08:58 Sabado, 13 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-11-2021

Aquí a xustiza ten que vir de fora

Menos mal que, outra vez, a xustiza ven de fora e a xuíza arxentina María Servini ven de procesar ao daquela ministro de interior, Martín Villa

Valorar (7)

RAÚL RÍO DÍAZ



O Estado español é o número un do mundo en artistas condenados e ten un dos códigos penais mais duros da Unión Europea para estes casos, pero a deficiencia da súa xustiza podemos vela na corrupción sistémica que campa ás súas anchas e non hai xuíz patrio que a pare debido ao poder dos corruptos, que son a base deste réxime. Esa corrupción empeza por personaxes e familiares da irresponsable e fétida Casa Real, pero que tamén abrangue, en maior ou menor medida, aos dous partidos políticos que cada uns cuantos anos alternan as cadeiras do Goberno Central. Digo as cadeiras do Goberno, porque o poder está nas mans dos grandes monopolios e oligopolios (tamén corruptos), que son os que verdadeiramente ordenan e mandan con una gran soberbia, insolencia e arrogancia, tanto cando fan algo legal como cando infrinxen as leis.

Afirman ao unísono os dous partidos que vivimos nun Estado de Dereito onde existe independencia de poderes, pero tanto un coma o outro andan pelexándose por colocar no chamado Poder Xudicial aos seus amiguiños dixitalmente co dedo, sistema de elección nada democrático e reprobado polo Consello Europeo, quen tamén considera que o Estado Español está a cola da independencia xudicial. Unha proba de que o poder executivo é quen ordena e manda nese Poder é a locuacidade de Aznar, cando dixo aquelo de: Pensaban que non nos íamos a atrever!, referíndose ao ilegal peche do diario Egin polo prevaricador Baltasar Garzón e o encarceramento dos dirixentes e periodistas dese medio, ou cando unha periodista  da Cadena Ser lle comentou a Otegi: Díxome Rubalcaba que te ía deter e que ti xa o sabías, e detivérono, pois a consigna era (segundo recoñeceu publicamente Jesús Eguiguren) Pájaro que vuela a la cazuela. Nós xa sabíamos que eran capaces de facer esas prevaricacións e moitas mais brutais, pero nos dous casos foi o Tribunal de Estrasburgo o que lles emendou a plana, aínda que foi despois de cumprir integramente as inxustas condenas.    

Por iso, neste reino borbónico é imposible agardar xustiza si esta non ven de fora, sobre todo si os casos se dan entre o poder central e as nacións sen Estado. Afirman que todos somos igual ante a lei e podemos ver que a queima dun caixeiro en Euskadi ten mais anos de cadea que os tres asasinatos da Garda Civil en Almería e unha pelexa coa garda civil, nunha noite de festa na patria de Aitor, pode ser castigada con penas de doce anos de reclusión. Por todas esas aberracións xudiciais foi polo que tamén lle tirou das orellas o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH); pola gran cantidade de condenas de casos de tortura que se dan nas diferentes comisarías e que non foron investigados por eses xuíces, entre os que quedou campión o actual ministro do interior da “perrita”, Grande-Marlaska, con mais de sete advertencias por non investigalos; anulando o xuízo do caso Bateregune por non cumprir as garantías, despois de que todos os condenados cumpriran inxustamente ata sete anos de cadea cada un. Pero non contentos con iso e coa intención de evitar o ridículo, aínda se envorcan mais na lama querendo repetilo.

Desde o 8 de xullo de 1978 andan intentando os navarros que se esclareza o asasinato de Germán Rodríguez a mans da policía na praza de touros de Iruña, pero foi imposible. Menos mal que, outra vez, a xustiza ven de fora e a xuíza arxentina María Servini ven de procesar ao daquela ministro de interior, Martín Villa (un dos pais desta “democracia plena” do 78), por esta morte e polos asasinatos en Vitoria, en 1976, onde resultaron asasinados os traballadores Pedro María Martínez Ocio, Francisco Aznar Clemente, Romualdo Barroso Chaparro, José Castillo e Bienvenido Pereda, ademais dos asasinatos de Rafael Gómez Jauregi en Errenteria; José Luis Cano Pérez en Iruñea; Francisco Javier Núñez en Bilbo; José María Zabala Erasun en Hondarribia e de Normi Mentxaka en Santurtzi.

É triste que sexa a xustiza arxentina a que quere botar luz sobre todos estes asasinatos, pero mais triste é que fai un ano, os ex-presidentes españoles, Felipe González, José María Aznar, José Luis Rodríguez Zapatero e Mariano Rajoy remitiran cartas a esa xuíza, nas que manifestaban o seu apoio ao ex-ministro.

Non é a miña intención enumerar todos os procesos xurídicos irregulares que se deron e se dan nesta democracia á turca, porque entón necesitaría escribir unha enciclopedia de moitos volumes, e non teño tanto tempo; nin tampouco penso que vaian deixarnos de sorprender con casos tan surrealistas como o dos compañeiros de A Mesa pola Normalización Lingüística, que están procesados por esixir ás autoridades que cumpran a legalidade e chamen á illa da Toxa polo seu verdadeiro nome, polo que vou rematar con tres casos nos que foron moito mais alá do ridículo:

Un deles foi as veces que lles denegaron a extradición de Carles Puigdemont en distintos países; primeiro en Bélxica, despois en Alemaña e fai pouco en Italia, nas que eses países deixaron a altura do barro ao xuíz do Supremo, Pablo Llarena, ao gozar o ex-presidente de liberdade de movementos en territorio europeo e non haber neses países un código penal da virulencia do español, feito expresamente para castigar ao independentismo; acusándoo de sedición cando todas as actuacións dos independentistas durante o referendo do 1 de outubro de 2017  foron pacíficas e a única violencia que houbo foi a da Garda Civil e a das outras forzas de seguridade. Por iso dixo ironicamente Puigdemont:  España non perde nunca as oportunidades de facer o ridículo.

O segundo é o caso do xuíz Manuel Marchena Gómez, que despois de meter na cadea aos presos políticos cataláns, condenou a Alberto Rodríguez utilizando a Lei Mordaza, baseándose simplemente na acusación dun policía e obrigando, ademais, á Presidenta do Congreso, Maritxell Batet, a inhabilitalo como Deputado, pois anque non o puxo na sentencia por medo ao Alto Tribunal Europeo, díxolle que a inhabilitación especial para o exercicio do dereito de sufraxio pasivo é unha pena accesoria "obrigada", que é non poder presentarse as eleccións, pero non perder a acta.

Outro no que se nota moito a ideoloxía fascista que utilizan estes xuíces que non foron depurados, ao non haber rotura co franquismo, é na recen sentencia da xuíz  de Marbella, María Belén Ureña Carazo, na que lle nega a custodia da súa filla a unha veciña de Muros con argumentos e opinións subxectivas e tan xurídicas como o de vivir na Galicia profunda, que mostran o odio deses supremacistas españois que xulgan con tópicos racistas aos que non somos españois nin compartimos as súas ideas imperialistas, ofendendo a todos aqueles que con orgullo nos criamos nas aldeas da “Galicia profunda”, pero que temos unha calidade humana, moral, cívica e solidaria á que nunca chegará ela.

Por último, penso eu que en ningún país do mundo se lle permitiría alternar o Goberno, cada dous por tres, a dirixentes dun partido cualificado en sentencias firmes, polo Tribunal Supremo e pola Audiencia Nacional, como unha organización criminal para delinquir, na vez de estar eses dirixentes na cadea e o partido ilegalizado por esas graves acusacións de roubo e criminalidade que se verten nas súas sentencias.

Pero todo isto so pasa aquí, neste reino corrupto dos Borbóns.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña