01:10 Martes, 30 de Novembro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-11-2021

A raiña LUPA : Il seria unha LOBA ?

Na Idade Média, chamábase “LOBA ” a unha túnica branca que colocaba o cura para dar a misa

Valorar (7)

CÉSAR VARELA GARCÍA



Non nos cadra que unha raiña que a tradición nos presenta como sábia e benevolente; tanto que é quen de entender a importancia de receber o corpo do apóstolo, e consentir o enterramento nos seus dominios, como pode ser nomeada con un apelativo que ten todo de pexorativo ?

Chamarlle a unha muller de LOBA , ainda hoxe é un xeito moi negativo de considera-la.

Pensade na bandoleira PEPA  A LOBA.

Mesmo dicer de un home que é un “lobo”, tamén non cadra para facer unha boa imaxe díl.

Velaí as nosas leendas a loor dos  terríbeis LOBISHOMES.

Non obstante , a documentacón medieval galega e portuguesa está chea de referencias a consideradísimas señoras que locen o nome de DONA LOBA.

Xa latinizano, aparecen como : DONA LUPA, e mesmo os homes son chamados de LUPO  e LOBO.

O apelido LOBO  e LOBÓN  ( LOBÂO ) ainda hoxe ilustra o chamadeiro de unha chea de persoas galegas e portuguesas.

E daí sairon todos os LOPES que rexen polo mundo adiante.  

O lobo, fora das teorías conservacionistas de hoxe; na nosa cultura, sempre foi considerado un animal que encarnaba todas as maldades,  até cuase demoníacas.

Aos nenos da miña infancia non nos decían “ cuidado cos coches !”, coma hoxe, senón: “ que vai vir o lobo ! ”.

O perigo non eran os escasos coches que andaban daquela, senón o temíbel lobo.

Comía ovellas, e atacaba o gando, e polo tanto era perseguido e a súa captura premiada pola comunidade.

Velaí están os topónimos de FOXO LOBAL, FOILEVAR, O FOXO DOS LOBOS,… que testimuñan a loita dos pegureiros contra tal alimaña.

Cómo o nome dun animal de tan máa consideración pola sociedade podía pasar a ser o nome das mais distinguidas fidalgas ?  

Algunha cousa non cadra….! Ensaiemos outro xeito de focalizar o tema !



Na Idade Média, chamábase  “LOBA ” a unha túnica branca que colocaba o cura para dar a misa.

Paréceme que hoxe chámase ALBA á tal batina.

Seica todo procede do francés L’AUBE, que o trae do latino ALBUS.

Mesmo o nome dos OVOS das galiñas deben o seu nome á albura da sua cór. ALBO > OUBO > OVO

Escoitei aos nativos mexicanos de chamarlle “blanquitos”.

No nome da OVELLA debe estar escondida a sua xenérica blancura. ALVILIA > OUVELLA > OVELLA

Todo isto lévanos a pensar que, se cadra, a orixe do nome das damas galegas, tería mais a ver coa albura da súa pele ou cabelo, que co fero animal que mora no monte.  

Recollamos  o poema de F. Villon  : “Ballade des dames du temps jadis ”:

Onde fai unha lembranza de antigas damiselas galas :
“ La royne BLANCHE comme lis

Qui chantoit à voix de seraine

BERTHE au grand pied

BIÉTRIX, ALLIS, HAREMBURGIS,…

e JEANNE, la bonne Lorraine,…

Mais ou son les neiges d’antan ?

O nome de LOBA  das nosas fidalgas, viría da “ L´AUBE ” francesa?.

No poema, a primeira das damas chámase  BLANCHE; xa son os anos de 1450, e  se cadra o nome de L’AUBE xa pasara de moda.  

Ou cabería unha evolución desde o latin para o galego ? Podería recorrer-se un camino evolutivo do tipo :

ILLA ALBA > ILLA OUBA > A LOUBA > A LOBA ?

Iste nome, xa xermanizado, viria a dar nas DONA BRANCAS que inzan polas documentacións posteriores, até hoxe.

Recollemos da Estoria ( s. XIV ): “ Et foi esta infante…. que era moy ALVA e moi fermosa,…”

Os copistas, daqueles tempos, ignorantes da orixe etimolóxica do nome, latinizaron LOBA por LUPA, do mesmo xeito que os traductores dos Evanxeos cometeron o erro de traducir CAMELUS, polo ruminante dos desertos,  e ainda hoxe estamos co absurdo de que un rico non pode entrar no ceo, conforme un camelo tamén non entra polo ollo dunha agulla,… mádia leva !

DONA BRANCA  é o nome dunha caste de uva polas terras de BARONCELLE  ( Val de Monterrei ), que como a MENCÍA recolle os chamadeiros das señoras daqueles tempos.

O nome de LOBA caería en desuso, sustituido polo menos conflictivo de BRANCA…  

Ainda temos unha segunda opinión, se a primeira non fose posíbel.

LOBÁS é o nome dunha parroquia do Carballiño.

Na primeira idea, relacionaríamos o seu nome cos lobos, que non deberon escasear no viciño monte da MADANELA .

O caso é que a documentación medieval non nos autoriza a eso; alí é chamada de LIUBANNIS , o que nos devolve a que o seu nome sexa debido a un posesor /a, apelado de LIUBA ; nome que moitas mulleres rusas ainda usan  hoxe, e cuxo significado ten que ver co amor.

A traducción sería  AMANDO/A , AMABLE, ou AMOROSO/A.

Por esa banda debe entrar o LOVE  inglés e o LIEBE alemán.  

Non sei se valerá alguna desas teorías para explicar o chamadeiro  das nosas damas das “ neves de antano”.

De todos xeitos, parés moito mais razoábel aceitar que o nome das nosas donas LOBA, receberon o tal apelativo ou ben por ser o seu cabelo ou pele dunha proverbial brancura, ou por ter o nome derivado amorosa palabra centro europea LIUBA.

O que que temos que desbotar, de calquera  xeito, que tal nome procedese dos LUPANARES nen tivese nada a ver co fero e montesío animal que era o LOBO.


[29-11-2021 13:45] Manoel comentou:

"Cas na loba", preto de Sandiás en Ourense.
Telo que ver...
Graciñas polo teu traballo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña