta expresión da vontade popular, desprezando o direito de auto-determinación recoñecido pola ONU. Son os mesmos que hoxe se enchen a boca de ‘soberanía’: polo que se ve, a soberanía está recoñecida sempre en función dos intereses xeopolíticos e a afinidade co bloco da OTAN-EU.
O alarmismo belicista ameaza con que se non se intervén a tempo para frear a megalomanía territorial do potentado ruso, seica tamén se vai encoraxar o dragón da China comunista a seguir os seus pasos ao ‘anexionar’ o Taiwán libre. Ou máis ben recuperalo, ao igual que fixo con Hong Kong, à verdadeira luz da historia recente da illa. Cabe lembrar que en 1945, o bando nacionalista liderado polo Kuomintang tomou controlo da antiga Formosa onde instaurou a autoproclamada República da China, unha autocracía autoritaria monopartidaria con Chiang Kai-shek à cabeza apoiada –como non– polos EUA, apesar de non convocar as súas primeiras eleicións presidenciais até 1996.
Subitamente tamén, @s gobernantes europeus non deixan de magoarse sobre a sorte d@s refuxiad@s, preocupad@s por lles asegurar unha pasaxe segura e acubillo nuns países que até ben pouco se mostraron máis ben avesos a abriren a súas fronteiras. Quen non se conmovería ante as terríbeis imaxes que se repeten nas noticias estes días? Mais seguen gravadas na miña mente aquelas outras imaxes igual de crúas da chamada Selva de Calais ou na fronteira polaca, do corpo sen vida do cativo sirio-curdo de tres anos Alan Kurdî afogado na praia, do naufraxio que segou a vida de até 700 migrantes e un sen-fin de traxedias humanas máis de persoas fuxindo das guerras, da persecución e da miseria. Infelizmente, ao parecer hai dados obxectivos que tenden a confirmar o meu cinismo: por un lado, están as persoas como ‘nós’, europeas, brancas; e, polo outro o alleo, negro e musulmán... Non só están en xogos intereses xeopolíticos evidentes, mais tamén unha xenofobía latente envolta na embalaxe da necesidade de defender e espallar os “valores europeus”.
E para defender estes “valores europeus”, a Ministra de Relaciones Exteriores do Reino Unido, animou os británicos a se alistaren na Lexión Internacional para combateren ao lado do povo “pola liberade e a democracía, non só para a Ucraína, mais para toda a Europa”. Curiosamente, non se aplicou a mesma vara de medir aos europeus e às europeas que combateron o Estado Islámico ao lado do povo curdo no Batallón de Liberdade Internacional, mais ben todo o contrario. Talvez sexa porque estes militantes de esquerdas e anarquistas non encarnan estes mesmos “valores europeus”.
Non tardaron as federacións desportivas a boicotearen as equipas rusas como medida punitiva destinada a reforzar a presión das sancións occidentais. De repente, ao parecer, se permite mesturar desporto o política, mais sempre dependendo da causa; non esquezamos que foron multados no seu día varios clubes de futebol debido à conmemoración do Levantamento de Pascua no seu equipamento e à exhibición de esteladas ou bandeiras palestinas. Non lle escapou ao ex-xogador exipcio a hipocrisía de condenar a actuación da Rusia ao tempo de ficar calado sobre a matanza sostida de civís durante anos na Palestina.
De facto, non satisfeito con burlar a mínima decencia humana ao enviar unha concursante à Eurovisión de 2018 para nos dar leccións sobre o bullying coincidindo case día por día co Nakba, a hipocrisía atinxiu o seu apoxeo cando nen se ruboriza o Ministro de Relacións Exteriores do Entidade Sionista ao declarar que o Estado que está a perpetrar o xenocidio do povo palestiniano “estivo e estará do lado correcto da historia” e que ten un “deber moral e unha obriga histórica de facer parte deste esforzo”. Curiosamente, Andriy Biletsky, líder do partido de extrema-direita ucraíno Corpo Nacional, primeiro comandante do Batallón de Azov e deputado no Verkhovna Rada entre 2014 e 2019, afirmou que considera o Estado Sionista, xunto co Xapón, como un modelo a seguir para a Ucraína.
[15-03-2022 14:06] Marica Campo comentou:
Grazas, Robert Neal. Esa é a palabra: hipocrisía. Hipocrisía e complicidade de medio mundo que se entrega con armas e bagaxes ao discurso imperialista dos USA, elefantes en olaría, a descompoñelo todo. Isto á marxe do repudio total das accións de Putin e de todas as guerras. Todas.
Os campos marcados con* son obrigatorios.
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal
A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web.