00:18 Venres, 02 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-01-2022

Ao mentireiro ministro, José Luis Escrivá

Vostede minte para que a prensa corporativa, engraxada co diñeiro público que pagamos tamén os e as pensionistas, espalle as súas mentiras

Valorar (3)

RAÚL RÍO DÍAZ



Señor ministro:

Sinto ter que afearlle esa mala costume que ten de non dicir a verdade. Eu odio a mentira e penso que si vostede é consciente das que saen pola súa boca darase conta de que non está capacitado para exercer ese alto cargo en ningunha democracia que se prece e si non fora consciente tampouco é merecedor del, polo mero feito desa inconsciencia. Estou seguro que de seguir así por ese camiño, en pouco tempo vaise poñer vostede a altura de Feijoó, que é capaz de contar ao revés as tres verdades do barqueiro sen poñerse roibo, porque el xa ten moito callo na cara, pero vostede vaille á zaga.

Vostede minte para que a prensa corporativa, engraxada co diñeiro público que pagamos tamén os e as pensionistas, espalle as súas mentiras. Sigue mentindo a pé xunto, dicíndolle a quen queira escoitalo, que cos recortes que fixo na última reforma das pensións, temos garantido o poder adquisitivo, porque seica está baseada no IPC, pero non lles explica porque so subiron o pasado ano un 2,5%, cando a carestía da vida foi dun 5,5%. Non lles explica que a súa retorcida fórmula para aplicar a media mensual do IPC rebaixa a porcentaxe a menos da metade do IPC real, de aí que so no 2021 perdemos os e as pensionistas un 3%, bastante mais da metade do que perdemos en cinco anos con Fátima Báñez e o seu mísero 0,25%, que xa é dicir.

Prégolle que pense vostede ben o que di e que rectifique, que din que rectificar é de sabios. Debía saber, como en Barrio Sésamo, que a inflación media é menos que a enteira e por medio desa arrevesada formula que vostede chama impoluta e indiscutible perdemos as e os sufridos pensionistas moito poder adquisitivo cada ano que nola apliquen. Unha fórmula que rebuscaron para empobrecer aínda mais aos e as pensionistas e que agora pretenden aplicarlles tamén aos traballadores en activo para distribuír a riqueza entre os máis poderosos, deixando na miseria á clase traballadora, que, mal que lle pese a vostede, é a que produce a plusvalía e a riqueza.
Pregúntome  porque quere ofendernos aos e as pensionistas tratándonos de estúpidos e estúpidas. Co debido respecto, quixera lembrarlle que os e as pensionistas somos maiores, pero non somos tontas nin nos chupamos o dedo. Si vostede cree que coas mentiras que saen pola súa boca nos vai enganar e que imos deixar as prazas e as rúas, índonos para a casa rendidos e co rabo entre as pernas, está vostede moi equivocado. Eu diríalle que se faga mirar ese problema de mentireiro compulsivo antes de que sexa demasiado tarde e xa non se poida remediar o tema, porque non creo que o faga por ignorancia; si ese fora o caso, aconséllolle que faga ben os cálculos e senón ten tempo, ou por preguiza, que llos faga un subalterno, pero bote as súas contas si é que pode e logo diga a verdade como calquera persoa honrada.

Porque vostede non minte so aos medios de comunicación, senón que minte tamén no Parlamento, ante cámaras e taquígrafos, menosprezando a intelixencia dos seus  compañeiros e compañeiras deputadas e a dos e das cidadáns que lle deron o seu voto, algo que debera incapacitar para cargo público e ser constitutivo de delito penal, como o é nun acto xudicial, sempre que o mentireiro non sexa o acusado. Dígolle isto porque vostede mentiu dun xeito vergoñento o pasado 10 de novembro, cando lle asegurou no Congreso dos Deputados ao parlamentario Iñaki Ruíz Pinedo, que quedaba garantido o poder adquisitivo das pensións, razoándoo textualmente deste xeito: Xa verá vostede como se alcanza un acordo sobre este mecanismo absolutamente escrupuloso e manter o poder adquisitivo e reforzar o sistema de pensións… Xa verá vostede como o tranquilizo amplamente sobre a súa posible inquietude… No acordo que se está debatendo en comisión, onde estritamente aseguramos a recomendación do Pacto de Toledo, que é o mantemento do Pacto de Toledo mediante o IPC. E facémolo con un mecanismo impoluto, indiscutible. Logo vostede pregúntalle a Iñaki: ¿Vostede cree que os axentes sociais, os sindicatos, firmarían con nosoutros si fora o que vostede di? O que aseguramos é que sexa a inflación media do ano anterior, que esa inflación media vaise aplicar indefinidamente. Iso quere dicir que, calquera fiestra que vostede me abra, o poder adquisitivo das pensións e a súa revalorización está completamente asegurada, completamente asegurada. Si quere, bilateralmente discutímolo e facemos algo de exercicio numérico e poñémonos de acordo.

Sen embargo eu volvo insistir que a inflación media que sae da súa fórmula é moito menos que a enteira e xa sabemos por experiencia, señor ministro, como actúan nestes casos os sindicatos CC.OO e UGT, que debido as súas necesidades económicas firman o que lles boten con tal de que lles deixen recoller as frangullas que caen das mesas do Pacto Social, do Pacto de Toledo e das pensións privadas, tan necesarias para a súa economía doméstica e domesticada.

Un goberno que se auto titula o máis progresista da historia debera mirar por unha distribución máis equitativa da riqueza que a que temos, pero vostede, coa súa fórmula, mais propia de estafadores que de ministros ou dun home de ben, pretende darnos o “tocomocho” e coa colaboración necesaria dos seus sindicatos amigos, converternos en pouco tempo aos e as maiores -que creamos a riqueza actual e arrincamos ao franquismo este tema social que agora vostede nos quere recortar- en pobres de solemnidade, como lles chamaba Franco aos que non tiñan nin para comer e tiñan que pedir esmola.

Pense, señor ministro, como estará o patio; que un amigo meu de Ermua díxome que unha veciña súa, xa moi maior, lle pediu que lle calculara a subida que lle correspondía e ao dicirlle o meu amigo que so eran uns 15,30 euros ao mes, a pobre muller baixou a cabeza e murmurou en voz baixa: Que pena, aínda non me chegan para unha escopeta e unha caixa de cartuchos.

O que no sabe o meu amigo é para que querería a pobre señora a escopeta e a munición.   


   

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña