12:05 Mércores, 26 de Xaneiro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-12-2021

HOXE CATALUÑA, MAÑÁ.....

En Cataluña, poden celebrarse manifestacións nas que ondeen bandeiras fascistas

Valorar (19)

DUARTE CORREA PIÑEIRO



Houbo un tempo no que os defensores do sistema político saído da transición dicían que todo se podía defender sempre e cando se fixera sen violencia, non hai tantos anos diso e semella que pasaron séculos.

Pero resultou ser unha simple escusa, coa que ocultar a realidade dun sistema político  que “en ausencia de violencia”, como gustaban dicir daquela, segue atacando e perseguindo ao discrepante.

Hoxe en Cataluña hai máis de 3000 persoas con causas abertas por supostos delitos relacionados co procés, causas que penden como espadas de Damocles e poden estar anos inactivas até que alguén decide activalas; non en función dos tempos propios do poder xudicial, senón en función dos intereses políticos do réxime. Son máis de 3000 persoas que non saben cal é o seu futuro xudicial, se os casos van ser arquivados definitivamente ou se van ser xulgadas.

Dísenos que grazas ao 155 en Cataluña hai xa unha situación como a anterior ao procés, situación na que o único problema está nos nacionalistas e independentistas, que utilizan todas as argucias ao seu alcance para seguir poñendo a bota do fanatismo identitario sobre o pescozo de quen queren vivir en harmonía, desfrutando desta España que se nos vendeu como o estado máis descentralizado de Europa.

Só precisamos escarvar un pouco para comprobar que a realidade é a contraria; escarvando descubrimos que en Cataluña hai un Parlament que está amordazado, o poder xudicial impídelle cumprir coa función para que foron creados os parlamentos, función que se desprende da súa propia denominación. No Parlament catalán non é posíbel parlar de todo aquelo que consideren convinte quen o compoñen e foron elixidos e elixidas pola cidadanía. No Parlament catalán, por exemplo, pode debaterse sen perigo sobre a eliminación da autonomía ou sobre que todo o ensino sexa en español, e non tes perigo de que que che abran proceso xudicial; pero caso de presentarse unha iniciativa para debater sobre o dereito de autodeterminación, o poder xudicial actuará de inmediato contra os integrantes do órgano parlamentar que se atreva a admitir a trámite esa iniciativa.

En Cataluña, unha entidade bancaria ou un particular poden esixir o desafiuzamento da súa vivenda de unha familia imposibilitada de cumprir cos seus compromisos de pago do aluguer ou dos prazos da hipoteca, e ese desafiuzamento pode executarse caso de que un xuíz así o decida. Pero en Cataluña o goberno da Generalitat non pode aplicar unha lei tan pouco identitaria e tan pouco anti-española como a lei de alugueres, lei que entre outras medidas establece a obriga de conxelar ou baixar os prezos do aluguer en determinadas circunstancias de vulnerabilidade. O goberno catalán non pode aplicala, pese a ter sido aprobada polo Parlament, porque foi recorrida diante do Tribunal Constitucional polo goberno español de PSOE e Unidas Podemos.

En Cataluña, poden celebrarse manifestacións nas que ondeen bandeiras fascistas e non hai encausamento dos organizadores ou responsábeis; pero nesa mesma Cataluña hai unha semana foi xulgado o compañeiro Pau Juvillá, por non retirar un lazo amarelo en do local da CUP na Casa Consistorial do concello de Lleida. En 2019 Pau Juvillá era concelleiro en Lleida e non obedeceu unha orde da Xunta Electoral, porque o lazo estaba en dependencias asignadas ao seu grupo político en base á súa representatividade no concello, e non no salón de plenos ou noutro espazo de uso común ou referencial do concello como podían ser a porta ou a varanda principal.

A Xunta electoral argumentaba que aquel lazo podía influír no proceso electoral das eleccións estatais, un lazo amarelo que non é símbolo nin distintivo de ningunha organización ou ideoloxía política, igual que non o son o lazo azul, o lazo rosa ou o lazo negro; ademais a CUP non se presentaba a aquela convocatoria electoral, e por tanto non se podía ver “favorecida” pola exhibición do lazo.

Nun documental producido por unha televisión francesa, no seu momento polémico pola negativa da televisión pública española a emitilo, Juan Carlos de Borbón dicía  “días antes de morrer, Franco colleume a man e díxome: Alteza, a única cousa que vos pido é que preservedes a unidade de España”. Franco morreu hai xa 46 anos e Juan Carlos fugouse hai máis de 15 meses, pero o réxime herdado do franquismo mantén o mesmo obxectivo. Porán todas as capas de maquillaxe que consideren, pero á hora da verdade teñen claro que a única garantía de que se perpetúe o réxime está en manter a unidade de España custe o que custe.

Non é preciso ser independentista para decatarse de que coa escusa de perseguir ao independentismo estanse reducindo dereitos e liberdades básicas, e asentando na sociedade a idea de que quen discrepa é un criminal, e quen é perseguido, mallado a paus, xulgado ou encarcerado “algo faría”.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña